O labirinto do alquimista

Ruta 66, a antiperegrinación polo asfalto

27.09.2015 | 02:08
Ruta 66, a antiperegrinación polo asfalto

Fanse camiños para todos os gustos. Vieiros impresos coa señardade de ires e vires, despedidas, recibimentos, fuxidas. Rutas labradas pola historia, paso a paso, por carruaxes, automóbiles de manivela e novos experimentos no transporte. Hoxe estradas de asfalto, máis rápidas, noutrora seguidas de postes e tendidos, nada espirituais, para facelas en vehículo, con ruído e algarabía, sen oracións ou botafumeiros, si acaso de autostop, entre bafaradas de fume espeso de gasóleo, tabaco, asubíos e bucinas. Estradas doutro Oeste, o americano, entre contrastes de desertos de pedra mol sobre os que asoman os cactos que semellan acoller o espírito dos fracasados, bosques, ríos...Camiños cos seus emblemas, símbolos, selos da andaina feita.

E algo de poesía, de mística, de relixión, de aluados, pirados e quixotes ten iso da peregrinación, da arrieiría, de poñerse a andar camiños, a velas vir, sen a obrigación do éxodo político ou económico. Simplemente aguilloados pola forza de enxergar a dimensión do mundo e dun mesmo. Individualidades que acabarán atopándose na encrucillada. A andaina de centos de quilómetros emborracha, repítese e espállase a experiencia que provoca aos sentidos. Nova odisea coas súas encrucilladas, entre dúbidas e decisións, cargados co fardel ou coa mochila, a pé e co caxato, sobre os lombos dunha besta, en moto, caravana....vehículos que chegan a ser como inseparable parte propia dun, que definen a personalidade. Automóbiles, algúns coas cicatrices da contenda, outros mimados, agarimados, escintilantes polo teimudo pase de baeta, niquelados, tuneados, parcheados a imaxe e semellanza coas insignias, as medallas, os trunfos entre os ritos dun novo pasaxe.

Non podía ser doutro xeito nesa América, América, país feito e refeito por ringleiras de colonos, seguindo os uns aos outros, mortos de fame, en caravanas de carromatos, inmigrantes irlandeses, bretóns, latinos, xudeus, gregos... que contaxiaron aos indíxenas de enfermidades e cobiza. Caravanas tras a roda e un canto tristeiro, na busca dun paraíso de gando e froiteiros, de pebidas do ouro e do outro ouro, o negro, o petróleo, para ser capataces, sheriff de estrela no chaleco e sombreiro texano.

País atravesado dende o 1926 por unha The Mother Road, a estrada nai, a Calle Maior do EEUU, de 4.000 quilómetros, a través da que un pode ler a súa Historia e estado de saúde, microcosmos da cultura angloamericana, a popular RUTA 66. Nome que se toma por qué si, por que cae ben á vista. Sinalizada nos modernistas anos vinte, e que recorre dende o estado de Illinois, coa Chicago da hampa, a California, con tantas fantasías e con Los Ángeles de Hollywood. Camiños do western, inicialmente de grava e terra, de po e e espirais de tornados, sol e calor espeso, á que asoman lagartos, cobras e coiotes famentos. Camiño tripado polos inmigrantes ianquis que fuxían da crise do 29, na busca de traballo en California. Ruta revitalizada coas migracións motivadas pola segunda Guerra Mundial para o emprego na industria bélica de California, por artistas ansiosos de triunfar e por xogadores empedernidos. Gran diagonal que sigue polos estados de Missuri, Kansas, Oklahoma, Texas, Nuevo México, Arizona... e tras o río Colorado, a nova terra prometida, alifornia.

Deixado atrás Chicago, saberemos que en Willmington no Mount Carmen Cementery ten concorrida sepultura Alcapone e tamén Jack Rubi, e con eles enterrados moitos secretos. Atopamos Springfields que nos remite á casa dos Simpson e mesmo a Bruce Springsteen, onde está enterrado Licolm. O Estado de Missouri, coa cidade de San Luis, simbolizada hoxe polo Gateway Arch, gran parábola de aceiro, como unha porta do Oeste, deseño do arquitecto americanofilandés Eero Saarinen... Oklahoma dos indios quapaw; en Nuevo México Tucumcari, territorio apache e do indomable Gerónimo.... Tamén escenarios da historia de 1534 protagonizada polo conquistador Alvar Núñez Cabeza de Vaca.

Ruta 66, concorrida de aventureiros, invadida de publicidade e carteis de neón, estacións de servizo, talleres, restaurantes, pubs, moteis... E tamén excitante estrada da morte, a Bloody 66, coas súas curvas e precipicios á beira do Gran Canón, o cráter de Arizona, gran burato provocado por un meteorito hai máis de 50.000 anos... as covas de Maramec das que os soldados unionistas quitaban sal pra pólvora, os agochos do buscado foraxido sudista Jesse James e da súa banda, asaltantes de trens, bancos e salooms, traizoado e asasinado polas costas por un dos seus premiados con recompensa. Argumentos para westerns cinematográficos nos que nos educamos... En Lichfiekd o Ariston, como un senlleiro Cafe Bagdag, e sobre as súas paredes a proba fotográfica do paso de estrelas do cine, Marilyn, Dean, John Wayne, Natalie Wod, Elvis... e a carón do alpendre, do abanear da randeeira, dun acougo entre fume de tabaco e música country de acordeón e banxo, o estrondo do paso dun Leyland, como un monstro ou dun Chrevrolet alado...

Ruta reemplazada por novas autopistas, agora marxinal e que ofrece os seus guías, soñada polos moteiros de devoción, polos clubs de trotamundos, da Harley, os herdeiros da U.S Higway 66 Association, creada para a súa potenciación e disolta no 1976, tribos urbanas, heavys, osos, anxos do inferno... Por aquí mandan as chupas de coiro negro, a caveira, os atavíos parcheados de símbolos, as cadeas de aceiro, tatuados, calvos e con pano misquito atado á testa. Sobre a mesa do Steach Ranch campará un menú competente, a ton cos corpos suorentos: filete de vaca, salchichas con ketchup ou comida rápida, as hamburguer. Ruta dos primeirísimos Mcdonalds. Tendas onde todo trato se pecha a golpes de botellas de whisky.

Arredor desto existe un variado e particular marchandaising. Tamén en Iberia a ruta 66 ten os os seus clubes de adeptos ou introvertidos seguidores. O neoyorkino con empresas turísticas e de mensaxería en España Victor Muntané Pavillard é autor dunha guía, tan singular como o mesmo itinerario, Route 66, mi sueño y pasión.

O escritor experimentado californiano Jhon Ernst Steimbeck, obreiro en New York, guía turístico, reporteiro,.., Premio Nobel en 1962, é autor da transgresora novela As uvas da ira pola que no 1940 recibe o Premio Pulitzer, levada ao cine naquel ano, ambientada na Gran Depresión dos anos 30: trata do éxodo de granxeiros de Oklahoma, os okies, a familia Joad, castigados polo vento nunha terra traballada por eles, desafiuzados polas empresas e os bancos de Tulcsa, seguen o publicitado en panfletos arroxados á estrada, vanse a buscar a vida no paraíso da California do algodón, os viños, as laraxas... Pra acontecer un Xogo da Oca entre campamentos para transeúntes, morte, explotación, enganos, adversidades. Novela que é unha nova odisea arredor dos oprimidos. Tamén Jack Kerouac en The Road marca un antes e un despois en relación co mundo hippy e heavy, a mitificación da Ruta 66. Estrada inspiradora de Get your kicks on, música e letra que pode ser aquí banda sonora, cantada por Nat-King Cole, reinterpretada polos Rollins Stones. A vida é o camiño.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine