Aactual crise migratoria faime pensar moito nos nosos devanceiros. Aqueles que colleron as súas maletas e se botaron ao mundo para tentar fuxir da fame e das terribles condicións de vida que no noso país se daban durante os séculos XIX e XX. Fronte a estes homes e mulleres, que xunto a italianos e irlandeses emigraron a América ou a Centro Europa, outros e outras ficaban na nosa terra. E algúns deles sempre se negaron a ver na emigración ou no exilio unha traxedia para Galicia. As mulleres que falan neste artigo pertencen a este grupo, e teñen unha opinión sobre os seus compatriotas un tanto particular.

Xoana.- Pois eu penso que lle damos moita importancia a ese asunto.

Paula.- Muller, é que non é para menos. Que eu recorde en Galicia emigrouse sempre.

X.- Xa, pero é que a xente non se acostuma.

P.- Porque a xente é moi túzara. O galego nunca emigrou por necesidade. O que pasa é que lle gusta a novidade. Coñecer outros países. Abrirse ao mundo, vaia.

X.- Claro, muller. O galego sempre emigrou porque ten un espírito aventureiro que non lle cabe no corpo. Galicia fáiselles pequena. Son moi cambiantes. Teñen moita ansia. Hai que deixalos ir.

P.- É o mellor para todos. Ademais, aquí sobran. Somos moitos. Mira, mira, mira, mellor que non volvan, que vivimos máis tranquilas.

X.- Si, porque os que marchan son os máis inconformistas. Todos son anarquistas. Déixaos ir, muller. Que o demo os confunda.

P.- E Satanás os afunda.

X.- Que morran, carallo. Aquí non nos vamos botar de menos.

P.- Ai, non, para nada. Se todos son ateos.

X.- Eu vou rezar un par de Avemarías polas súas almas e Santas Pascuas.

P.- Acompáñote porque tes moi bo corazón e porque un avemaría non se lle nega a ninguén.

X.- Nin sequera a un emigrado. E menos a un exiliado, que son comunistas.

P.- Abofé, son vermellos como inferno. Luciferinos.

X.- Invertidos. Unha raza sacrílega.