Como eran aquelas xentes que decidiron quedarse a vivir aquí? Esta é a pregunta que tenta contestarse Viki Rivadulla cada vez que pinta. Ela é de Muxía, da Costa da Morte. Pinta sobre o mar. Pinta no mar. Porque ela é de alí e vive alí. Está alí. E estar alí é todo o mundo. Hai que ter moita valentía e moita mar no corazón para deitarse a vivir naquel territorio. Hai anos o mar do fin do mundo chegaba ata as casas en Muxía, e aínda hoxe, cando anda moi bravo, nin os diques poden refrear o seu ímpetu. Cheira a salitre e peixe en todas as tabernas de Muxía, aínda se canta, aínda se bebe con honra. Toda esta paisaxe impenetrable para o de fóra é o que tenta reflectir nos seus cadros Viki Rivadulla. Ela pinta a lenda da Buserana, as mulleres que levan na cabeza pensamentos salgados, as quillas da alma, os timóns da mente, as escamas nas costas de seres fantásticos, mais tamén reais. Un mariñeiro de Muxía é tan real coma un arroaz. Aló o mar non so se contempla, se traballa. Non hai días bucólicos, hai tempo de faena e con iso abonda. Hai un éxtase e unha comunión coas augas nos lenzos de Viki. E pensa o náufrago que nas illas desertas non hai cimeterios. Os que parolan coas sombras achan o seu refuxio naquelas terras onde as casas se desploman no horizonte. É o refuxio para os solitarios. A patria do poeta Corcón e do compositor Manuel Balboa. Aló Vincent van Gogh bota as redes. Si, aló o pescador érguese moi cedo e acude ao peirao na procura do pan. Hoxe haberá que navegar duro para traer fartura. E ninguén saberá dos seus medos, nin das súas soidades, nin daquel día, no que sendo neno, soñou con pintar e non con botar as redes. O toliño do pelo vermello. Aquel patrón que debuxaba barcos e que ao que non lle gustaba saír ao mar. Viki, que botou as súas redes da vida en Muxía e que gusta do mar e que non pode deixar de pintar os seus habitantes, os seus misterios, as súas lendas, a súa eternidade. E o vento, o vento. Aquel vento que volve a xente tola, como dicía Pondal referíndose ao vento coruñés. Un vento que o envolve todo, que o domina todo como un arcodavella infinito onde a paleta de cores de Viki reina inexorablemente. Acudide a Portas Ártabras, na cidade vella de A Coruña, acudide a admirar a obra desta pintora que vos fará navegar polo océano Atlántico da vosa alma. Como xa tantos navegamos da súa man. E co seu alento pictórico recuperade o sabor da nenez, se é que as vosas lembranzas son mariñas e mariñeiras. E devorade a poesía que habita nos seres mitolóxicos que Viki nos ofrece. Unha ofrenda que nos acompañará ata o día no que alguén deposite unha moeda na nosa boca para cruzar á outra banda da aventura humana.