As fadas, as mouras e as musas inspiradoras non andan en trouladas, cóntase que habitan nas fragas, nos bosques animados, de arroios e fontes, entre pardiñeiros antigos con valados cubertos de musgo e edras, arrodeados do rechouchío dos paxariños e a voz do vento. Lugares que aínda existen. Por algo as ribeiras do Sar seducían a Rosalía e a Murguía, namentres o seu fillo Ovidio pintaba ás carballas decotadas, ás lavandeiras, á música daquela natureza presidida polo couto do Castro Lupario, onde aniñan tantas esencias de Galiza.

Seguindo o camiño marcado nas galaxias por aquí sempre se verá pasar a un peregrino, sobre as pegadas andadas por Teodoro e Atanasio cargando o Corpo Santo cara ao Pico Sagro e ao Libredón. Tal como conta a Compostelana, o Calixtino e recolle na Historia de la Santa A, M, Iglesia de Santiago de Compostela o decimonónico coengo arqueólogo Antonio López Ferreiro, tal como din tamén as crónicas de curiosos viaxeiros de todos os tempos e tantas lendas con fondo significado. En nada se trabucaba o iriense Cela cando declaraba que o Pazo do Faramello é o segredo mellor gardado dos camiños de Compostela. Non debemos alterar esa paz maiúscula e harmónica dos Catro Elementos, dos contos e das Artes, pero compre sabelo.

O Faramello é un deses lugares chamados "máxicos" da Galiza descoñecida, envolto no nimbo dos mitos, asociado á Raiña Lupa, vixiando a que se di terra da tribo céltica dos amaeos, a Amaia, bisbarra entre o Tambre e o Ulla, sobre a que tamén asoman, por unha banda os esqueletos das torres de Altamira en Brión e pola outra, en terras de Boqueixón o Pico Sagro. O topónimo de Faramello é sinónimo de pedregullo, terras de onde se sacou a pedra pra construír a catedral compostelán, así pois con restos de canteiras, valados, foxos, camiños de chantos luídos polo rodar dos carros e os andares. Así nolo conta no século XVII Castella Ferrer, autor de Historia del Apóstol Santiago: "Residía Lupa en un castillo y fortaleza suya, rodeada de gruesa muralla, que aún tiene... dentro de la cual hay tanta capacidad que cabe un escuadrón de cuatro mil hombres y más... (que quiere Dios conservar estas memorias por honor de su Apóstol). Tenía el castillo en medio de esta plaza, cuyos cimientos se ven ahora, y desde la entrada de la primera muralla se iba a él por una calle estrecha de ocho pies de ancho... llámanle ahora Castro Lupario, como le llamaban antiguamente, y este nombre se ha conservado...". Castro Lupario, do Faramello, de Francos, de Veca ou de Sixto tal como se lle coñece tamén en relación cos lugares do seu redor; chamóuselle tamén Castro de San Antoniño por ter no pasado unha ermida dedicada ao Santo referente de Herbón. Monte ergueito, estratéxico na encrucillada de antigos camiños, servindo de lindeiro tamén entre as parroquias de San Xoán de Calo e de Santa Mariña de Ribasar, concello de Teo. Tanta historia e tanto conto seguen adornándose co devalar do tempo. No 1924 Manuel Vidal, visita a zona acompañado de profesores da universidade, entre eles Couselo Bouzas e abonda en datos.

O Castro Lupario reparte Historia co seu inmediato Pazo de Santa Mariña de Ribasar, ou do Faramello e que máis que señorial pazo foi parte presidencial dun conxunto fabril representativo da Ilustración. Pra adentrarnos no seu pasado non temos máis que acudir ás páxinas de Torres Pazos y Linajes da autoría de Carlos Martinez Barbeito: primeira fábrica de papel de Galiza aproveitando as augas do arroio de Angueira, coñecido nesta parte como "regueiro Tinto", tal como supón o Padre Sarmiento, posiblemente nome dado posteriormente polas labores da fábrica. Augas que nesta banda atópanse co Sarela. A historia da construción arranca coa asociación de dous ilustrados buscavidas xenoveses, Bartolomeu Piombino Farcinete, oriundo da Toscana, Cabaleiro de Cristo, fillo dos duques de Nocette, casado cunha fidalga de Viana do Castelo, Feliciana María de de Barbosa Araujo y Faria, tándem formado con Xacobe Gambino, apelido que non esqueceremos. Ambos os que, despois de probar sorte en Portugal, deciden experimentar novas posibilidades nesta zona do Camiño Portugués, para en maio do ano 1710 asinar cun escribán de Padrón o contrato co mestre canteiro Pablo de Allende para a construción no lugar de "Framelle, que adquiriron aos Millara Montenegro dunha casa alta... feita ás medidas dos seus contratantes. Por Real Célula de 6 de outubro do 1714 establécese esta fábrica de papel, prohibindo ademais que nos 20 anos seguintes ninguén puidese introducir fábrica de papel no Reino de Galicia e varios outros privilexios, exencións e alcabalas, entre eles elaborar cervexa e augardente para consumo propio. A materia prima para fabricar papel eran os trapos, a lán, o liño, a estopa que tanto abundaban e desprezaban en Galiza. Para semellantes labores foron erguendo dez construcións a carón da casona de corredor dos seus propietarios, catro vivendas de oficiais, dous almacéns de papel, de madeiras, 21 pilas pra amolecer os farrapos, tres mazos impulsados por cinco rodas movidas pola auga, entre outros artefactos controlados por 10 obreiros e dous mestres do papel. Chegáronse a producir 20 resmas diarias, fardos de papel feito especialmente pra envolver o tabaco, papel de estraza e noutras ocasións, o máis escaso papel fino de escribir... e río abaixo dous muíños de fariña. Aspectos de arqueoloxía industrial que detalla Gonzalo Gayoso Carreira en La fabricación del papel en Galicia, del siglo XVIII a nuestros días.

A fábrica ou muíños do papel do Faramello foron modélicos para os que serodiamente se repetiron por Galiza , especialmente no Ulla, no Traba noiés, no Belelle do Ferrol, no Arenteiro do Carballiño... Casona que vixía o conxunto fabril dende fiestras e solaina asentada sobre o ritmo dos canzorros, con balaústres seguindo a partitura do estilo compostelán. Cantería ben traballada, terreo achanzado en auténtico xardín colgante, asocalcado sobre o regueiro, capeliña na entrada, cruceiro, pendello, emparrado, fonte da fecundidade, pedras sanadoras de ritos panteístas, asociadas a mouras, fadas, druídas, a Lupa e ao paso do Apóstolo. Unha estampa gravada por Castro Gil recolle a harmonía entre a paisaxe e a arquitectura.

No Faramello nacerá o escultor Xosé Gambino, terá como padriño a Piombino e arredor del o florecer da escultura neoclásica. Clara Piombino, filla dos fundadores contraería nupcias con don Manuel Rivero de Aguiar, rexedor de Viana do Castelo, seguida dunha longa saga que emparentará cos Quiroga, de la Peña, Puga, entre outras casas fidalgas de Galiza. Pazo ben coñecido por Pérez Lugín en visitas con conversas de estrado en invernos, a carón do lume das chemineas ou na frescura nas horas da raxeira do verán, baixo o emparrado e os acios de uvas... aquí ambienta o retiro de Carmiña en La Casa de la Troya. A "P" uncial, coroada, entre o sol e a lúa, é a marca da casa, así campa na labra do escudo, tamén como marca do papel fabricado alí. Así funcionou este conxunto até entrado o século XX no que se deixou, logo as estruturas fabrís foron esmorecendo, conservándose unicamente a solemne casona.

O derradeiro eslavón, animador do pazo é Gonzalo Rivero de Aguiar, un dos tres irmáns herdeiros de tanta carga pétrea, quen se emprega física e mentalmente por manter a súa propia historia que é de Galiza, dialoga e mima o "genius loci" , ás pantasmas do lugar, promove ideas, abre e mostra as estruturas ao visitante, compleméntao con novas iniciativas que rexeneran o vello espírito, como o "Bosque dos recordos", intervención da paisaxista Isabel Aguirre, a través da Fundación Juana de Vega, que con diferentes árbores quere lembrar aos que no 2013, naquela véspera do día de Santiago quedaron para sempre no camiño, na curva férrea de Angrois. Pazo do Faramello, sitio que visitar pra recuperar a Historia, a poesía... e ao final, arredor da mesa de pedra, entre a harmonía de luces e sombras, como unha comitiva artúrica, brindar pola casa, polas boas ideas e polo porvir.