Apaixonado, aberto a enxergar, a compartir e a refugar canto tenta contra a vida e o humanismo. Inimigo de toda vaidade, do engano, do oficialismo, do burocratismo e do silencio espeso. Sempre solidario, positivo fronte ao pesimismo, patrimonio do egoísmo. Entre o bombardeo consumista e propagandista asume que ser un mesmo resulta difícil. Algo así é Lois Diéguez fronte aos heraldos negros, ao ferro dos días ou nos brindes que nos ofrece a odisea da vida. Nesa espiral admirador da paciente Penólope de Ítaca, a facer e desfacer no tear, dun Ulises de onte e de hoxe, enguedellado entre os anxos e os demos do teorema ético-estético de Pasolini. Ansioso de tripar e coñecer Galiza, odiando os feísmos, efectos da dependencia. Viaxeiro que comeza por ese Oriente que nos "orienta", o do "Crecente fértil", sementeira de pobos negados e masacrados, cos que se suma, curdos, armenios, palestinos... Coa ferramenta da palabra polo labirinto experimental de xéneros literarios, de vivencias, remando contra corrente, modas e imposicións. Militante na praxe de coñecer e dar a coñecer, para querer e defender, comezando pola orixe da orixinalidade.

Non hai xente do común que quede na casa cada oito de setembro. Festa arredor dos santuarios dedicados á imaxe da Virxe-Venus, aparecida en montes, covas, árbores, penedas, fontes... Pero dende o 2004, data tamén do cabodano da morte do poeta de Outeiro, da Cha e de Galiza, Manuel María. Como se sabe dito versificador, como il dicía, e dende neno, sentía afección polas navalliñas, ferramenta elemental pra enredar cos garabullos e xogar a facer aradiños. Levaba sempre consigo varias, apreciaba as das ferrarías de Taramundi e agarimaba as herdadas dos seus. Pois velaí que en cada oito de setembro as chairegas Irmandade Manuel María e a Agrupación Cultural Xermolos fan entrega do galardón da Navalla de Manuel María... celébrase así a memoria do poeta no seu Outeiro, verso a verso, paso a paso polos lugares míticos da súa "tribo": a Casa de Hortas, as Penas de Rodas, o Campo de Santa Isabel, o Miño... o camposanto coa tumba de mármore... e sobre ela as rosas brancas e roxas dos amigos.

Teño en honra de ser posuidor da Navalla de Manuel María entregada no 2014, cando a recibiu póstuma tamén quen tanto musicou Os soños na gaiola e outras letras de Manuel María, Suso Vaamonde. Navalla que implica responsabilidade coa Terra e co tempo. Pois neste 2015 recibíraa e con toda xustiza o escritor Lois Diéguez, dende mociño novo querido na casa de Manuel María como "o Pequeno"; tamén a recibirá e con carácter póstumo o periodista Marcial González Vigo que tanto axudou a espallar Galiza e este encontro.

Compren os intelectuais cos pes no chan, que produzan en función das necesidades, os que contribúen a informar para formar, atentos a canto bate contra o ser humano e a xustiza. Xente pouco mediática, fora da imperante cultura do espectáculo, por algo os medios infectados de incoherencia e oportunismo tamén os refugan. Creadores e creadoras que dignifican entre tanto fácil neoesperpento, que saben que hai moito que ensinar e de xeitos moi diferentes e sedutores. Que calibran a submisión, a deshumanización, que estamos robotizados polos edulcores do oficialismo, das burocracia, da rutina e dos supermercados para converternos en adictos consumidores, coa base das tradicións adulteradas.

Lois Dieguez é monfortino, do barrio dos Chaos, encrucillada baixo as sombras e as luces da torre e do mosteiro bieito de San Vicente do Pino, das xeometrías clásicas das fundacións dos Condes de Lemos e duns trens que asubiando van e veñen. Un de oito irmáns con camiños moi diferentes, sobriños de cura que vai de parroquia en parroquia polas terras de Lemos. Neno de latíns, inducido polo bieito padre Marcos para ser frade e santo, polo que é enclaustrado no colexio do Mosteiro de San Clodio no Ribeiro de Avia... do que fuxe. Estuda Bacharelato en Monforte e ten como profesor a Manuel María, dende entón prende e acéndese esa galaxia de "na fronte unha estrela, no bico un cantar". Segue estudos de Enxeñería Técnica Topográfica en Madrid, que inspira a súa "Torre de Babel". Súmase ao Clube de Amigos da Unesco, onde se atopa e afortala ideas con Bautista Álvarez, con Ben-cho-sey e outros unidos por Galiza fronte ao gris e aos pelotóns da ditadura. Anos do Servizo militar e de insensibilidades retratados en Galouz-Z. Exercerá a súa profesión de topógrafo no Concello de Lugo, calibrando tamén as engurras da faciana de Galiza. Deputado polo BNPG/PSG no Primeiro Parlamento Galego, do que é expulsado xunto cos seus compañeiros de grupo por coherencia cos principios do nacionalismo galego. Colaborador no Progreso, en A Nosa Terra, na Radio, no Terra e Tempo. Creador e animador da Asociación de Escritores en Lingua Galega, do grupo poético Circulos Líticos, Lugo Patrimonio...

Lois Diéguez, arredor dos anos oitenta constrúe, feita por el e a súa medida e da irmán Carme, un pequeno paraíso nos montes de Orbazai, baixo a Penarrubia do Castro, por onde se pon o sol, observatorio da paisaxe e da paisanaxe, onde cada maña o leal can Buxo petaba na porta para que lle puxeran música... Pero a inesperada morte de Carme nun paso de peóns de Lugo, a inmensa soidade, e sen mirar para atrás, empúxano a deixar aquel couto ideal e mudarse ao Monte Alto da Coruña, onde agora abre xanelas ao océano e aos estralampos do Faro de Breogán.

Lois Dieguez foi un dos "novísimos" da antoloxía da poesía galega que dicía a profesora María Victoria Moreno Márquez, autor de expresivos títulos en poesía como Álbre da Esperanza (1966), Canción pra un agromar branco e azul (1968), O Ferro dos días (1982), Ónfalos (2001), definitorio homenaxe cosmogónico a súa irmá Carme e o fin dunha etapa feliz en Orbazai. En prosa de A Torre de Babel, 1968, Tempo sen Saída (1972), Galou-Z 28 (1976) pola que recibe no 1975 o premio literario da Casa de Galicia de Bilbao. A Canción do Vagamundo (1986), premio Blanco Amor; Artusa (1989), a triloxía sobre un mundo íntimo; o ser humano fronte á opresión, a submisión e a luz da esperanza nun ambiente en claroscuro: Monólogos do Espello (1993); Tres Sombras Góticas; Henriqueta na Galería, as que teima ollar nunha nova edición conxunta. E sempre o homenaxe ás súas orixes: Viaxe ás Terras encantadas de Lemos (1999), A Casa de Galiaz (2003). O Canto do muecín (2007) é un novo homenaxe á irma Carme e ó Oriente inspirador nunha enguedellada e metafórica odisea entre o impacto de culturas, Oriente e Occidente. A Poutada do Oso (2011), arredor das tradicións que abren á primavera nas portas do Courel en diálogo co hoxe... Lugo a Cidade dos tesouros encantados (2014), un paseo interactivo pola cidade en compaña dos Catro Elementos e dos seus persoeiros.

Lois Diéguez sempre ten algo que facer, que ensinar, co que contrastar ideas. Ben merece agora e de vello esa competente navalla de tres estralos de Manuel María: o de Galiza, o da vida e o da palabra, coa que seguir a afiar a sensibilidade, esa luz que ansiamos.