Entre a antoloxía de mulleres galegas María Pita sempre deu e dará que falar. Por algo se lle dedica praza, monumento principal, casa-museo, poesías, novelas, pregóns, festas maiores e páxinas de historia coas versións duns e doutros, dos invadidos e dos invasores.

Na Coruña , que presume por historia de liberal e laica, manda sobre os santos e as santas a profana María Pita. Pese aínda a que a cidade ten padroeira propia, celebrada cando lle corresponde e se abren as portas do outono, arredor do sete de outubro, é a Virxe do Rosario, socorrida tamén como "das Vitorias". Devoción dominicana acrecentada, segundo a tradición, por debérselle a súa milagreira intervención na derrota inglesa. E veña ofrendas e votos, protocolos que mudan ao criterio, gusto e ordenanzas das forzas vivas. Non hai tradición que resista. O 8 de maio, día de San Miguel de 1589 cando se anunciaba a invasión de Drake e Norris e non había máis que prepararse e rezar, os veciños prometeron para cada 2 de xullo no templo de Santo Domingo, "el voto de la ciudad por el Draque, la función o la fiesta del Draque", ofrecerían esmolas, dar de comer e beber aos probes, casaranse as mozas e farase festa e touradas. Ano tras ano, tras unha longa serie de litixios irase mudando o día do voto e o templo, Santo Domingo, Santiago, San Xurxo.... No 1613 os poderes públicos e o Rexemento acordan celebralo cada 19 de maio, encárganse bailes aos armadanzas gremiais, luminarias, poñeranse ramos sobre as portas e sobre as torres. No século XVII e XVIII mudarase a ofrenda ao 2 de xullo e será en Santo Domingo, de vagar irase apagando e perdendo. Novamente, no 1809, cando as tropas napoleónicas ensinan as orellas e por aquilo de acordarse dos santos cando trona, o voto e as festas renóvanse; igualmente cando os conflitos do 1840 , a ofrenda será entón na igrexa de San Xurxo. Asuntos que nos conta o erudito Andrés Martínez Salazar en El Cerco de la Coruña de 1589 y Mayor Fernández Pita, asunto no que abondará Xoán Naya, cando no 1963 haberá novo cambio e lévase o voto ao primeiro domingo de agosto.

O sol e a luz do verán atrae e reclama protagonismo, entréganselle as vacacións, o lecer e tamén as festas. Escenario inmellorable para consolidar a casa e a cidade, así é que a Coruña ofréndalle o mes de agosto agora a María Pita, aínda que as festas patronais son por historia as do Rosario, na Cidade Vella, esa croa que lle deu topónimo a este croio que se abre e vixía o que foi porto e mar dos Ártabros célticos. Na medida que a cidade medra e se estira polo istmo nace a Pescadaría e novas parroquias coas súas igrexas, capelas e competencia de santos aos que non lles faltará novena, misa solemne, procesións e festa: San Xoán, copadroeiro da cidade, o Corpus, o Carme, San Andrés, San Nicolás dos mariñeiros... San Xurxo, Santa Lucía, Nosa Señora das Marabillas, Santa Margarida... Pola contra a cidade da Ilustración mira ao santo progreso, derriba as murallas, a romántica e modernista abre balcóns ao porto e aos soleados Cantóns, dende o 1895 céntrase e mide tempo co Obelisco, desafógase no Ensanche con espazo pra praza de touros, alonga o porto en recheos pra alameda, o palco de música pras bandas e as rondallas, os cafés cantantes, os teatros e mesmo leirón pras verbenas... será nesta cando Marineda escolla o mes longo e soleado de agosto, o dos bañistas, das catalinas, das vacacións... pra convertelo todo el en festa maior coa súa Semana Grande. É esta tamén a Coruña das Academias, dos círculos, os casinos, os clubs, os ateneos populares dos barrios, dos teatros e dos cines, fervedoiro de lecer. Fendíase así cun esquema sacro, de procesións e desfiles militares, pra facelo máis profano e aleivosamente nocturno. Nas festas de María Pita da Coruña non hai procesión de santa padroeira, estas son as festas dedicadas á memoria dunha muller da súa casa e da cidade, á que uniu aos seus contra a insolencia dos invasores ingleses, que tomou armas e pechou as murallas até que viraron rumbo cara Lisboa. E así, nese tema tribal, bélico e provocativo de representar a santos armados, seguimos a representar á señora de armas tomar, "María das Batallas", con pica nunha man, bandeira na outra, empoleirada ás murallas, entre cadáveres e acendendo canóns.

María Pita sempre será un recurso e bandeira. No 1989 conmemorouse o IV centenario do cerco de 1589 polas tropas de Drake e Norris, fíxose cunha elocuente exposición, e que como paradoxo mercouse aos ingleses as virtualidades e despoxos doutra exposición que eles antes montaran en homenaxe á vitoria sobre as ansias de Felipe II. Trouxeron e expuxéronse as imaxes sublimadas de Isabel I, de Drake e a esperpéntica de Felipe II en cartón pedra... e posteriormente, pese a solicitarse o seu reaproveitamento, non se sabe onde remataron. Publicáronse catálogos e varias monografías e tamén naceron historiadores contrapelo, Luis Gorrochategui Santos escribiu La Guerra de la Sirena, nueva perspectiva de María Pita. Nese improvisado batallón de homes e mulleres coruñesas que se enfrontaron aos ingleses estaba Inés de Ben, a que non transcedeu na historia, pese a dalo todo, aos seus fillos, ao seu home, entregando canto tiña e por riba quedar eivada, pedindo polas portas da cidade, mentres María Pita reclamaba aos rexedores, ao exército e ao clero méritos, soldos e enterramento digno... instancias que quedaron nos arquivos e moveron aos historiadores a plantificala na Historia, sen chegar a beatificala.

A festa e a feira entrelázanse en Galiza, para poñer en escena o mellor que se ten, engalánanse as prazas e as urbes deica converterse en pirotecnia, música, cánticos e xantar maior. Todo será maiúsculo no programa: cartel obra de creador, pregón, programas e revistas estivais, como a entrañable La Coruña, paraíso del Turismo, que asomaba neste tempo, dirixida por Regino Barbeito, logo polos seus fillos, coas mellores firmas e estampas dos grandes fotógrafos. No Saúda da primeira páxina o alcalde diríxe aos presentes e aos ausentes, aos veraneantes... A Coruña móstrase como a Cidade na que ninguén é forasteiro e o que se fai mírase e imítase noutras vilas: foguetes e alboradas, sesión vermú, pasacalles a cargo de bandas de música e gaiteiros, xogos populares, batallas de flores, carreiras, regatas, competición de fútbol benéfica, lembrando á benfeitora dos pobres no século XVIII, Teresa Herrera..., sesións de fogo fixo e voador a cargo dos mellores magos merlíns da pirotecnia galega e verbena até altas horas da madrugada. Rematará o almanaque festivo coruñés coa concesión enxebre a unha romaría de gaiteiros, aturuxos, polbo e empanada no parque de Santa Margarida.

A Coruña tivo sona de festexeira e xa foi máis do que é. Entrar na Coruña de noite prendía a ledicia. Non é pra menos entre xente formada baixo o muiñar de luz dun faro milenario, dun singular vento cambiante a facer bailar os cataventos, as velas dos muíños e as ideas, con rúas francas dos viños e tabernas abertas... Hic habitat felicitas, e "vivir na Cruña que bonito é...".

Noutrora eran os mordomos os que argallaban as festas, despois foron as comisións de festas, presididas polo alcalde, contratábase a unha casa de electricidade que facía arcos de luz, a un fogueteiro, a unha banda de músicos e gaiteiros locais e foráneos, sen faltar os xigantes e cabezudos, o tragachicos, o Tolete, o Papafilloas, feitos de cartón polos artesáns milmañas locais. Os moinantes das tómbolas, dos carruseis, das churrarías xa caían por eles mesmos. A festa tiña vida propia e o seu colorido e arrecendo acendía ilusións. Agora concursan empresas que ofrecen catálogos e ofertas a todos os prezos. As festas uniformízanse e todas elas se parecen.