Si home si

Os que se van, Nacho

17.10.2015 | 01:06
Os que se van, Nacho

Tiña intención de falarlles diso que parece que vai sacar ao mundo da órbita. De Irene Lozano, a que todos -polo menos en Madrid- dicían que era a dirixente -máis- presentable de UPyD, e que acaba de fichar polo PSOE/Pedro Sánchez. De que non era para estrañarse, que tamén o fixeran nada máis e nada menos que Cristina Alberdi, que de ministra socialista pasou a asesora de Esperanza Aguirre, ou José María Fidalgo, que de secretario xeral de CCOO transformouse en asesor da FAES de Aznar. E de que no fondo a táctica de Pablo Iglesias tamén vén sendo esa, a fichaxe de iconas da rebeldía, aínda que haxa que cargar coas organizacións correspondentes. Pero non podo falar doutra cousa que de Nacho Mirás

A morte terrible, anunciada e narrada por el mesmo, de Nacho, con 44 anos, ocultou a doutro xornalista, Manuel Pillado, que faleceu cunhas horas de diferencia, aos 94. A Pillado, irmán do Francisco Pillado que comezou a facer grande a La Voz de Galicia aínda o collín de subdirector, habitando un despacho que estaba a carón da zona onde acampabamos os de prácticas. Con Nacho nunca traballei (en rigor, con Pillado tampouco), nin en medio ningún -sempre foi fiel ao grupo Voz- nin no Colexio de Xornalistas, onde saiu cando eu entrei (sen relación causa-efecto, que eu saiba).

Empecei a seguilo na súa Vespa, é dicir, no seu blog, nos tempos do famoso blogomillo cando do mellor xornalismo e da mellor literatura se escribía e se daba, de balde, na internet. Nacho tivo a oportunidade de plasmar ese xenio no seu periódico. Quizais non coa extensión, en centímetros e en difusión, que merecía, ou que reclamabamos os fans, pero tívoa, que non é pouco nestes tempos. E unha vez, na facultade de Xornalismo, cando estabamos facendo un deses habituais exercicios de autoflaxelación que non por menos certos deixan de ser depresivos, el interveu desde o grada facendo un canto á profesión que ergueu os ánimos e os aplausos. Non fun quen, sen embargo, de seguir o seu relato dixital contra a enfermidade. Comeceino, pero tiven que parar, porque se me encollía o corazón e se me tupía o alento. Desfrutaría do seu humor, da súa sinceridade, da súa valentía, se fose alguén totalmente alleo. Así llo dixen cando o entrevistei pola saída do seu libro, no que recollía esas crónicas contra o mal que o atacaba desde dentro, El mejor peor momento de mi vida (título que xa é unha excelente definición e un perfecto resumo). Rindo contestoume que non o facía para que se lera, senón para desafogarse e para escorrentar o medo.

Os xornalistas non somos tan importantes como se cree, xa non digamos como nós nos creemos. Cuantitativamente, é certo iso que din nas películas -e temo que na vida real tamén algunha vez- de que "se te vas, hai cinco ou dez dispostos a facer o teu traballo pola metade dos cartos". E quizais entre eses cinco ou dez haxa quen o acabe facendo mellor -momento no que quererá cobrar como os demais-. Pero hai algúns irremprazables, como Nacho Mirás. É certo que sempre nos quedará a súa memoria, pero sempre nos faltará todo o que puido contar e xa non.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine