Mentres escribo isto, milleiros de persoas entran en salas escuras para confiarse, previo pago, aos praceres da acción violenta, o sexo gratuíto e o humor canalla, todo con coñecemento previo, publicidade e reiteración desde hai ben máis de 50 anos. Onte venres, mentres eu escribía isto, estréabase en España Spectre, a película número 24 das canónicas da serie de 007. Spectre, a palabra que en inglés británico significa "espectro" ou "fantasma" e que na versión española se chamaba Spectra, é, como sabe calquera bondiano de primeiro curso, a organización do mal. Spectre viñan sendo as siglas de Special Executive for Counter-intelligence, Terrorism, Revenge and Extortion (Executivo Especial para a Contraintelixencia, Vinganza e Extorsión, unha denominación que deixa claro o obxecto social da firma). Pois ben, para a nosa opinión publicada, Cataluña é agora a nosa Spectra.

E se os cataláns son os nosos sicarios de Spectra, uns tipos raros vestidos con esquijamas medio robotizados, Rajoy é noso Bond, James Bond, que lles desmontará o telderete no último minuto, xa sobre a campá. "Mariano Rajoy ha pasado de ser el presidente del Gobierno al comandante en jefe", vén de dicir o ministro de Asuntos Exteriores, García-Margallo. É dicir, como os romanos cando se viña enriba unha situación peluda, que escollían a un ditador que os mandase ata que o perigo pasase. Margallo é o que antes dixera que "hay que sofocar la rebelión en Cataluña". A afección á épica bélica decimonónica (debe estar vendo como colocar o de "más vale honra sin barcos...") faille esquecer que interveña o ministro de Asuntos Exteriores -repito, Exteriores- é darlle bazas ao inimigo.

É curioso como cadaquén no Goberno parece ter o seu plan. Soraya Sáenz de Santamaría, nunha desas declaracións súas que parecen encabezadas por un "le digo yo a usted" (se van dirixidas a un home) ou "mira, rica" (se van dirixidas a unha muller) dixo onte que faga o Parlamento de Cataluña a declaración que faga, o Tribunal Constitucional pode tomar "en el mismo minuto una decisión que hará que esa declaración es como si no hubiese existido". Causará asombro ver un tribunal español que tome unha decisión "en el mismo minuto", e mesmo faranse cruces xuristas e politólogos de Alxeciras a Estambul vendo como un tribunal non soamente anula ou declara ilegal unha medida, senón que a fulmina, a evapora, aquí no pasa nada, circulen (co que tampouco habería consecuencias para os que tomaron esa declaración que non existiu, suponse).

Mentres Soraya di o de "mira Cataluña, rica, puedes hacer la declaración que quieras que en el mismo minuto mi Tribunal Constitucional te la anula" como unha das Ashley de La banda del patio. Mariano, o presidente/comandante en xefe, promete que "acabará con el secesionismo con medidas nunca aplicadas". Non me digan que non lles recorda un chisco ao vello Connery en Nunca digas nunca jamás (a película non canónica que se estreou case ao tempo que Octopussy, con RogerMoore). Parece que esas "medidas nunca aplicadas" proporcionoullas Q, o que lle daba os trebellos a 007 ao comezo das películas. Cales serán? Un chisqueiro rastrexador de contas andorranas? Un puro-láser destrutor de maiorías independentistas? Non se sabe, pero atentos a ver que saca Mariano Bond dos petos.