A Resistencia

16.11.2015 | 00:52
A actriz Manuela Varela, en ´Cartas a un amigo alemán´.

A maman Solange, enfermeira da Cruz Vermella nos campos de Normandía durante a ocupación nazi.

A Berengere e ás miñas sobriñas Alexandrine e Solange

Por fin chegou o día. A Coruña vai homenaxear a aqueles homes e mulleres que durante a II Guerra Mundial combateron contra a barbarie nazi en toda Europa, a aqueles e aquelas que formaron parte da Resistencia europea contra o horror e a sen razón. Alemaña fora cegada e os seus gobernantes repetían como un mantra "preferimos Alemaña á verdade, preferimos Alemaña á desesperación. "Os deuses cegan coa soberbia aos homes que queren perder", dixo Homero, e isto foi o que sucedeu a tantos defensores do III Reich, que a soberbia os cegou. Un Reich que había de ser milenario e que, para fortuna da cidadanía europea tan só durou unha ducia de anos. "A nós, non nos basta con vencer polas armas, temos que vencer pola razón". Isto é o que Camus escribiu nas súas Cartas a un amigo alemán, e é o que pensaban tantos membros da Resistencia que loitaban a diario contra a maquina bélica infernal do nacionalsocialismo. Mais tamén pensaban ao igual que o autor de O estranxeiro que "Con todo, calquera guerra é un fracaso para a humanidade". E este pensamento foi o que permitiu aos europeos que derrotaron ao terror despregado por todo o continente polas SS e a Gestapo, non abrazar a causa do odio e poñer por riba da vinganza os valores da xustiza e da liberdade, para deste xeito contemplar ao inimigo como un ser humano e non como unha besta. Só así, se pode entender a reconstrución de Europa tras unha guerra tan brutal. Os vencedores quixeron iniciar a tarefa de sempre, a tarefa de devolver á cidadanía o poder. Un poder que desembocase nunha sociedade dominada pola consecución da Igualdade, da Liberdade e a Fraternidade. Unha Europa nova e libre. Que queda daquilo? Pouco. Os actuais gobernantes europeos perverteron palabras como democracia, igualdade, liberdade, solidariedade, tolerancia e tantas outras. Só nos quedan algunhas que aínda non caeron nas súas mans, e unha desas é fraternidade. Un grupo de persoas, actores e actrices, e técnicos de teatro da nosa cidade decidiron homenaxear á Resistencia europea contra a barbarie, mormente a francesa, decidiron ser fraternos coa memoria. O próximo xoves, no Ágora de A Coruña, a iso das 20.30, Manuela Varela, Amalia Gómez, Xoán Carlos Mejuto e Sabela Hermida subirán ao escenario para dar vida á adaptación teatral das Cartas a un amigo alemán de Albert Camus. Será un día máxico. A celebración dos 70 anos da liberación de París, da fin da II Guerra Mundial, da tradución feita por Xose Manuel Beiras ao galego na cidade do Sena nos anos sesenta e da adaptación realizada por quen isto escribe en xaneiro do 2013 na mesma cidade. É un día no que todos os coruñeses que sintan no seu interior a chama da fraternidade deben acudir a unha representación que será un homenaxe ao pensamento europeo, a esa Europa civilizada da que nos queren volver a privar. María Casares estaría alí. Non esquezas aos galegos que entraron a lomos dos tanques de Leclerc en París. Non esquezas que foron algúns dos nosos exiliados en Francia os que dotaron de experiencia á Resistencia francesa. A Resistencia, esa fermosa palabra que, eles, aínda non contaminaron. O ocorrido en Francia esta fin de semana ten conmocionada a toda a equipa de Cartas a un amigo alemán, o terror e a barbarie regresou a París, mais agora o inimigo é outro. Un inimigo invisible, cobarde e ruín que asasina indiscriminadamente, sen piedade aos que non pensan coma el. O noso amor para as vítimas, o noso desprezo para os verdugos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine