Hai anos, no correspondente repaso poselectoral que facía, concello por concello e alcalde ou responsable político local por etc. o daquela presidente do Deputación e do PP de Ourense, JoséLuis Baltar, mirou as contas dun deles -concello, alcalde ou responsable local- concreto, e pediu explicacións. O interpelado, medio avergoñado, medio cabreado, revolveuse: "É que me morren os votantes, presidente!".Alberto Núñez Feijóo botou man dos clásicos o outro día no comité de dirección do PPdeG para xustificar a derrota -"hostia-hostia", segundo a definición da politóloga Rita Barberá- das candidaturas conservadoras o pasado domingo 24 de maio. Igual que para aquel alcaldiño ourensán, 186.000 votos e dúas deputacións menos teñen para o presidente do PP de Galicia explicación, en parte, porque neste catro anos morreron 100.000 censados.

As razóns de porque se deron involuntaria e irremediablemente de baixa electoral e vital os votantes de orde e non os de desorde non están claras. Pódese argumentar que os vellos teñen unha cosmovisión máis conservadora -aquilo que si dicía Churchill de que quen de novo non é revolucionario non ten corazón, e quen aos 40 o sigue sendo, non ten cabeza-, pero tamén houbo centos de miles de mozos que tiveron que saír ganar o mundo por aí adiante, ou sexa que o eixe conservador/vello-progreso/novo estaría equilibrado censalmente. E a maiores, o BNG fíxose con alcaldías en sitios onde lle chaman xente nova á que non baixa dos 40 e pico. Máis plausible é o argumento presidencial de que a cousa debeuse a que houbo xente que non foi votar. Obviamente, trátase de xente que non foi votar ao PP, ese é un argumento indiscutible, pero non aclara de novo por que si foron votar aos outros. En definitiva, se eu fose un analista serio, cuestionaríame por que se produciu ese fenómeno que poderíamos definir como de abstención desigual ou inapetencia asimétrica.

Con todo, a análise para xustificar o bacarrá que máis me fixo pensar foi a de que o PP estaba centrado en atallar a crise, loitando como leóns nos despachos pola recuperación económica, e fallou a comunicación, ou sobraron os efectos dos recortes (aquela "piel" que faltaba no anuncio televisivo no que saía a executiva do PP merendando). Resumindo tantas e tan variopintas teses, mentres o partido no goberno estaba traballando pola xente, os demais andaban ao seu, cando non pisándolle a mangueira. A sensación que eu tiña dos demais é, no que respecta aos rivais tradicionais,que PSOE e BNG estaban medio apampados e facendo campaña co piloto automático, procurando que os propios non lle deran demasiadas puñaladas. En canto ás opcións emerxentes, Mareas e taltrii, bastante tiñan con darse constituído, superando o xen cainita ancestral e ao natural amor ás siglas. Claro que xa se queixaba Clemenceau hai cen anos que gobernar nun réxime democrático sería moito máis fácil se non houbera que ganar eleccións constantemente. Agora, se se están esforzando en atallar a crise e en resolver problemas é o resultado que hai é este, poden aforrar as sucesivas campañas.