Sábeme mal levarlle a contraria a todo un presidente, e máis a un presidente de Francia, que é o máis parecido que haia un rei democraticamente elixido (fóra Abel Caballero). E máis ao presidente dunha nación sometida a un estado de choque de terror por unha serie de asasinatos indiscriminados. Pero non creo que esteamos, como di François Hollande, en guerra co Estado Islámico. Nin Francia, nin Europa, nin a civilización occidental, nin España. O Estado Islámico, ou ISIS, ou Daesh, é unha organización terrorista que, a diferencia das clásicas, logrou facerse cun territorio, ou cun territorio máis amplo que as clásicas, pero non é un estado co que haxa que guerrear.

Dicir que estamos en guerra co EI ou é unha metáfora (como cando dicimos que estamos en guerra co narcotráfico, ou contra os plumachos, como o concello de Oleiros), ou é un favor retórico e de comunicación que lles estamos facendo: o mundo hipócrita, consumista e desigual, que vende uns valores e funciona con outros moi distintos está en guerra cuns tipos vestidos de negro que pegan tiros ao aire, non fuman nin beben. Quitas o das decapitacións e as masacres de inocentes -que ademais todos os bandos fan, pero non a man- e haberá quen pense que a balanza anda aí, aí (cando o de París, os universitarios en Kabul saíron dando vivas ao ISIS). De feito, a estratexia do terror cego golpeando nas capitais de Occidente non son actos de guerra, aínda que haxa vítimas, senón de propaganda, ou se teiman no da guerra, de guerra psicolóxica. O que queren non é vencer militarmente, senón convencer.

"Os musulmáns en Occidente van rapidamente atoparse entre unha das dúas opcións: ou apostatar e adoptar a relixión kufr [a dos non crentes, os infieis; na estrutura do pensamento islámico, kufr representa todas as cousas inaceptables e ofensivas para Alá] propagada por Bush, Obama, Blair, Cameron, Sarkozy, e Hollande en nome do islam, para vivir entre o kufr [os infieis] sen dificultades, ou fan unhahijrah (a héxira, o éxodo) ao Estado islámico, para así escapar á persecución dos gobernos e dos cidadáns cruzados". Esta é a estratexia do Estado Islámico, provocar a represión aos musulmáns da UE, a fin de empurralos para o ISIS. Veno de revelar Wikileaks, citando a páxina de internet Ansarukhilafah ("Todo sobre o Estado islámico, actualizacións de noticias, medios, comunicados, fatwase artigos sobre o Califato), nun post de febreiro de 2015.

Así que o de bombardear Siria está ben como desafogo, ou para quedar ben coa aterrorizada poboación propia, pero non vale de moito. Deberían sabelo, franceses, británicos e estadounidenses, por experiencia. Apoiar a uns teóricos rebeldes contra o réxime de Gadafi bombardeando ao exército para impedirlle manobrar o único que conseguiu foi acabar cunha ditadura laica para impoñer o caos do fanatismo. Exactamente o mesmo que en Irak (ben, en Irak si foron por terra). Como cruel paradoxo, os cadros laicos de orixe sunita do exército de Sadam e do partido Baaz, desmantelados e purgados primeiro polo invasor norteamericano e logo perseguidos polo novo Goberno -ou o que sexa- iraquí acabaron en moitos casos formando parte e organizando as tropas islamitas do Daesh. Non hai nada que una tanto como o odio. O de armar rebeldes sen certificar e bombardear así a ollo volvérono facer en Siria, cos resultados que estamos vendo. Así que coidado coas guerras, aínda que sexan de postureo, que as carga o demo.