Xulgar condutas establecidas na comunidade e tachalas de perniciosas non deixa de desprender certo fedorento tufo a sermón de púlpito ou a discurso político. Sentencias emitidas con doses de moral paternalista e a solemnidade da posesión dunha verdade absoluta que parece presupor un pasado mellor. Nin o presente o é con todos os seus adiantos. O debate non sobra si do que se trata é a busca da harmonía social, da tolerancia, da liberdade e da paz. Os camiños da civilización... e tamén os da esmorga son inescrutables e mesmo poden dirixirse cara autodestrución. Teledirixidos manda o ego, con liberdade de opción en que supermercados meterse e o que adquirir. En comunidade construímos a cultura que é a alimentación, os idiomas, as artes, a ciencia, asuntos para resolver problemas. E velaí a cuestión arredor da que debe xerar a educación, o equilibrio entre a tradición e a innovación.

Enchese a boca ao falar de patrimonio particular e mesmo do pobo, Patrimonio Nacional. Todos presumimos de patrimonio, do conseguido, dos herdos materiais e inmateriais. Falamos de patrimonio natural, de patrimonio cultural, histórico, de artefactos, de patrimonio ideolóxico ou inmaterial, o construído no devalar do tempo e que adquirirá un valor simbólico. Resultados dunha liberdade sempre limitada pola tolerancia duns cos outros. Cadaquén a defender a súa verdade, pura ou edulcorada. Así a cultura é un conxunto de xeitos e cousas que nos identifican, noso aporte ao universo, nosa mellor cara, a que se enxalza e da que se presume en festas e museos. E nese uso e abuso da liberdade mesmo obnubilamos a razón e damos paso á irracionalidade, a agresividade contra a mesma sociedade, contra o patrimonio, contra a evolución natural das tradicións, da innovación. Pasos da historia que xa deberan terse aprendidos pra non repetilos, aprender o valor inmenso do ser humano, iso é o humanismo.

Asumimos que o pesimismo é patrimonio dos egoístas, aínda que o espectáculo non pode ser máis desesperanzador arredor: incendios desbastadores, produto dun lume prendido con aleivosía na media noite da seca do verán, as festas tradicionais esmirradas polo alcohol a granel, consumido entre menores amparados en espazos tradicionais, en xardíns, en parques, provocando aos seus envellecidos veciños a abandonar as querenzas na busca da tranquilidade. Claro que a festa naceu arredor de Baco e do viño. Elixir elemental pra anular a consciencia, os lindeiros da convivencia, pra dar renda solta á brutalidade do inconsciente.

Danse teorías, experiméntase como erradicar o botellón, namentres rexurde arredor das festas tradicionais estivais ou invernais, xa como si dunha tradición se tratara, que pasa de xeración a xeración. Cuestión que provoca o presente e o futuro da convivencia, que chega, como asunto de trámite aos plenos municipais, ao Valedor do Pobo, a outros sanedríns da convivencia... os medios miran a mercancía de reollo , algúns enredamos con teimosía no discurso, na orixe, nas consecuencias, sen alternativas, máis que propor apartalo de sitio, disfrazalo... Que plan de rehabilitación integral pode haber si pola noite se ataca masivamente?

A Universidade de Zaragoza, a instancias do concello desta cidade fixo un estudo que merece coñecerse como punto de partida para particularizalo. Non resultan difíciles estas cuestións cando se elaboran e afectan aos propios protagonistas, a comunidade universitaria, da que tanto se espera como inversión do pobo.

O San Xoán da Coruña, a Romaría do Tegra, a Viquinga de Catoira, o Naseiro de Viveiro, os Caneiros de Betanzos, o Berro Seco de Sans Fins de Cabana, a Festa da Historia de Ribadavia e tantas outras romarías e festas sacroprofanas dedicadas a santiños ou éxitos gastronómicos da terra adultéranse cos novos ritos de iniciación para os menores e adolescentes que desexen desmadrarse e realizarse como adultos. Os pais tómano como normal. E veña quioscos vintecatro horas, supermercados abertos, de garda para esas xa normalizadas mesturas de viños de tettrabick, colas, xenebra e o que lle cadre para pola noite concorrer onde ordenan as redes sociais dos ordenadores. Beber, berrar, romper coas normas da noite. E veña novos inventos, revitalización de festas celtoamericanas, San Patricios, Halloweein, Lugnasad e eses xermánicos Oktoberfest en calquera lugar do mapamundi e mes do ano. E velaí as estampas da algarabía, a serea da ambulancia, a atención a un coma etílico, entre mexos e trosusadelas de vómito, contaminación integral, produto Made in Spain, que se exporta.

E tampouco faltan textos que vanglorian esta actividade "social" e "económica". "Generando año tras año un flujo inacabable de turismo y provocando que España sea el destino de sensatos compañeros en el programa Erasmus. Se trata del botellón, uno de los grandes inventos de nuestra generación". E mesmo establécense normas, "Metodología del botellón, para su organización y disfrute": un xeito de dez mandamentos do botellón, que se procurará sexa masivo: 1.- O lugar determinarase lonxe da xente, da familia, e de "axentes desastibilizadores" 2.- Axustarase o día e a hora con antelación. 3.- Será un acto aberto a todos e todos terán os seus encargados das provisións. 4.- Bebidas alcohólicas de graduación e novas experiencias en coctelería. 5.- Bebidas de acompañamento, como cervexa, refrescos " para pillar de más... evitar un posible desabastecimiento". 6.- non debe faltar xelo 7.-vasos 8. - Extras, patatas, cacahuetes, pipas... 9.- Música 10.- " Pasarlo teta". E que por palabras non sexa, "civicamente, sin molestar al prójimo". Finalmente conclúe o manifesto que "el objectivo es mostrar a la sociedade y a esas díscolas autoridades que somos una juventud listisima, concienciada y proactiva". Cousas que se contan e establécese antes da algarabía comunal. Nos comentarios alguén apunta "despois de Harry Potter no ha habido nada igual de bueno". O certo é que a teoría e o listado de intencións e materia prima solo se diferenza dos guateques dos anos sesenta na interacción mediática, na masiva concurrencia, no acento nas novas substancias. Os listados do pasado non eran tan inxenuos, eran máis sofisticados e dentro dunha cóctelaría inspirada en Chicote.

Nesto das festas populacheiras, das romarías, tabernas, cantinas, bares, de festas e romarías poucos saben máis que os galegos, e xa non digamos as tradicións celtas da cervexa, pero de nada vale... a non ser beber sen tino. O botellón é un xogo iniciático adolescente na noite e na clandestinidade, un abuso consentido da liberdade con graves consecuencias. Responsabilidade que comeza polos medios que furan a todas horas por todas partes, que segue pola casa, por una escola que semella preparar unicamente para exames e non pra resolver a vida... mesmo de buscar xeitos de ocio, sen tentar contra a vida, a sociedade e o planeta. Convén insistir, mirar atrás, a tantos experimentos mozos, esperanzas de casas que quedaron para sempre nun pardiñeiro sucio, na cuneta, entre o lixo, xogando con substancias adobadas con alcohol e con todos os detonantes que aceleran os sentidos, a violencia...

E velaí solucións esperpénticas: bobys británicos convivindo entre tricornios para mitigar os abusos en Megaluz e Ibiza. E outros parties máis clasistas, con disjokey incluido, mesa e mantel... Agora as rave, salvaxes encontros clandestinos en arrabaldos escondidos, túneles, casas abandonadas, con días de festa seguidos... A Party bous da jet... E mesmo nese rito de anular a razón, desafíanse os medos e aténtase contra os vivos e os cemiterios. A Esmorga de Blanco Amor resulta un inxenuo tema de pasado.