Un agosto con Albert Camus 3

31.08.2015 | 00:39
Un agosto con Albert Camus 3

A gran pregunta a estas alturas da Unión Europea non é que clase de Unión queremos facer, senón que clase de Europa queremos reivindicar. Se nos quedamos só na filosofía das institucións e dos organismos nunca abordaremos o que é a verdadeira orixe da idea de Europa, que non é outra que a súa propia existencia. Nas Cartas a un amigo alemán de Camus, o enfrontamento entre dúas maneiras de entender o Vello Continente é evidente. Lembremos que foron escritas durante a II Guerra Mundial, pero que a deriva da intransixencia que asola Europa, neste preciso instante da historia, convérteas nun documento dun evidente interese actual. Escoitemos a Raquel e a Karl, os personaxes da adaptación literaria feita para teatro.

"R.- Vostedes teñen unha idea de Europa que non é a nosa. A diferenza entre vostedes e nós é que cando vostedes falan de Europa concíbena como unha propiedade privada, mentres que nós sentímonos dependentes dela. Esa clase de amor non é boa. Esta terra que ten realizado tantos sacrificios ao longo de séculos, non é para vostedes senón un retiro forzado, mentres que para nós é a nosa mellor esperanza. Falan dela por necesidade, non con admiración.Cando vostedes din Europa, pensan:

K.- Terra de soldados, graneiro de trigo, industrias domésticas, intelixencia dirixida.

R.- Sei que cando din Europa, aínda nos seus mellores momentos, cando se deixan levar pola súas propias mentiras, non deixan de pensar nun feixe de dóciles nacións dirixidas por unha Alemaña de señores, camiñando cara un futuro fabuloso.

K.- Europa é un espazo de mares e montañas, perforado de minas, cuberto de colleitas e fábricas, onde Alemaña xoga unha partida na que está en xogo o seu destino.

R.- En cambio, para nós, Europa, é a intelixencia e a arte. O corazón dos seus pobos que, guerra a guerra, foron construíndo os valores da paz. Nós, criamos as repúblicas, os dereitos sindicais, os dereitos humanos, a liberdade de expresión. Todas esas tradicións que vostedes desprezan e perseguen. Esa é a nosa terra, unha terra magnífica feita de esforzo e de historia. Un lugar onde o tempo dos humanos e o tempo do mundo mesturou as vellas árbores cos monumentos. Esa é a nosa Europa: unha luz do pensamento que acabará por disipar as sombras que vostedes estenderon sobre ela. As armas desta terra, da terra máis vella do mundo son as súas colleitas. Europa aínda está por facer. E estou certa que esa nova Europa será un equilibrio entre o sacrificio e o amor á felicidade, entre o espírito e a espada. Dígollo agora, unha vez máis, porque debo dicirllo, porque llo dixen sempre desde os lonxanos tempos da nosa amizade: ese sentido de superioridade que vostedes posúen, será o que os mate".

Estas son as dúas Europas que agora loitan por impoñerse, a fría e calculadora Europa dos mercaderes e a cálida, artística e científica Europa dos seus cidadáns. Na vida sempre hai que elixir, e agora tamén. Non se trata de elixir entre gravata ou coleta, para entendernos. A min encántanme as gravatas. Trátase de elixir entre a intelixencia e a sensibilidade de Velázquez, Mozart ou Shakespeare ou a intelixencia e sensibilidade de Merkel, Lagarde ou Rajoy.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine