A un tempo que na Semana Internacional de Cine de Valladolid se dá a coñecer a película Una historia de locos, dirixida polo director oriúndo de Armenia Robert Guédiguian, xa exhibida no festival de Cannes, móstrase un documental sobre o mesmo tema Una bomba de más, dirixida por Audrey Valtille. Tamén no Barco de Valdeorras preséntase As mulleres do monte: lembranzas e pantasmas dun neno de posguerra. En ambos acontecementos o protagonista que centra as historias que se contan é Xosé Antonio Gurriarán López, senlleiro Gurri, nesa saga de singulares gurrís, vagamundos, ecoloxistas, humanistas. Xosé Antonio ten ao seu irmán Luis como misioneiro de "terra e liberdade" nas selvas de Ixcán, en Guatemala. E una conclusión: "A bomba máis poderosa contra o terrorismo é o diálogo".

Un 30 de decembro, ás 9 trinta da noite, Gurri, despois de recoller no Cine Pompeya as dúas localidades para a película Stardust Memories de Woody Allen, agarda pola súa muller entre escaparates vestidos de Nadal da Gran Vía madrileña. De súpeto, a carón das oficinas das aerolíneas estadounidenses da TWA síntese un forte estrondo e un bafo espeso, a xente fuxe e berra "¡¡una bomba...!!". Entre o barullo o periodista desoe o que di un mozo que fuxe: "Esto puede ser un atentado de los Armenios, los que ponen más de una bomba... no debemos estar aquí". Gurri métese nunha cabina telefónica da praza de España, a carón do escaparate de Swissair, e chama ao seu periódico, Pueblo, para que os seus compañeiros manden un fotógrafo... Neste intre, alí mesmo, estoupa outra bomba... Sinte como baixa e sube do Inferno á Gloria, pasando polo Purgatorio: no chan desangrándose, pide axuda, na ambulancia, nos quirófanos, cun crego e a unción dos moribundos... delirios cos anos da infancia e Valdeorras, visitas... vencerán os desexos de vivir e contar, até un 23 de febreiro que sae do Hospital Clínico de Madrid. Velaí o inicio doutra historia, contada, como poucos saben contar, en La bomba, a que remata buscando e atopando en Libia, logo en aldeas dos montes de Armenia, aos causantes daquel atentado, membros do Exército Secreto para a Liberación de Armenia (Esala). Recíbeno encapuchados, apuntándoo cos kalashnikov... míralles ao ollos e entrégalles o libro Soños de Liberdade de Luther King, escóitaos, xa cara a cara fálalles de Gandhi, pra rematar sumándose coa palabra a súa causa, escribe Armenios el genocidio olvidado. Publicación sobre como se quixo exterminar a un pobo que ten como símbolo o mítico Ararat. Cúmprese agora un século daquelas matanzas, algo que moitos parlamentos recoñeceron, agás o español e mesmo o Parlamento galego.

Gurriarán López naceu naquel determinante ano 39, bota moi de menos ao seu Sil, o que forma parte do ADN do reporteiro. Fíxose a si mesmo, sen demasiadas axudas, os tempos non eran bos na casa. Estuda Periodismo e Dereito en Madrid, traballa en El Alcázar e en Semana, incansable, entrevista a Jakie Kennedy, a Grace Kelly, a Dalí, a Indira Gandhi, sigue nos EEUU o asasinato de Kennedy, encontrándose con Oswald, Rugby a Jhonson, reúnese co primeiro astronauta Armstrong, con Perón, J. Paul Belmondo, con Raúl Alfonsín... Son anos do fin do túnel da ditadura, seguidos do longo proceso de construción dunha democracia sempre imperfecta. Sendo seguidor de Tierno Galván procurou o encontro e unir siglas socialistas con González e Guerra.

En TVE dirixe os telexornais, logo o diario El Montañés de Santander. Redactor xefe de Pueblo de Emilio Romero, encárgaselle o seguimento da educación do entón príncipe de España en Canadá. Non o esquecemos como correspondente de TVE en Portugal, nin como director de informativos na Radio Televisión de Andalucía, onde funda Andalucía en Directo e contrata a Xesús Quintero. Tamén será director de El Socialista, con tentativas noutros medios. Finalmente pasa a cubrir as sesións do Parlamento Europeo en Estrasburgo, viaxa polo mundo até o seu retorno a Madrid, onde sigue nesa ansia de informar para formar.

Endexamais deixou Galiza, axudou a Celso Emilio Ferreiro, propagou as súas calidades turísticas e culturais en artigos, convidou a colegas a elo. Compartimos recorridos con Arozamena, Carandell, Vicente Romero...

No 1972, despois dun intenso encontro con Salvador Allende, publicará ¿Caerá Allende?, como así foi; no 1974 Evasión sobre Julián el Loco, o Papillón Español; no 1985, Chile, el ocaso del General; no 1982, La bomba; no 1998, a mellor guía de Lisboa, ciudad inolvidable, presentada polo seu amigo Mario Soares; no 2000, El Rey en Estoril; no 2009, Armenios, el genocidio olvidado; no 2014, Goya, pasión y muerte; e neste 2015, As mulleres do Monte, na que, afortunadamente, temos parte por obra e graza deste meu curmán, quen tamén, aínda que pouco lle puido valer, tiña a meu pai como padriño. Cumprimos agora como tradutor dunha obra necesaria en Galiza.

Nos anos 60, do Barco ao Carballiño, pasando por Ourense, todos os mociños do preu querían ser periodistas, como Gurriarán, reporteiros por un mundo que se abría máis alá dos Pirineos e dos mares, entrevistar a presidentes, artistas, futbolistas... Seguímolo, contentábanos nas visitas ao Carballiño, acompañado de célebres caras televisivas. Até aquela véspera do fin de ano 1980, cando a bomba da Gran Vía madrileña. Meus pais fórono a visitar. Dende entón encetouse e enredouse nesoutra historia que pasa por Armenia, sen esquecer débedas permanentes con Galiza. Dáballe voltas ás lembranzas ensombrecidas de neno que foi "da xeración do silencio", a aquela primeira bomba: cando case un parvuliño dende a escola da Luísa todos escoitaron un forte estoupido, pensaron que eran foguetes do Circo Corozana. Non, fora unha bomba de verdade no inmediato Banco Pastor do Barco... un home desfeito, a súa faciana ensanguentada na parede... unha gabardina esfiañada en sangue... e os rumores sobre unha misteriosa moza que agardaba nun topolino... Falábase que fora autoría dos "do monte", os fuxidos, os guerrilleiros... Anos nos que polo baixo as leiteiras do fermoso lugar de Soulecín, sobre Viloira e o Barco, contaban o acontecido á familia de Domingo e Amalia, escarnecidos, asasinados, enterrados baixo un castiñeiro e os seus fillos perseguidos, como si dunha caza se tratara, encadeados, fusilados... Gurriarán remove lembranzas, arquivos, periódicos, recorre os escenarios dos feitos, confesa e entrevista aos que quedan dun e doutro bando, apartados, en residencias... párase en Francia coas irmáns de Soulecín, Antonia e Chelo, que lle contan a historia dos seus, das mulleres do monte, compañeiras e familiares dos fuxidos que construíran un fortín agochado en Trevinca, "a Cidade da Selva". Páxinas nas que mesmo atopamos as aventuras e máis desventuras dun familiar, Gonzalo López Voces, "policía de aceiro", enlace, encargado de editar e espallar propaganda... A fuxida deica Tras os Montes, Braganza e Vinhais, onde o Padre Firminio, curiosamente amigo persoal de Salazar, axudou a moitos guerrilleiros galegos exánimes que buscaban saída sen caer na trampa portuguesa. Historia dos fusilados, entre tantos Mastellari, escultor establecido no Barco, da muller que bordou a bandeira republicana, a dos delatados, escarnecidos, linchados ante o pobo, na escuridade e nas cadeas...

Gurriarán sinte a necesidade de escoitar a uns e a outros, de contar, para non repetir. Libro de obrigada lectura, prioritario, editado con valentía por Galaxia en momentos de crise, sabendo da súa necesidade para o diálogo e a paz.