O labirinto do alquimista

Un arqueólogo, un templo e Palmira

30.08.2015 | 01:21
Un arqueólogo, un templo e Palmira

No 1990 aquela operación retransmitida en directo co cinematográfico título de Tormenta do deserto, liderada polos EEUU no Golfo Pérsico para garantir os negocios petroleiros de Kuwait, seguida da invasión ao Iraque de Sadam Husseim entre o 2003-2011, son guerras que non fan máis que tadrear vellas feridas polas que seguen a escoar ríos de fel. O andazo bélico inzou no Crecente Fértil, escenario da orixe das civilizacións, dos mil e un apracibles patriarcas, profetas, apóstolos, relixións, leis, das mil e unha noites, pero tamén de mil e un fanatismos ou irracionalismos. De aquelas bombas estes monstros e velaí na sociedade do espectáculo, cando menos, as dramáticas imaxes que repiten éxodos, fuxindo da morte e do medo, a primitiva carraxe, o terror, degolacións, bombas, a dannatio memoriae, isto é arrasar aleivosamente os vestixios históricos, documentos, ídolos e templos dos "outros" ou dos "infieis".

Nesa curiosidade de arqueólogo que todos temos, no querer fisgar no pasado, está o desexo de ir e enxergar o que foi Paraíso Terreal, con tanta prehistoria e historia oculta nos seus estratos, fontes da palabra e da Lei, con sabios, xuíces, astrónomos, magos, bibliotecas... Ugarit, patria do máis antigo alfabeto; Marí, Ebla, Dura Europos, Sergiopolis, que foi a Al Rusafa, berce dos islámicos Omeias, cidade-xardín que con nostalxia reproduciran en Córdoba... Soñamos en pousar en Palmira, saber do seu florecer, decote ameazado, esnaquizado e feito po do deserto. O espírito aguilloa ao viaxeiro curioso que busca aquel que foi antigo carrefour caravaneiro, entre oriente e occidente, Persia e o Mediterráneo, onde entraron no debate tantas cousas pra facernos cavilar e ser o que somos.

Contan hoxe as noticias unha nova destrución de Palmira, da bíblica Tadmor, oasis, parada e fonda, foro e feira no deserto sirio, balneario termal burbullando en covas, na encrucillada das rutas do ouro, incenso e mirra, de especias, da seda. Onde arredor dos tempos de Cristo culminou a cultura grecolatina, máis aínda baixo o reinado dunha muller feita símbolo, Zenobia, indíxena que creou un estilo de cidade e chegou a ter baixo o seu cetro a Exipto. As versións imperiais din que, a finais do século III, coa invasión de Aureliano, Zenobia rematou asimilada como serva nunha mansión romana. Cidade reconstruída por Diocleciano e máis tarde por Xustiniano; novamente no ano 634 o califa Abu Bakr conquista Palmira... Ruína tras ruína. No século XVI e XVII chegan os primeiros expedicionarios europeos, no 1751 o pintor inglés Robert Wood visita as ruínas, debúxaas e propágaas a través de gravados, atraendo a estrafalarios curiosos, entre eles a expedición do príncipe ruso Lazarev que no 1881 leva para o Hermitage a famosa Tarifa de Palmira, unha estela de cinco metros de alto con textos en palmirano e grego sobre os tributos. Cidade ben urbanizada, presidida polo templo de Bel ou Baal, o "Señor", deus do Sol e da Lúa, divindade suprema de orixe cananeo-fenicia, representada con cornos de touro. Templo transformado en igrexa polos bizantinos, destruído, reconstruído e no século XV saqueado por Tamerlán, tamén polos mamelucos, pra ser refuxio de pastores e viaxeiros... e dende 1930 pacientemente restaurado. Gran construción rectangular, de inmenso patio con estanques pras ablucións, circundado por un peristilo de columnas xigantes e no centro a cella, á que se acedía por unha rampla para favorecer as solemnes liturxias con sacrificios de animais. Nas bandas do Sancta Sanctorum os nichos, un deles para a trindade formada por Baal, Yarhibol e Aglibol. Hoxe o chan con anacos clasificados, restos de esveltas columnas e limeiras na orixe cubertas con metal dourado.

Ruínas que inspiraron ao ilustrado galo Conde de Volney a reflexionar sobre a caída dos imperios, descritas polo diplomático viaxeiro Adolfo Ribadeneyra, eslavón dunha saga de humanistas, mesmo a inicio dos noventa a escritora Rosa Regás publica Viaje a la luz del Chad, páxinas que agora fanse de obrigada lectura .

Nestes días do verán do 2015 e estas alturas da evolución das civilización custa crer a noticia do martirio do xefe de Antigüidades de Palmira, principal artífice para a incorporación no 1980 destas ruínas ao listado de Patrimonio da Humanidade. O goberno de Bashar Hafez al Asad, fillo do ditador Hafez al Asad, deixou indefenso ao singular enclave arqueolóxico, pese ás súplicas da ameaza yihadista. Aínda que xubilado, a pé de obra, colaborando na súa misión de arqueólogo e titor do xacemento mantívose o venerable sabio arqueólogo Jaled Al Asad, de oitenta e dous anos, coñecido autor de Zenobia a raíña de Palmira e de Oriente, especialista en escrituras palmiranas. Alí quixo permanecer e arriscarse coa esperanza de desaconsellar ás tentativas dos integristas islámicos. De nada serviron as súas súplicas, foi escarnecido e degolado á vista de moitos dos seus antigos traballadores e pendurado o seu corpo dun poste na entrada da cidade. Acción comandada polo iluminado Al Baghdadi, doutorado en estudos islámicos en Bagdad, seguido de vellos colaboradores de Sadam Huseim, medrado e axiña autoproclamado novo califa, monarca absoluto. Batallón que se di, inicialmente, sufragado por monarcas de países árabes en contra do réxime sirio de Bashar al Assad. Lembramos ao entrañable arqueólogo Jaled, ao que acudimos en varios viaxes e en compañía dos guías locais, pra pedirlle a chave das torres-tumbas, a de Yamblico, do hipoxeo dos Tres irmáns, a de Elhabe, no interior con aqueles sartegos e nichos con bustos de mulleres palmiranas con sofisticados peiteados, enxoiadas... Necrópole con torres como faros erguidos á beira do océano do deserto, camiño de Damasco... Custa crer a tortura dun apaixonado e inofensivo arqueólogo vello, que vive do pasado e para o pasado, co que e cos seus empregados vixiantes compartimos minutos de té, dátiles de ámbar na hora calma do solpor ouridorado, mirando ás columnas da vía porticada e nunha das mesas das tabernas-tendas beduínas que viven dos turistas. Estrañándose da nosa procedencia do cabo do mundo, explicámoslle que xa no 1809 houbo unha inglesa, que despois da morte na batalla de Elviña de Sir Jhon Moore, o seu prometido, pasou pola Coruña e embarcou con outros que participaran naquela xesta contra os franceses rumbo a este Oriente Próximo e aventura tras aventura determinará establecerse en Palmira no templo de Baal... E axiña xa il exclamou o nome daquela alta e desgairada rubia, Lady Hesther Stanhope, a Raíña branca de Palmira. Namentres o oculista coruñés, admirado amigo e un dos membros desta expedición galega, Xosé Luís García Suárez, sacaba diapositivas de todo, dos monumentos, dos detalles, das familias...parte dunha inmensa colección de documentos fotográficos das súas viaxes por Galicia, pola península e un mundo a desfacerse e refacerse, as que entregou, en silencio, para os fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña.

Coa guerra métense os bulldoger nos xacementos arqueolóxicos en busca de tesouros e, a través das fronteiras e da permisividade das autoridades turcas, propágase o mercado de antigüidades, mesmo a guerra sufrágase cos espolios e saqueos de museos e ruínas.

Si se borra un pasado do que aprender acertos e desacertos, mal se pode construír o futuro. Polo de agora non podemos máis que pousar unha ramiña de loureiro e oliveira ao pé das lembranzas do arqueólogo, señor Jaled: Sibi tibi terra levis.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine