Neste mundo no que nos tocou vivir hai moitos tipos de persoas, afortunadamente, e moitas maneiras de pensar, menos mal. Pero, sen dúbida, hai dúas razas dentro da especie humana que, a medida que envellezo, chaman profundamente a miña atención. Unha é a das persoas que queren ser felices e outra é a das persoas que queren ter a razón.

Hai xentes que antepoñen que lles des a razón en calquera dos temas que abordan na súa conversa a sentirse felices. Obviamente, quen isto escribe, empeñado en achar un algo de contento no seu entorno, dálle a razón a esta raza con suma facilidade. Porque unha cousa é querer convencer con razoamentos a alguén da túa maneira de entender un asunto e outra moi diferente é convencer a alguén das túas posturas desde a crispación. Certamente son máis partidario do diálogo que do debate. Ás veces tamén sucede que o diálogo ou o debate resulta inútil, porque esta especie que pretende ter sempre a razón, acostuma a moverse por posicionamentos inmovilistas, co que calquera argumento que un esgrima cae en saco roto. Eles endexamais van cambiar o seu punto de vista sobre o tema que propoñen para conversar. Con rotundidade, afirmo que formo parte da outra especie, da que antepón a felicidade á imposición dun punto de vista. Estes últimos, son tamén os que con frecuencia te preguntan a quen votas nunhas eleccións, ou prezo do piso que mercaches, ou se tes amantes?Por a cuestión de decoro nunca contesto a estes abordaxes tan pouco sutís. Pero a que máis me molesta de todas as súas indiscrecións é o da votación. Aínda que non o crean, na maioría dos países de Europa que se encontran nunha latitude máis norteña que España, estas preguntas non se fan. O voto é segredo.

Por iso, nestes países, é tan doado ver a persoas de diferentes ideoloxías soster a súa amizade con orgullo. Aquí parece que só podes ser amigo daquel que pensa igual que ti. A política forma parte da vida do ser humano, pero non é a vida do ser humano. Ademais,a quen lle importa o que eu vote? Contestar a esa pregunta prodúceme unha sensación de nudez indescriptible. Hai uns días, un preguntón dos da primeira especie, abordou a un coñecido meu dunha certa idade, vaia, de oitenta e dous anos, e tivo que facelo, non puido refrear os seus instintos e preguntou: "Que, que pensa do de Cataluña?". Ao que o meu coñecido, respostou: "Hai anos que non vou ao fútbol porque paso moito frío, e mira que me gustaba ir ao campo, eh. Que me importa a min o que pasa en Cataluña, si me estou morrendo". O preguntón seguiu rosma que rosma: "Se todos facemos igual e non pensamos máis que en nós mesmos, España non ten futuro", ao que o vello retrucou: "Se todos facermos igual que vostede España poida que teña futuro, pero todos vamos morrer amargados". O rosmón, refunfuñou, mais quedou calado para alivio de todos, e a súa ollada, extraviada, pola contestación do octoxenario, precipitouse sobre un xornal. Era dos que prefiren levar a razón en calquera asunto que ser felices na única vida da que gozamos.