O pasado sempre te alcanza. Como dicía EugeneO'Neill, no hai presente nin futuro, só pasado que se repite unha vez e outra, agora. En ocasións, como advertía Marx que lle pasaba á historia, primeiro acontece en forma de drama, e logo repítese como farsa. Noutras ocasións primeiro ocorre como advertencia e logo cae con todas as consecuencias. Pero as máis das situacións, o que pasou un día volve pasar outro, por moito que digamos que a experiencia nos ten avisados. En concreto, moitas veces penso que o choio de periodista é unha sucesión de déjà vu continuos, no que pouco máis cambia que o careto dos protagonistas. Ou nin iso.

Eu botei os dentes na daquela coñecida principalmente como avenida Alfonso Molina. (Inciso: vaia por diante que o de dar nomes de xente a sitios que xa o teñen porque así os bautizaron xeracións de veciños debería ser pecado de lesa urbanidade. A tal avenida, antes e despois de dedicarlla ao alcalde bonvivant que deixou sen fondos á facenda municipal, coñeceuse como "Lavedra" porque para facela arrasaron unha aldea que se chamaba A Vedra, é dicir, "a vella"). Non botei os dentes na tal avenida no sentido literal, colisionando contra nada, senón no profesional. Na polémica que xurdiu por unha das primeiras ocorrencias que tivera Francisco Vázquez recén aterrado na alcaldía coruñesa. A de converter o último tramo da avenida, nunha especie de autoestrada. Imaxino que porque toda cidade que se prezase debería ter unha entrada de tronío, pola que entrasen os coches a todo meter. Así que se tiraron as palmeiras que bordeaban a vía, elevouse o tramo e fíxose o máis impermeable posible ás conexións viarias cos sitios que atravesaba.

Agora pasa o mesmo. Fomento, despois de tirar os cartos nun túnel no que non se pode circular nalgúns sitios a máis de trinta por hora, e que resolve problemas de tráfico que se ignoraba que existían, quere ampliar a catro carrís A Vedra. Quitado certos casos puntuais producidos porque neste país todo o mundo ten o mesmo horario, no caso de Galicia un único transporte posible (o coche privado), e no caso da Coruña, dúas únicas vías de saída, o que aquí chamamos atascos farían escachar de risa a calquera condutor do mundo occidental e cristián. Quitada a colisión múltiple, os máis espesos non se dan n'a Vedra. E dubido moito que poñer alí un carril máis vaia solucionar as aglomeracións onde as haxa, da mesma forma que o túnel de Casablanca non solucionou nada (aínda que non hai que desesperar, porque posiblemente algún se descubra a súa utilidade). En todo caso, sería máis útil e máis barato adiantar/anchear uns metros o carril de entrada a Mato Grande/Pocomaco/Universidade/Novo Mesoiro no senso de entrada á cidade. (En xeral sempre é máis útil poñer os carrís onde se necesitaron e se necesitan).

Eu non sei que sensación ten a xente que chega á Coruña, esa cousa que sempre importou tanto aos provincianos. Pero imaxino que aos veciños do que antes era a entrada da cidade e agora parte do casco urbano, prefiren vivir nunha avenida chea de árbores (como La Castellana, oigan) que nas beiras dunha autoestrada. Aínda que nunca se sabe. O home non só é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra, senón que a leva para casa para tropezar a gusto.