O labirinto do alquimista

Xerusalén, "Cidade da Paz"... e do aldraxe

20.09.2015 | 01:31
Xerusalén, "Cidade da Paz"... e do aldraxe

Xerusalén esta fundada/como cidade ben compacta/ alí soben as tribos/ as tribos do Señor... Desexade a Paz de Xerusalén...". Iso e máis conta o Canto 121 da Biblia. Saúdo, "Salom", á "Cidade da Paz", que iso é o que significa en hebreo o Ieru shalem das profecías mesiánicas. Himno pros domingos ao entrar no templo, na harmónica construción feita á imaxe da "Xerusalén Celeste". Canto dos peregrinos e turistas cando se achegan ás limeiras da Xerusalén Terreal, arredor da que se enreda tanta catequese sobre a xustiza, a convivencia, a paz... E xa vemos o que acontece no epicentro das doce tribos. Na nova fogueira de vaidades petan no corazón os éxodos crueis dos que foxen da guerra e da fame, novo fluír de vida e morte entre Oriente e Occidente, con causas e efectos enguedellados no neofeudalismo. E no Xerusalén das oracións, dos tabernáculos e dos altares, rodeado de míticos montes, coutado por vellos e novos valados, entre incenso e pólvora, combaten os uns contra os outros sobre a plataforma sacra do Templo de Yahve. Afíanse as provocacións sobre as arqueoloxías do Templo da PALABRA.

Poucas guías, mais sintéticas e fondas hai de Terra Santa como a escrita por don Manuel Espiña Gamallo, coa fortuna de concederme abrila cun prólogo. Serviunos en varios viaxes para internarnos por este vello e novo Vía Crucis, tan tripado por tantos galegos: xa dende os primeiros anos do século IV a galaica Exería, que deixou crónica da súa peregrinatio, pouco despois Idacio, bispo dos límicos e mesmo Orosio, por outra banda bo coñecedor de Brigantia e do seu faro... Terra Santa, atendida por miles de franciscanos, comisarios dos Santos Lugares formados en Herbón e Compostela, enmarcada como provincia franciscana súa. Frades propagadores da artesanía do taraceado en caixiñas, cruces, relicarios, rosarios en madeiras de ciprés, oliveira e nácara, comúns en casas de Galiza, regalo dalgún peregrino ou franciscano. Camiños coñecidos polo historiador franciscano Samuel Eiján, do Ribeiro do Avia, polo padre Xoán Legísima, de Lousado, en Piñor de Cea, o que incluso para a formación dos misioneiros e para a súa catequese montou no convento franciscano de Compostela un Museo de Terra Santa, cunha magnífica maqueta de Xerusalén e do Santo Sepulcro.

A guía de Terra Santa de don Manuel Espiña, editada por il mesmo no 2005 e sen ningunha axuda, está asinada un 11 de marzo do 2004, coa lembranza Polos Mártires de Madrid, os 192 mortos e case dous mil lesionados polas bombas do terrorismo yihadista naquela mañanciña sobre os trens dos traballadores. Publicación resultado dun curso bíblico realizado no 1981 na Terra que foi de Cristo e profetízase será do Anticristo, do que il foi eficaz secretario. Crónica cosida coa tensión dunha permanente guerra civil, na que levan todas as de perder os palestinos. Os acordos sobre fronteiras do 17 de setembro do 1978 en Camp David, baixo a titoría dos EEUU, seguen enlordados en provocación e morte.

Un venres, no que despois da posta do sol os xudeus celebran o Shabat, no aeroporto de Tel aviv recibe aos asistentes ao curso o ourensán arqueólogo bíblico don Xulio Trebolle, profesor da Complutense, investigador dos Manuscritos do Mar Morto e que serviu de mestre e guía naqueles días.

Toda viaxe a Xerusalén debe comezar polos outeiros de Getsemani, o Horto das Oliveiras, abertos a tantas premonicións, traizóns e contradicións, onde os cristiáns din que ascendeu Cristo ao Ceo e os musulmáns contan que o mesmo fixo Mahoma. Nas abas o privilexiado cemiterio hebreo, coas campas orientadas ao Templo e moreas de pedriñas de lembranzas sobre delas... Abaixo, no occidente, o Val de Josefat, cara onde camiña a nosa Santa Compaña, xa insuficiente pra acoller a masiva concorrencia ao Xuízo Final. Monte furado por covas, almazaras, hipoxeos que din de profetas, onde se refuxiou Xesús, outra que se di a tumba da Virxe... templos conmemorativos dos uns e doutros. E a carón deles a Cidade da Palabra, coa Porta Dourada, da Misericordia ou da Eternidade, pola que pasou nun domingo o Cristo agasallado entre ramos, tapiada polos musulmáns, pra interromper paso ao Mesías que baixo dela entrará... detrás a cidade dividida: o rico barrio xudeu, co Muro das Lamentacións, a Porta de Sión; o humilde e algareiro barrio árabe coa Mezquita de Omar ou da Rocha, o rebulir baixo a Porta de Damasco; o barrio Cristián-Armenio, co templo onde se venera a cabeza de Santiago e o barrio Cristián-latino, arredor do Santo Sepulcro e da Porta Nova.

O corazón infartado de conflitos son as ruínas do Templo, encrucillada do que foi o cardus e o documanus romano, ao que hoxe se accede despois de varios controis policiais. O Muro das Lamentacións é o tramo que aínda persiste do paramento de contención do Templo de Salamón, baixo dela un labirinto de túneles, paraíso dos arqueólogos e motivo de conflitos políticos. Cantería ciclópea, maxistralmente asentada. Se algunha fenda de xuntura queda sirve pra meter mensaxes a Deus. Lugar de peregrinación pros xudeus, moitos deles traxeados, aínda de loito pola destrución do Templo, cubertos coa kipá, os casados co sombreiro de pelo, o shtreimel , outros cubertos co talit, manto de oración, filacterias envoltas... bekishes, bucles, barbas que definen as gamas de ortodoxia... abaneándose, golpean o peito nun mea culpa...

O Templo dos templos, lección de cantería, de masonería, de harmonía, foi edificado no Monte Moria, encadrando unha gran pedra, "A Rocha Fundacional" para os islámicos. Tamén contan as lendas que o Arcanxo Gabriel deixou sobre dela unha fendidura... con cova debaixo. Gran lapa sobre a que Abraam, pai de todas as discordias, ía sacrificar ao seu fillo Isaac... Arredor dela, alá polo 950 a.C o Rei David edifica o primeiro templo, despois o seu fillo e sabio Rei Salomón manda construír un grandioso palacio e templo para acoller a Arca da Alianza coas Táboas da Lei, o Candelabro dos Sete Brazos e tesouros que inspirarían mitos templarios. O templo seguía a dirección Este - Oeste, a escalinata, as dúas columnas cubertas de ouro abrían ao vestíbulo de paso á nave, cuberta con cedro do líbano, ao fondo da que se erguía o Sancta Sanctorum. Todo encadrado por un muro cun deambulatorio interior.

O Templo foi diana para os invasores, saqueado e destruído no 587 polos babilonios, reconstruído por Herodes o Grande, seguido de 87 anos de obras... e así o viu Cristo para profetizar que del "non quedaría pedra sobre pedra": no ano 70 e no 135 da nosa foi destruído polo exército de Tito cando as revoltas dos nacionalistas xudeus zelotes, como conta o historiador e fariseo romanizado Flavio Josefo, para pasar a dedicarse a Xúpiter. Despois os árabes constrúen as mesquitas, os cruzados unha igrexa... Os xudeus aínda agardan por unha terceira reconstrución que anunciaría a chegada do seu Mesías.

Sobre a plataforma orixinal, explanada, campa a Mezquita da Rocha ou de Omar, a que, despois da Meca, é o lugar máis santo pros musulmáns, estampa que non falta nas súas casas. Harmónica construción, que fai posible a cuadratura do círculo: base octogonal, coa cúpula dourada presidindo o corazón da Cidade. Construída no 638 polo Califa Omar cando entra en Xerusalén, seguindo pautas construtivas do Santo Sepulcro. Reaviva a tradición de que baixo aquela rocha orou Mahoma e dende ela voou ao ceo nun burro alado... Inmediata a esta e como complemento, no 705 érguese a Mezquita de AL-aksa (lonxana).

Entre badaladas, cantos de muecín, son de cornos de cabra, os xudeus preparan a festa dos Tabernáculos, os musulmáns crean patrullas de defensa das súas mesquitas, os cristiáns en procesións con cruces a costas...¡Ouh Xerusalen! das sete portas, dos templos da Palabra, das profecías, das tumbas, do cenáculo, do Calvario... e da Pascua Florida.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine