O Concello de Caldas de Reis crea o premio literario Alfonso VII, Rei de Galicia. Está ben iso de rememorar a Historia, por sermos o último eslavón dela. Acontecer feito de conquistas, descubrimentos, mercenarios, botíns, repoboacións, fuxidas... que compre coñecer quizais pra non repetir. Soa a extravagancia patrioteira dicir que Galiza foi o primeiro reino de Europa. Pero si se mira á Historia algo topamos causado por unha ceda organización do territorio, cos seus señores iniciándose entre o político e o relixioso e conseguintemente o nacemento dese feudalismo de dinastías, ansia de expansión e reparto de leiras en nome e baixo a bendición do seu Deus e os santos.

Dende o mesmo cambio de era coas Guerras Cántabras artilladas por Octavio Augusto queda constituída nos confíns de Iberia a Gallaecia Romana, repartida entre os conventos lucense, bracarense e o asturicense. Velaí un primeiro mapa, difícil de precisar aínda. Reparto territorial romano reaproveitado polos Suevos no século V, cun monarca propio, Hermérico, que será tido como o primeiro rei de Galiza, que asina pactos cos romanos e acuña moeda propia, a primeira dun reino. Nace así unha aristocracia galaico-romana que reparte e anexiona castros, leiras... con festíns, procesións e liortas entre si, máis aínda cando os grupos están abandeirados e movidos por novas relixións, cristiáns, arrianos e outras seitas consideradas heréticas. O mapa da Galiza histórica triangulábase máis alá de León, Cantabria e Coimbra.

Os suevos convertidos ao cristianismo constituíron o primeiro reino católico dunha Europa que aínda non existía como tal, até os intentos de Carlomagno, o I Reich. Intres de desencontros e encontros cos visigodos, para confluír todos na relixión católica, participar os bispos duns e dos outros nos concilios e finalmente, baixo a espada e a cruz, sumarse contra algo común como inimigo, o Islam que penetra na península por Tarifa no 711.

E o devalar da Historia segue entre batallas, vodas, partixas, con sagas e listados de reis que non imos repetir, entre eles Afonso II, refuxiado e asentado entre os montes e o mar de Astúrica, pero co poder relixioso en Compostela, con tanto futuro. Será no seu tempo, polo 813 cando aconteza en terras de Iria Flavia o achado ou a invención da tumba do apóstolo Santiago para afervoar as contendas.

O ourensán e vello amigo de pupitre en anos de Bacharelato, Anselmo López Carrera, segue a revisar meticulosamente, a expurgar e a refacer capítulos da Historia de Galiza, de esta proa occidental aberta ao océano e aos camiños. Non todo canto se ten escrito ou dito ten bases sólidas. Uns copiaron sobre os outros. E partiremos sobre iso de refacer o mapa da Gallaecia, sabendo que na España de Isabel II, polo real decreto de 30 de novembro do 1833 sobre a división civil de España que quedará repartida agora en 49 provincias. Reparto artificial separando bisbarras naturais de fondas tradicións. O Reino de Galicia, existente até entón, dende os Reis Católicos estaba baixo a Coroa dos monarcas españois, que herdaban o título de Rei de Galicia. Territorio rexido até entón por unha Xunta do Reino, tamén ás ordes e baixo a autoridade da Corte, con concellos controlado dende aquela por correxidores reais e os mosteiros dirixidos pola Congregación de Valladolid. Todo se centraliza aínda máis, Gobernador, Audiencia, Santa Irmandade, Inquisición... Os grupos provincialistas, xermolo do rexionalismo e do nacionalismo protestaron ante aquel arbitrario reparto e velaí as revoltas do 1846 cos Mártires de Carral.

Entre eses enredos de monarcas, de conquistas e matrimonios que se estende e confunde con Castela e máis ao sur, é figura sobranceira a do rei Alfonso VI, coñecido como rei de Galicia, que anexiona reinos, o musulmán de Toledo, que fai pactos cos islámicos, que con ansias de futuro casa as súas fillas, dona Teresa e dona Urraca con condes de Borgoña. Tempos nos que se comeza a construción da gran catedral románica de Compostela, como un símbolo de poder baixo a advocación dun santo apóstolo adalide. O monarca divinizase. Galiza é centro daquel vello mundo. A Casa de Borgoña entra na lide. Do matrimonio de dona Tereixa con Enrique de Borgoña nacerá Afonso Enríquez e do de dona Urraca con Raimundo de Borgoña nacerá Alfonso VII, e entre un e outro curmán as conseguintes liortas e separación de Portugal do Reino de Galicia. Novas rivalidades e contendas, e por medio a poderosa casa de Traba e o arcebispo Xelmírez competindo coa mesma Roma.

Alfonso VII que vive entre o 1110 e 0 1157, foi educado por Pedro Froilaz, conde de Traba, asesor de Xelmirez, en terras soneiráns de Almerezo e Moraime, sitios arqueolóxicos merecentes hoxe de maior atención. Mentres a súa nai, dona Urraca, casa novamente con Alfonso I de Aragón o que crea intereses e rivalidades. Xelmírez, os Traba e a nobreza galega apoian a Alfonso VII. Estaba en litixio todo o norte de Hispania, Aragón, Navarra... Asuntos que conta parcialmente a crónica Compostelana, partidaria de Alfonso VII, o que morta a súa nai, seguiu os pasos expansionistas do seu avó, Alfonso VI. Coroado con toda pompa na catedral de León como "Emperador de Toda Hispania", provocando, sen a a preceptiva bendición de Roma, pasando a gobernar Galicia, León, Castela e Toledo... pero coa espiña de que o seu curmán Afonso Enríquez dende o condado portucalense e dende a batalla de San Mamede comeza a independencia da beiramar Portuguesa, a mellor parte peninsular, inicio doutro imperio.

Alfonso VII tivo grandes influencias coa Europa de entón, en conxunción con Xelmírez, a amizade con Bernardo de Claraval e a misión do Císter, mosteiros que veñen a ser as multinacionais da época, comezando por Sobrado dos Monxes, Oseira, Armenteira, Acibeiro, Oia... con tanta obra na humanización do territorio, a importancia do bosque pola madeira, as castañas, as vides e o viño, o gando, as feiras, a arrieiría, o ir vi, traer, e mesmo a navegación, a escuadra que argalla Xelmírez no Ulla.

Alfonso VII reparte os seus poderes entre seus fillos: a Sancho tócalle Castela e Toledo, a Fernando Galiza e León, que casará coa súa curmán filla de Afonso Enriquez, primeiro monarca de Portugal... pero sen o éxito anexionista pretendido.

Monarcas unxidos pola igrexa, que teñen panteón propio na catedral compostelán, onde quixera ter túmulo Alfonso VII, para finamente rematar na de Toledo, no camiño das batallas e das conquistas. Non así a súa dona, Berenguela, irmán do conde de Barcelona Ramón Berenguel IV, que si ten sartego no Panteón Real da catedral compostelán, como tamén o influinte e entebrecido pola Historia, Pedro Froilaz de Traba.

Entre Galiza e León, no Panteón Real da catedral compostelán, no de San Isidoro de León, nos seus tesouros e museos hai anacos de Historia cos que asegurar camiños de presente e de futuro.