Si home si

Grazas por estar aí

10.10.2015 | 00:42
Grazas por estar aí

O domingo pasado cumpríronse 15 anos da aparición desde xornal. Non lles vou romper a cabeza co que supuxo a aparición de LA OPINIÓN A CORUÑA. Xa o fixeron o domingo pasado unha serie de líderes políticos, económicos e sociais, e sobre todo, xa o fixo o propio periódico, reproducindo aquelas portadas que supuxeron un bulir para a redacción e para a cidadanía. Esas páxinas que ao velas nos traen á cabeza á mítica pregunta "onde estabas ti cando...?".

Eu o 4 de outubro de 2000 estaba tremendo. Para ser máis exactos, xa estaba tremendo o 3. Non como os que facían o xornal de verdade, que xa levaban meses adestrando, pero tan dos nervios estaba que na columna da estrea empecei protestando pola día da saída, en tan pouca glamurosa data como o 4 de outubro: "A ver, catro de outubro... san Francisco de Asís... hai que ir de humildes?, regalar todo e botarse ao mundo?, facerse amigos do lobo? Non o pillo. Ademais, estando como están ao caer datas tan bonitas como o 7, día da patroa, ou o 12, festa da hispanidade ou como se chame agora a cousa... Dúas excelentes ocasións perdidas para empezar ben, poñéndose patriotas, dunha cousa ou doutra..." queixábame.

Queixábame porque estaba tremendo de medo. Nunca fixera columnas. Opinar dábame vergonza, e de aí para arriba. Eu era de vai alí, mira que pasa, vén e cóntao o mellor que poidas, ou en ocasións, na vertente saber algo que alguén non quere que se saiba e contalo. Mais o de dar consellos ou predicar, sinceramente, non o vía. Parecíame un euismo, ou yoísmo (sen chegar ao egocentrismo, pero aí, aí) inaceptable. Deixárame convencer, porque para calquera xornalista é sempre irresistible a tentación de colaborar en poñer en marcha algo novo, e máis con amigos e amigas. E dubidaba moitísimo en atoparlle o aquel. Ante todo, non lle quería rifar aos lectores, dicirlles o que teñan ou non que facer. E evitar, no posible, queixarme. Nin contar a miña vida, así porque si (ademais, daquela non tiña nin animais domésticos, que sempre son un recurso). E se quitas eses factores pouco queda para elaborar o produto columna.

Ata que lembrei algo que contaba Carlos Casares dun amigo estranxeiro co que asistira a un congreso de filoloxía, no que un experto especialmente vaidoso afirmou na súa intervención que en ningún idioma do mundo dúas afirmacións equivalen a unha negación. "Si home si", rosmoulle polo baixo a Casares o amigo, que sabía galego. Xa o tiña! Se podía desmentirme a min mesmo co título da columna, deconstruír a pretendida autoridade do púlpito exhibindo nel un cartel cun menú do día ou quitándolle tremendismo ao discurso proferíndoo cun nariz de pallaso, non había problema. Acto seguido escribín a primeira columna, dicindo que non se podían obstaculizar os lexítimos desexos dos propietarios do asilo de Adelaida Muro, que querían derrubalo para construír vivendas de luxo. Agora, se ben o edificio era seu, a imaxe do edificio era de varias xeracións de coruñeses, polo que por dentro podían facer o que quixeran, pero deixalo por fóra tal cal estivo sempre. Ao día seguinte chegou unha carta dicindo que parecía mentira, e explicándome os motivos polos que había que opoñerse ao derrubo. Non obstante, aquí sigo. Grazas por estar aí.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine