Sigamos con esta entrega camusiana de verán que tan ricamente poderán ler á beira do mar se así lles prace. Non esquecemos aquel precioso libro de ensaios pequeniños e deliciosos de Camus titulado Mediterráneo. Un libro claramente escrito para ser gozado baixo o sol dese mar. No anterior artigo deixaramos a Raquel e Karl, protagonistas da montaxe para teatro de Cartas a un amigo alemán, razoando sobre as diferenzas que existen entre a visión do mundo que os absolutistas e os liberais teñen sobre o mesmo, e desde a nosa columna apuntábamos a necesidade dun cambio de actitude nas súas políticas dos países do norte de Europa con respecto aos países do sur. O enfrontamento de ideas e a visión do mundo permanece presente na entrega deste luns. Escoitemos a Raquel.

"Raquel.- Pertenzo a un continente e a unha nación admirables. Un lugar poboado por persoas que se erguen desde os escombros e desde a miseria, que vos criastes, para dicirlle ao mundo que paga a pena loitar polo amor, polo amor á intelixencia e á xustiza. Ese amor limpo que queremos transmitir aos nosos fillos. Ese amor que derrotará a vosa mística, a vosa crueldade e os vosos covardes deuses. Un amor que redimirá o pensamento humano.

K.- Non era a miña intención discutir. Pero xa que sacas o tema, quixera dar o meu punto de vista. Verás, Raquel, os vosos intelectuais antepoñen a desesperación ou a busca da verdade ao seu país. Ademais, que é a verdade?

R.- Non o sei. Pero sei o que é a mentira. Que é o espírito? Non o sei. Pero coñezo o contrario, que é o asasinato. E o ser humano...

K.- O ser humano, a verdade, o espírito...Que é para ti o ser humano, Raquel, que é?

R.- O ser humano é esa forza que acaba sempre expulsando os tiranos e aos deuses.

K.- Nós non somos nin tiranos nin deuses.

R.- Si que o sodes. Mais nós, no medio da dor e da miseria, somos quen de combatervos. Karl, polo amor de deus! A vosa xerarquía non é boa e os vosos valores están fóra de lugar.

K.- Non podo crer que todo isto che afecte tanto. Cando isto pase, todo será distinto. O amencer dun novo día. Un día limpo e pleno. Mesmo nós poderemos ser felices e pasearemos despreocupados polos campos na primavera.

R.- Pero, Karl, aínda non te decatas? Mentres vós sigades existindo non haberá máis primaveras. As nacións que agora humillades non están aniquiladas.

K.- Raquel, non é o momento das ideas, é o momento da acción. Nunca nos comprenderedes. E sabes por que? Vós carecedes dunha virtude, a da ira.

R.- Non, non é iso. Nós somos esixentes coas virtudes. E tamén coñecemos o que é a ira. Vós nunca soubestes o que había que elixir, pero coñecedes o que hai que destruír. Agora vós estades aplastando o noso espírito, pero non sempre será así. Temos fe noutra forza. Non seredes quen de desfigurar o rostro da verdade".

Non sei se é unha verdade, pero si que é certo que unha unión monetaria non é o mesmo que unha unión fiscal. E a Unión Europea construíuse sen unha destas dúas patas. Por non falar que unha unión de estados non é nin moito menos unha unión de ideas. A idea de Europa non é que estea ben, é que é o que somos, e é máis vella que os políticos que a queren levar adiante. O que ocorre é que non se nos está consultando punto por punto á cidadanía como queremos que se faga isto. Cada paso dado coa aprobación de todos os cidadáns membros da Unión fortalece á mesma, cada paso dado polos gobernos dos estados membros sen consultar é un paso atrás. Temos que intentar medrar na harmonía da comprensión e da solidariedade. O contrario nos arrastrará ao fracaso.