Como que a nós non nos pasaría o mesmo? Que soberbia. Xa esquecemos como nos comportamos entre irmáns durante a nosa Guerra Civil? Xa esquecemos como foron tratados os nosos compatriotas nos campos de refuxiados franceses? Cando escoito bravatas sen sentido nun café sobre os cataláns póñome a tremer. A xente non ten idea do que é unha guerra. Como imos mandar o Exército aló para impoñer orde? Que queremos, entrar nun bucle de violencia que nos leve a unha balcanización do Estado Español.

Nin España, nin os españois se merecen unha deriva así. Antes de dicir auténticas barbaridades polas nosas boquiñas teríamos que reflexionar nos nosos fillos, nos nosos avós, nos nosos enfermos. Moitas e moitos pensan que estes refuxiados sirios son moi diferentes a nós, e que son xente pobre. Están equivocados. Son xente moi parecida a nós. A súa cultura e a súa relixión non teñen que ver coa tradición europea, pero como seres humanos non deixan de ser unha vítimas máis das ideoloxías e da política. Coma nós. E agora son pobres, si, pero antes non o eran.

Os pobres sirios quedaron en Siria, ou están en campamentos próximos á fronteira co seu país. Eles son os que sofren nas súas carnes a violencia do EI, do goberno e das distintas guerrillas que o combaten. Os que agora vemos pola televisión, son os que tiñan algo de cartos para fuxir, clase media e clase media alta que se deixaron o seu patrimonio e os seus aforros no intento de abandonar o caos e o terror que imperaban no seu país. Agora son pobres, si, pero non o foron. E agora, queren chegar a Europa e canto máis ao norte mellor.

Por que? Porque cren que coa formación que teñen poderán encontrar emprego. Non se enganen, eses que corren diante da policía húngara son informáticos, obreiros, empregados de banca, mestres, xentes que procuran un futuro mellor para a súas familias. Non faríamos nos o mesmo cos nosos aforros, se os tivésemos, tentar fuxir do horror? Non somos tan diferentes. Agás nunha cousa: a paz. Vivimos en paz. Tentamos mudar a nosa sociedade para mellorala e adaptala aos novos tempos que vivimos, pero en paz. Eu non vexo nos cataláns uns inimigos, tan só persoas que queren manifestar unha opinión. Por un punto de vista, por que alguén pida democraticamente que quere votar o seu futuro, imos embarcarnos en aventuras que nos levarían a converternos nunha nova Bosnia? Cataluña non é Artur Mas.

Cataluña non é o que nos contan os tertulianos das televisións, nin os silencios do habitante da Moncloa. Pero non dicíamos que en Euskadi, ETA tiña que deixar de matar e respectar o xogo democrático? Pois así tiña que ser. Sen embargo, as xentes que foron á Diada non mataron a ninguén e comportáronse dun xeito cívico e democrático durante a manifestación. Temos un problema e hai que resolvelo, canto antes, mellor. Agora ben, as bravatas de café non deben de ser as que dicten as políticas dos partidos. Se España ten un problema con Cataluña, Madrid, ten un problema coa súa arrebatada e bravucona clientela dos cafés.