A cultura é o que nos define, a resposta que damos ás circunstancias, acudindo a tradicións, a saberes e innovacións, ao aprendido nas relacións e pola capacidade de tolerancia. Así creamos a cultura galega, o tear que facemos e desfacemos, a que sobrevive con cicatrices, mellora e tamén se empobrece ou se acultura pra identificarnos no mapamundi. Mesmo con símbolos que idolatramos, quizais en exceso, bandeiras, insignias, himnos, santóns...

Entre as tentativas modélicas, creadas pola contemporaneidade para expresar ese "Nós", moitas quedaron enzoufadas nos fracasos, entre as derradeiras as Industrias da Memoria, Sargadelos e o Castro e o seu espírito motor, continuador da sementeira do Seminario de Estudos Galegos, o Laboratorio de Formas, con esa carga reflexiva sobre tradición e contemporaneidade, adorno e necesidade, particularidade e universalidade, arte e industria... e sobre todo o compromiso ética-estética. Endexamais nos cansaremos de repetir isto que chama na conciencia dun pobo. Nin esqueceremos aqueloutra tentativa coas súas etapas en relación coas mareas políticas, a dun periódico con título contundente A Nosa Terra, artillado dende o sentir e falar desta nosa cultura. Asunto no que xa profundaron a periodista Margarita Ledo Andión en Prensa e Galeguismo ou Bieito Alonso en A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político, base para outras derivas.

As buscas románticas e provincialismos que pechan o século XIX conflúen en ismos que caracterizan o Modernismo e o século XX. Os pasos do rexionalismo conducen a un nacionalismo, propagado a través de colectivos como as Irmandades da Fala, Liga Gallega, Solidariedade Gallega... Proba de que a identidade, Galicia seduce. Son grupos preocupados pola organización e modernización do agro, por canto significa a cultura, coa creación de medios de expresión, publicacións que axuden a informar e formar dende unha óptica anticaciquil, pola desaparición dos foros, combater o atraso económico, o esperpento... Agrarismo que proclamaba dende o púlpito Basilio Álvarez, abade de Beiro, a recuperación dos dereitos políticos, asumindo non confundir co folclorismo... Murguía, Antón Vilar Ponte, Lugrís Freire, Vicente Risco... Castelao encetan novas perspectivas.

A cabeceira de A Nosa Terra aparece o 4 de agosto de 1907 da man de Solidariedade Galega e baixo a dirección do coruñés Uxío Carré Aldao, unha de tantas figuras galegas hoxe transpapeladas. Páxinas ás que abre Murguía pedindo unidade na causa galega, co símil do facho de garabullos unidos, o que ninguén poderá partir, namentres que un a un tronzan... Periódico dirixido a unha pequena burguesía culta, de liberais e comerciantes, entendida como "minoría redentora", baixo a sedutora luz da estrela de Rosalía, dos exemplares éxitos empresariais que aproveitaban os recursos da terra, dos Peinador de Mondariz. E mirando á Irlanda celta, liberada, espallando aos modernos creadores, Tagore, Ibsen, Rimbaud, Joice...

Posteriormente as Irmandades da Fala retomarán a cabeceira, naquelas páxinas desentúllase o paso do rexionalismo ao nacionalismo. A redacción está no Cantón Grande, 16, da Coruña, guiada polo poeta Xosé Iglesias Roura e baixo a dirección de Antón Vilar Ponte. Reaparece o 14 de novembro do 1916 como Boletín decenal. Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias galegas de América e Portugal. A tirada é de 2.000 exemplares. Poucas interrupcións tivo dende entón, si acaso motivadas polo financiamento ou pola censura. No 1923 farase quincenal e logo, coa ditadura de Primo de Rivera, retrasarase a mensual. Se ben no 1934 suspendeu a súa saída 4 meses pola represión das Dereitas Autónomas e Lerroux, até 1933 que se aumentará a semanario. E dende febreiro do 1932 voceiro do Partido Galeguista, con directores como Iglesias Alvariño, Suárez Picallo, Víctor Casas... defendendo nas súas páxinas a democracia, a autonomía, a república, até o 17 de xullo de 1936, detida polo golpe militar, cando se levaban publicados 422 números e cunha tirada duns 1.100 exemplares. Dende entón os grupos galeguistas no exilio americano seguen coa súa publicación, especialmente dende 1942 até 1972, promovida pola Irmandade Galega de Bos Aires. Foron anos nos que esporadicamente saíron case un cento de números. Páxinas nas que está presente un Castelao desterrado, a quen teremos que citar día si e outro tamén, namentres se fale de Galiza, como Risco dicía. Colaboran Cebreiro, Blanco Amor, Núñez Búa, Alonso Ríos, Xohan Vicente Viqueira, Leandro Carré, Blanco Torres, Ramón Cabanillas...

No 1975, morto o ditador na cama, no 1977 un grupo de nacionalistas vencellados ao Frente Cultural da Asamblea Nacional Popular Galega, entenderon retomar o tempo perdido, que non somos se non temos voz. Así, na notaría de Marín de Alfonso Zuloeta de Haz, naceu a iniciativa empresarial de Promocións Culturais Galegas, co obxectivo de abrir canles de comunicación, editorial, prensa, radio, TV,... asuntos nos que teimaba atinadamente o avogado pontevedés Xóse Luis Fontenla, entregando todo, seguido de promotores como Beiras Acosta, César Varela, Morales Quintana e servidor... contando coa axuda e constancia de Francisco Carballo, Nemesio Barxa, as irmáns García Negro e tantos outros detrás e pola calada. Procurábase un traballo coordenado en iniciativas de difusión, colaboración de creadores, a entrega da militancia, do asociacionismo cultural en buscar accións, mercar bonos, asinar avais, todo tipo de axudas, subscricións, por aquí e pola emigración, as que permitiron a reaparición en Compostela da histórica cabeceira de A Nosa Terra, baixo a dirección e a ilusión de Margarita Ledo e o deseño de Pepe Barro, re-creando sobre teimas de Castelao... os debuxos de Perfecto Estévez ou de Xurxo Fernández... Tentativa, que ansiabamos mellorar e serviu de escola de periodistas: Galocha, Xosé Ramón Pousa, Luis Labandeira, Xosé Currás, Manuel Veiga, Primitivo Carbajo, Gaciño... de fotógrafos, como Fernando Bellas, Xurxo Lobato, de debuxantes e humoristas, Xaquín Marín, Xosé Lois, Chichi Campos, Pepe Carreiro... Páxinas con colaboracións de Manuel María, Bernardino Graña, Avilés de Taramancos, Lois Diéguez, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Pilar García Negro, tamén servidor e tantos outros. Á luz a información sobre as usurpacións de terreos por empresas e particulares, As Encrobas, Baldaio, a Baleira, nuclear para Xove... poñendo a proba á mesma censura que levou aos xulgados e mandou retirar, sen éxito, algúns números e á mesma Historia de Galiza, editada pola ANPG. O voluntarismo, a cuestión económica, as tendencias no nacionalismo, as lingüísticas, e sobre todo aspectos de xestión, crean fochancas e tropezóns. Retoma a dirección Alfonso Eire, Pucheiro, formado nestes avatares da transición e dende o nacionalismo. Muda entón a editorial a Vigo, tamén a maqueta e a orixinalidade.

No 1987, baixo a coordenación de Cesáreo Sánchez, nace Edicións A Nosa Terra, ampliando e atendendo ás edicións en función das necesidades, aos libros do ensino e a canto significa Galiza, a edición electrónica. Co bipartito no goberno da Xunta nacen novas esperanzas, aparecen novos inversores vinculados ás finanzas, á construción e que reciben a cambio a cabeceira histórica.... pra no 2011 o peche, seguido da damnatio memoriae e esas distorsións históricas sobre un medio nacionalista galego. Quen ten hoxe as siglas do Partido galeguista?, quen ten hoxe a cabeceira de A Nosa Terra?, que pensa facer con semellante legado?