A situación xeoestratéxica de Aragón, como encrucillada entre pobos, foi e segue a ser un valor en alza. Por algo Inditex e outras empresas establecen alá a súa base loxística. E foino dende o imperio romano até hoxe, pasando polo medievo co pulo imperial do aragonés Fernando el Católico. Cerna de batallas feudais, tamén das guerras carlistas, e por algo as encarnizadas batallas do Ebro na Guerra Civil. Todo un acontecer que farán de Zaragoza un referente.Tamén terra de artistas, de heteroxéneos e teimudos pensadores que expresan eses herdos forxados na encrucillada, como Jerónimo Zurita, mentor dos Reis Católicos, empeñado coa "Doma do Reino de Galicia"; patria do sabio humanista Miguel Servet, do pintor Goya, do escultor Gargayo, do médico Ramón y Cajal, da filóloga María Moliner, dos Saura, Carlos o cineasta e Antonio, o pintor; do historiador da Arte Camón Aznar, imprescindible pra enxergar o Prerrománico e Románico galego; do modisto Pertegaz, do filólogo e académico Lázaro Carreter, do sacerdote Escrivá de Balaguer, do arquitecto García Mercadal, do músico Antonio García Abril, de Labordeta, etnógrafo, poeta, músico... Mostrario de carácteres e procederes.

A amizade entre galegos, mañicos ou baturros, está labrada nos camiños, compartimos antigas devocións, ansias feudais, imperiais, cosidas en encontros e desencontros entre batallas, matrimonios, alianzas bendicidas baixo a Veracruz de Caspe, a carón da Pilarica, do seu milagreiro manto ou do pendón da señera, signum nostri coas catro pegadas sangrantes dos dedos sobre o fondo dourado. Compartimos potaxe de callos, viños, ternasco, queixos, aturuxos, asubíos, tambores, gaita do boto, bailes e até santos adalides, sen medias tintas. Aragón, ben recorrido e sabido, preferido dos afiadores e barquilleiros de Nogueira de Ramuín que mercaban os seus chifros na Comercial Usón de Zaragoza, os que mellor asubían, din.

A través do xantar de cada pobo pódese ler a historia da súa cultura e a de Aragón é a dos mellores vexetais, carnes, ternascos, bacallau, troitas, ancas de ra e queixo... e ese viño espeso das cepas e adegas de Cariñena, Calatayud, Somontano, Campo de Borja, entre os que manda a garnacha e os saberes dos monxes de Veruela, esa sucursal da multinacional medieval do Cister, con tantas bases no Reino de Galiza.

Esas relacións galaico-aragonesas remóntanse aos celtíberos, con esas tradicións do solsticio, aínda vivas nos lumes de San Xoán. Polo século I coñecemos en Bracara a presenza dun mercenario soldado celtíbero romano, Célico Fronto, natural de Arcóbriga (Monreal de Ariza, Zaragoza), ribeiras do Jalón, que en honra do numen indíxena galaico Tongoenabiago manda erguer a Fonte do Ídolo, arredor da que medra a cidade. En castros romanizados galegos atopamos a presenza de cerámicas sigllatas e moedas acuñadas na Rioxa e Aragón. Natural de Bilbilis, a Calatayud romana, era o retranqueiro autor dos Epigramas, Marcus Valerius Marcial, que viviu arredor dos anos sesenta da nosa era, formado en Roma e con versos alusivos ao "Océano Gallaico", ás magníficas ostras que dan os mares da Gallaecia, tamén ao ouro e ás obras sorprendentes dos ourives galaicos... Zaragoza, a Caesaraugusta romana, naceu inmediatamente despois de que Cesar Augusto someteu a cántabros, astures e galaicos para constituír a Gallaecia no extremo occidente de Iberia. Cidade asentada nas ribeiras do río do Iberos, na encrucillada das vías do norte, que unían coas Galias, con ramas pola Liguria até a mesma Roma. Camiños reaproveitados no medievo, polos que de fin a cabo se espalla o mito de Santiago, apóstolo ao que aquí, sobre un piar ou ara pagán, se lle aparece a Virxe. Querida imaxe Pilarica, celebrada entre tricornios, bandeiras e estandartes, xerala da hispanidade, que da tantos nomes, vendida en todas as romarías, en todos os formatos de estampas, medallas e churrusqueiras capeliñas purpurinadas con luceciñas de cores...

Limítrofe coa Navarra, na que conflúen tantos camiños tamén está Clavijo, onde o Apóstolo se fai matamouros, estratexicamente sobre as vías nas que Carlomagno tentara construir o "I Reich", un imperio que dará orixe a Europa. Lindeiros nas ansias de dona Urraca e so seu fillo Alfonso VII "o emperador", Rei de Galicia e de León, casado con Berenguela, filla de Ramón Berenguer III conde de Barcelona, con tantas raiceiras na monarquía aragonesa, que se estenden á Provenza e polo Mediterráneo. E o Rei das cantigas, Don Dinis, que casou un 26 de xuño do 1282 na trasmontana vila de Trancoso coa princesa aragonesa, Isabel, filla de Pedro III. Raíña Santa Isabel, "Rosa de Coimbra", como lle chama a autora das súas memorias, Pilar Queral del Hierro. Raíña que peregrina, agasalla e ama a Compostela, que pide como mortalla o hábito de peregrina para ser enterrada e representada como tal no seu sartego de Coimbra.

E ese Moncayo, pico sacro, altar presidindo todo, abas nas que se curan os xamóns e os embutidos, técnicas aprendidas polos feirantes, maragatos e arrieiros, onde en Veruela o sevillano Gustavo Adolfo Bécquer escoita, quizais a frades galegos, lendas dos Ancares.

Enrique Lister, coruñés de Calo, comandante ao frente da 11 división, logo como tenente coronel comandando o V Corpo do exército republicano, soportou e deu os máis duros combates en Brunete, Belchite, Teruel, a batalla do Ebro... que tinxiu de moita sangue galega duns e doutro bando... Aínda hai pouco topei nun chamarileiro unha cantimplora-relicario labrada a man con aquela lembranza.

Aragoneses de bos viños, tintos espesos, espárragos colloudos, melocotóns, ternasco e tamborradas de Calanda, as que petaban na orixinalidade de Buñuel. Cantamos "o si vas a Calatayud"... Non faltaba nas festas galegas aquel posto cun maniquí dun aragonés co seu cachirulo atado á testa, cargado cun odre, do que non paraba de verter o viño de Cariñena que enchía vasos. E aquel calendario Zaragozano, considerado palabra de lei nas casas galegas, inspirador do Gaiteiro de Lugo, do Mentireiro verdadeiro e doutros sucedáneos. E esa xota, que deriva do latín saltare, con brincos a golpe de bombo, tamboril, bandurrias, acordeón, gaita tamén e repenique de castañolas.... incorporada ao patrimonio de moitos pobos, tamén do galego, ás rondallas. Baile circular, en roda, rito solar, semellante á muiñeira.

Relacións que sempre houbo, sen esquecer ao tenor Miguel Fleta, de Albacete del Cinca, en Huesca, que morre de uremia na Coruña un 28 de maio en misión de guerra polo bando golpista. Na inmediata posguerra o historiador galego Chamoso Lamas, como comisario da Tercera Zona do Servicio de Defensa Nacional, que incluía Aragón, tivo a misión de reorganizar aquel patrimonio desbastado pola máis cruel guerra. Tamén ten presenza e querenza en Galicia a obra do escultor do grupo El Paso, o zaragozano Pablo Serrano, no monumento a Camilo José Cela, esa esperpéntica carauta en Iria.... a escultura de Carlos III de bronce a carón da Torre de Hércules, a guitarra... Mesmo Museo Pablo Serrano que en Zaragoza dirixe a betanceira Marisa Cancela, casada co arqueólogo Manuel Martín Bueno, quen no ano 1987 prospeccionou aquel barco da Gran Armada afundido no cabo Cee, con tan bos resultados numismáticos e materiais expostos no Castelo de S. Antón, con discípulos en Galiza, como Jaime Oyza Galán, responsable de exposicións no Concello da Coruña. Resultado do tirar dun fío que vén de lonxe.