Odecoro, a prudencia, a vergoña perden enteiros. Van moitos anos de emisión do programa Gran Hermano, mais nunca deixará de sorprendernos. Teño que confesar que me sinto reconciliado cos meus concidadáns, pois as encuitas dos participantes no espazo televisivo case non lle importan a ninguén. Aquela avalancha de comentarios nas colas dos bancos, nas cafeterías, no traballo, no Inem, pasou a mellor vida. Agora o programa está dirixido cara unha franxa de audiencia moi concreta: a mocidade máis tenra. E foi unha destas tenras mozas a que me sorprendeu novamente. A rapaza presentábase a un casting, é facíao co anceio de ser coñecida por todos e valorada tal e como é. Quería que a xente soubese como era. E desde logo, xa sabemos como é: unha iletrada. A moza tivo que contestar a varias preguntas de cultura xeral e a súas respostas foron demoledoras e reveladoras. "Quen foi Hernán Cortés? -Bo, non sei. Será da familia do Rei, non? Bo, dá igual". "Se estás en Xibraltar en que país estás? -Xibraltar, eu que sei. Xibraltar? bo dá igual". Cal é o xentilicio de Barcelona? - Xentilicio? pero que é un xentilicio? Non sei, a Sagrada Familia? Bo dá igual". De que país é capital Washintong? -Eu que sei, de New York? Bo dá igual". Isto que é un fracaso do sistema educativo español? Un fracaso da familia? Un fracaso da sociedade? Eu creo que é un fracaso de todos en xeral. No sistema educativo español deixáronse de estudar algunhas cousas que se mudaron por outras. Está moi ben ensinar aos rapaces a razoar e a relacionar, pero hai certos mínimos que teñen que estudarse para non desorientarse viaxando. Na sociedade e na familia asistimos a unha condescendencia co adolescente. Antes pedíaselle a el un esforzo na súa formación, agora pídeselles aos demais que o comprendan se non está ben formado. Aos nosos netos e aos nosos fillos querémolos e non nos gusta velos sufrir, pero van sufrir máis se non son quen de saber algunhas cousas. Non falo de criar intelectuais, non, falo de que len mal en voz alta, teñen faltas de ortografía gravísimas, non se lles inculcou o hábito da lectura nin a curiosidade polo saber. E aquí somos responsables todos, pero eles tamén. A quen se lle ocorreu a idea de chamarlle socialización ao botellón? Está formado o político que fai unhas declaracións así? Non podemos pedirlle peras ao olmo. A cultura do esforzo pasa por horas baixas. Sen embargo, os nosos nenos e nenas van cargados como burros aos seus colexios. Vaia mochilas. Tanto dispendio para tan poucos resultados. O negocio dos fabricantes de libros non é proporcional á sabedoría adquirida polos nosos adolescentes. E en medio de todo isto, os mestres. Eu creo que contamos cun gremio do ensino extraordinario. A maioría, digo. Sempre hai de todo en todas partes. Pero, os nosos mestres teñen que ser moi bos porque pasan por continuos cambios de leis do ensino, por cambios de programas, por cambios de libros de texto, e eles seguen aí coa súa vocación intacta e tentando que os rapaces se vexan o menos prexudicados polas ocorrencias de turno de cada político. Claro que este panorama tan indefinible desde o punto de vista da cultura xeral, non lle importa a ninguén con responsabilidades públicas, ou si? Non sei. Bo, dá igual.