Hai unha excelente foto de Olmo Calvo, un fotógrafo madrileño que cambiou estes días os conflitos sociais españois polo drama dos refuxiados en Hungría e Serbia, na que se ve co fondo dunha desas inmensas chairas centroeuropeas a figura que se adiviña en movemento apresurado dun pai mirando resolto cara adiante, cargado cunha mochila e unha bolsa comercial, repletas, e cun neno ao lombo que mira cara atrás, cara todo o que deixaron, e berra, non de dor, de medo ou de alegría, senón como quen se desafoga, quen se libera de algo. A chaira é a enorme planicie húngara, en Roeszke, no sur do país, preto da tripla fronteira con Serbia e Romanía. O home chámase Osama Abdul Mohsen, era adestrador de fútbol na súa cidade natal de Deir Ezzor, na Siria oriental, ata que primeiro os bombardeos das forzas gobernamentais e logoa caída inminente a mans do Estado Islámico fixo que fuxise a Turquía, e logo dun ano, tentase refuxiarse en Europa. O neno que berra é o seu fillo Zaid, de sete anos. Aos dous foi a quen a reporteira de televisión Petra Lázsló lles meteu a perna e os tombou ao chan cando os perseguía a policía. Olmo seguiunos cando se ergueron e continuaron a fuga e retratounos, camiño a ningures.

Non foi difícil distinguir a Petra Lázsló, un illa azul ceo naquel océano de xente escura vestida con roupa sucia e pobre, en máis vídeos perpetrando máis xestos heroicos en defensa de Occidente como a de tirar ao chan a un pai e a un fillo que corren espavorecidos. Aparece tamén repartindo patadas nas canelas a eito, alcanzando a unha nena (nótase que é nai e debe ter práctica na caza menor). Despois de varios días, mandou unha carta na que di non merecer "a caza de bruxas política" que está a sufrir. "Como nai lamento moito que o destino me levara ata unha nena, algo que naquel momento non percibín. Estaba en pánico e agora véxome nas gravacións como se non fose eu. Non son unha reporteira racista. Só son unha muller, unha nai, agora xa sen traballo que nunha situación de pánico tomou unha decisión equivocada". Como len, dá patadas mellor que se explica. Patear nenas está mal, pero non é moito mellor patear contables ou porteiros de fincas urbanas, por moi sirios que sexan, se a iso é o que che leva o destino ou a puntería. En canto a de que é "só" unha muller, non racista, e en situación de pánico, menos mal que non eran moitas que odiaban aos árabes, ou un xenófobo cachas tipo Vin Diesel, en plano dominio da situación, ou teríamos as campas de Roeszke como un escenario de Juego de tronos despois dunha voda.

O de que a despediron, da cadea de extrema dereita N1, é certo. Lóxico. O seu traballo era desacreditar aos refuxiados, non desacreditar á cadea pateando aos refuxiados. Hai un conto de Chesterton cuspidiño, tamén localizado en Centroeuropa, no que un xeneral fracasa porque dous oficiais seguiron as súas ordes demasiado fielmente. Aínda que quizais, Petra e a N1 estean facendo outro labor patriótico. Mentres nos distraemos nesa lamentable anécdota non nos ocupamos no que realmente importa. Que no medio da Unión Europea hai algo que cheira a podre e non é so a ditadura dos mercados, senón que gobernos como o húngaro de Viktor Orban fan que "fascista" quizais deixe de ser un insulto para converterse nunha realidade.