Wenceslao Fernández Flórez contaba, cando xa era un autor de éxito, unha entrevista que lle fixera un colega para un xornal madrileño. A entrevista, ou polo menos a conversa que contaba WFF, xirou sobre as características dos galegos nas que o entrevistador estaba moito máis versado que o entrevistado, pese a que este era coruñés e o outro madrileño. Así, don Wenceslao non puido convencer ao seu interlocutor de que o galego non era un dialecto consistente en acabar todas as palabras en "u". Nin tampouco de que os principais oficios que desempeñaban os naturais do país non eran os de augadores e serenos, e que cando había excedentes mandábanos a Madrid.

A min sempre me acorda esa entrevista cando me pasan cousas como o outro día, cando publiquei unha reportaxe sobre as orquestras e as verbenas galegas no diario El País. Fíxeno por pedido, porque lles pareceu un fenómeno á vez curioso e descoñecido para a maioría dos españois, como en efecto o é. E como sempre que hai unha información que toca á socioloxía galega, os comentarios mostran a plena vixencia dos tópicos o pouco que evolucionaron algúns desde os tempos nos que don Wenceslao tentaba desasnar colegas. "En Galicia, los habitantes de pueblos pequeños van en masa a las fiestas cercanas. Por eso siempre se llenan, porque es su forma de vivir. Allí no se van casi nunca de discotecas, ni se van al cine. Su día grande es cuando hay fiesta y se ponen sus mejores galas. Se vende lotería, estampas de la virgen del pueblo...", asegura por exemplo un señor que firma como Jorge e que debe ter como referencia as fotografías de José Suárez ou as películas de Xan das Bolas.

Pero como pasa sempre que se fala de cartos e de Galicia, sexa Inditex ou das verbenas, sae a sospeita: "El otro problema es el origen del dinero. Algunos dicen que se pagan con el dinero de vender los eucaliptos que arruinan los montes gallegos. Otros dicen que es pago de las éolicas. Sea una u otra, la cosa es muy extraña", escribía unha señora. Un galego, agachado tras do pseudónimo Sr.Tortilla de Potato si que o tiña claro: "Los pueblos de Galicia (que no producen nada) nos roban los impuestos a los estúpidos contribuyentes de Vigo y A Coruña para que ellos lo despilfarren. Así va Galicia", pontifica o Sr.Tortilla que, ademais de cumprir escrupulosamente coas súas obrigas fiscais, se debe alimentar con ovos de importación, patacas conxeladas, panga vietnamita e embutidos industriais. Hai tamén un extraterrestre, aínda que residente en Vigo, que xura que nunca viu o tal fenómeno verbeneiro, anque é certo que lle falaron del. Se os comentarios son, como din algúns, a democratización da información, estou con sir Winston Churchill cando dicía que o mellor argumento contra a democracia era unha conversa de cinco minutos co elector medio.

Creo recordar que no artigo de Wenceslao Fernández Flórez o entrevistador, logo de reducido á obediencia o entrevistado que pretendía saber máis ca el, acaba suxerindo que debería desprazarse a Galicia un equipo da daquela prestixiosa casa cinematográfica Pathé, convenientemente escoltado pola Garda Civil, para filmar un documental de tan curioso país.