Chegamos á fin da entrega. Eu quería ofrecerlles un agosto na compaña de Camus, pero por motivos de saúde non puido ser así, porque, se cadra, alguén xa se percatou, que durante dous luns non acudín á cita que teño con todos vostedes desde hai quince anos, creo. Hoxe será o último día que escoitemos as palabras escritas por Camus para Cartas a un amigo alemán, que serán postas en escena, no mes de novembro, na cidade da Coruña con motivo do setenta aniversario do remate da II Guerra Mundial. Na última escena da obra, concibida como un mitin dado por un membro da Resistencia Francesa, o autor de Os xustos, augura o nacemento dunha nova Europa. Escoitemos ao personaxe de Xoana, criado para a adaptación teatral, debullando algunhas das ideas de Camus.

X.- Esta noite quixera celebrar con vós que todos estes anos de sacrificios, penalidades e miseria chegan ao seu fin e que cumprimos coa tarefa que se nos encomendou. Mañá veremos o alborexar dunha Europa nova, máis xusta e vital. Tardaremos en saír deste horror, pero sairemos fortalecidos. Quero dicirvos tantas cousas. Eles manexaron o ben e o mal ao seu antollo. Supuxeron que, en ausencia de toda moral humana ou divina, os únicos valores que rexían eran os do mundo animal, isto é, a violencia e a astucia. Concluíron que o home non era nada e que se lle podía matar a alma, que a aventura do individuo era acadar o poder. O único que nós podíamos opoñer a estes argumentos tan realistas era o noso profundo amor á xustiza. Decidimos afirmarnos na xustiza para crear felicidade, para protestar contra o universo da desdita. Eles decidiron mutilar as almas e destruíren a terra. Nunha palabra, erixíronse nos deuses do terror. Nós, decidimos elixir a xustiza para permanecermos fieis á terra. Defendemos que este mundo ten, cando menos, a verdade do ser humano e é a nosa misión dotalo de razóns contra o propio destino. Queremos salvar o ser humano porque así salvaremos a idea que nos forxamos da vida. Por iso loitamos. Pensamos que a felicidade é a maior das conquistas. Nin sequera nos momentos de derrota nos abandonou esta crenza. Durante cinco anos, non puidemos gozar dos cantos dos paxaros nin do frescor das noites. Estábamos separados do mundo. Desde hai cinco anos, non existiu nesta terra unha mañá sen agonía. Tivemos que combatelos sen esquecer a felicidade. O heroísmo é pouca cousa, os gobernantes, tamén. Só o cidadán é todo. Xulgamos atroz a súa conduta e recordamos que eles e nós partimos da mesma soidade e que eles e nós compartimos con toda Europa a traxedia da intelixencia. E a pesar de toda a súa barbarie, seguiremos chamándoos homes: por permanecermos fieis á nosa fe, esforzámonos en respectar neles, o que eles non respectaron nos demais. Camaradas, chegou o momento da vitoria da razón. Si, fomos quen de amosar ao mundo que non merecemos tanta inxustiza. E esta é a tarefa que nos trazamos, e esta tarefa comezará mañá.

Esa tarefa, comeza agora mesmo. O rexurdir dos totalitarismos de esquerdas e dereitas, o estilo impertinente nas relacións da Europa do Norte coa Europa do Sur e a súa prepotencia, fan que teñamos que poñernos en garda contra as futuras agresións dos nosos amigos e irmáns. A economía actual, ao converter a súa desesperación nunha embriaguez, aceptou destruír as obras do home e loitar contra el para consumar a súa miseria fundamental. Aínda así, admitindo esa desesperación e ese mundo torturado, debemos ser optimistas porque tan só aspiramos a que os homes recobren a solidariedade para entraren en loita contra o seu indignante destino. O noso cerebro e o noso corpo deben permanecer alerta, porque a nova guerra será económica. E cruel.