Abrir a caixa do correo postal é algo que xa facemos, eu polo menos, cun chisco de aprensión, como cando de pequenos mirabamos debaixo da cama. Na negrura da caixiña metálica, quitado algún libro ou publicación, non adoitan vir máis que comunicacións rutineiras, no mellor dos casos, pero sempre se pode agachar algún sobre con membrete oficial. A Administración nunca escribe para cousa boa. Parecida deriva está collendo o correo electrónico. Agora, non sei se pola mellora dos filtros anti-spam ou porque xa non me consideran público obxectivo, xa non entran aqueles emails que me ofrecían melloras, fose en forma de alongamento dunha parte da miña anatomía; fose en forma de axuda farmacolóxica por se consideraba que o tamaño non importaba, pero a duración si; fose por se me parecía excesivo o tamaño ou duración da miña hipoteca. Agora o que me chegan a moreas son as consecuencias de terme rexistrado irreflexivamente en foros ou subscrito a cousas que debería telo pensado mellor, ou simplemente, telo pensado. Mais entre as poucas xoias que me aparecen na bandexa de entrada está o Voto con botas de Fermín Bouza.

Desde o seu exilio en Chamberí, o seu despacho na Complutense ou o seu refuxio de Pontedeume, Fermín non se limita a analizar a realidade política no blog dese nome que ten acollido en Infolibre.es. Como Feijóo (o Padre Benito Xerónimo, que naceu a dez quilómetros de Alberto Núñez, pero a un par de eras xeolóxicas de distancia) nas súas Cartas eruditas e curiosas, nas que escribía tanto das virtudes do chocolate como de reformas xurídicas, da teoría de Isaac Newton ou da medicina chinesa, Fermín exerce de ilustrado e non aproveita a súa altura, ética ou intelectual, para lanzar raios e tronos sobre a actualidade política e os seus protagonistas. Por moito que lle dea algún lapote a quen merecía que lle partiran -metaforicamente- as pernas. A diario, conta o que ve, conxectura por que pasou o que pasou ou aventura o que pode pasar, pero tamén o seu discorrer persoal, ilusionado ou non tanto -ten fases- polos días e polos sitios. Un diario de viaxes físico e reflexivo.

O último, o que me motivo a escribir isto, titúlase De aquí a las Generalespónganse a salvo, e fala, como de pasada, diso tan español de botar man do que sexa para ganar eleccións. Non é que noutras partes tanto lles teña gañar ou perder, ou non se esmeren especialmente, senón que aquí son cousa de vida ou morte, e por iso se usan os tres poderes, e porque non hai catro, ou os catro porque non hai cinco. Neste caso, levar aos tribunais a quen faga falta, sexa o concelleiro Zapata por facer chistes de mal gusto, o presidente da Generalitat por convocar un referendo que non o era, segundo todas as forzas vivas, mentres os que fixeron desaparecer carros de cartos por aí andan. Ou condecorar a unha Virxe, como se fose no Romaría dos Milagros de Amil, pero no canto dos billetes de curso legal, coa medalla de ouro ao Mérito Policial, ou a de prata da Garda Civil. "No tengo noticia de que otras religiones hayan hecho cosa parecida, tampoco la católica, si lo exceptuamos a usted. O quizá me falta información". A maiores da excelencia das análises e do estilo, é de celebrar que un opinador confese que quizais non sabe algo, que haxa un Padre Feijoo entre tanto Calvino e Savonarola.