Como un continuo ritual de iniciación metéronnos e fomos educados en todos os tipos de medo e temores. E aínda así non se perde o medo. Aparecen uns, prescriben e pérdense outros, van mudando e virando tamén, mesmo confeccionándose. O medo entra na demanda e na oferta, a adrenalina sérvese a domicilio, entra no máis seguro, na casa, até o sofacama, a través dos medios... e acende a tensión.

Soubemos e moitos saben aínda do medo aos deuses, a súa ira, aos demos e ao inferno; o medo á natureza cando se desata, medo á noite, ao monte e ás súas bestas, ás negras sombras que nos asombran, á incerteza das encrucilladas, dos seus trasnos e estadeas; o medo ás aventuras, ás ameazas dos outros, ás guerras, á morte... Escoitamos contos de meigas chuchonas, de sacauntos, de homes lobo, engaiolantes harpías... E veña a desafiar aos medos con máscaras e entroidos todo o ano, a curarse deles con oracións e estupefacientes. Mesmo creamos templos con milagreiros santos quitamedos. De tanto usalos pasan uns medos e aparecen outros, espiral de ameazas, provocacións, terrorismo, guerras, sen aprender nada desa historia catalogada por armas de pedra, de metais e señores feudais.

Venden as novelas, as películas, as casas e as topografías do terror, vellos sitios de medo e que agora dan risa: campos de batallas, covas tranquilas poboadas de morcegos, castelos derrubados con pantasmas, esqueletos de templos con arcos espidos sostendo o ceo e o paso dunha nube, cemiterios con tumbas de esculturas dramáticas, cubertas de ofrendas descoloridas; cunetas, paredóns, cárceres, checas e cuarteis con calabozos sombríos, teatros e cines, hoteis e hospitais desmantelados de noutrora... Pero hai novos sitios e terrores.

Co mando a distancia abrimos a espita ao terror, sérvese á carta, virtual e real, en vivo e en directo, pra afiar e poñer os nervios ao límite. Entre as virtualidades mitificamos a Hicthcoch, gustamos de invasións extraterrestres, zombies, aliens, gremlis, o extremismo gore e outras fórmulas cada vez máis sofisticadas e sanguiñolentas... Temas nada alleos a este noso mundo occidental atlántico, de tantas tradicións escuras, de tarascas célticas e mostros... creadores de Drácula, Frankensteim, Harry Potter e outros. A galesa Edimburgo vende os seus días grises e chuviñosos, os sombríos cemiterios, as noites espesas, con guías turísticos escenificando crimes... e moitas cidades aprenden, toman nota e repiten.

Por un sexto ou sétimo sentido, ao paso, intuímos o misterio, o desacougo dos lugares do medo: pozos dun río, penedos, bosques, casas, pazos rodeados de enigmáticas historias, de contubernios e morte, envoltos nun manto de mitos, que de esguello ollamos con respecto. Veleiquí, abaixo trece lugares de Galiza, trece, os que puideramos multiplicar por mil, nos que entrar con todos os sentidos postos. Ruínas, onde o sol, a lúa, as nubes e a noite pousan desfiguradas e pálidas... un corvo sobre a figueira seca, o ouveo, unha cortina esfiachada e unha xanela a bater... A tópica "Galiza máxica", escurantista, de magos e meigas pode ofrecer unha historia interminable, con escenarios nos que aconteceron feitos prodixiosos e velaí os cruceiros ofrecendo ao ceo unha oración de pedra, cordura e cavilares sobre eses lugares.

A Punta do Boi e o Coial de Trece en Camariñas, espreitando ao Mare tenebrarum, ao faro de Vilán, cerna da Costa da Morte, onde na noite dun domingo nove de novembro o mar tomounas co buque escola ingles Serpent. 172 mociños afogados. Recibiron sepultura no coial de Trece, un recinto rectangular entre o bruar do mar e un ceo a devalar.

Os valdeorreses Codos de Larouco, subindo e baixando entre socalcos, no paso da antiga vía XVIII ou Nova, de Astúrica a Brácara, abrindo paso pola ponte romana do Bibei, que a tradición di feita polo demo nunha noite. Onde apenas entra o sol, cunetas que saben do paso dos guerrilleiros, paseados... e moitos vehículos que non puideron coas curvas.

A casa do Demo en Anllóns (Ponteceso), historia contada e comprobada dunha casa na que nas noites batían portas, movíanse os mobles e cuspían...hoxe dedicada a turismo rural.

Pozo Meimón no Miño, en Toén, onde as lendas falan dun bispo feudal atacado polos labregos ribeiraos e afogado, onde a ninfa Ana Manana reclama afogados. Hoxe a carón das concorridas pozas termais de Outariz.

Cripta de Santa Mariña de Augas Santas, inacabado templo gótico baixo o Castro de Armeá, asociado ás lendas do martirio da romana galaica Santa Mariña. Cristianización dunha Pedra Formosa, ou sauna purificadora para os castrexos.

Torre de Caldaloba, en Cospeito, cuberta polas edras. Asociada á historia de Pardo de Cela... Nas inmediacións a Legua Dereita, onde en maio do 1911 aconteceu un arrepiante caso de bruxería entre dúas familias, Cabarcos e Insua, esfolada a cara dun pra curar a cara doutro...

Castelo de Pambre en Palas de Rei, ergueito sobre o río, lembrando as liñaxes dos Ozores e dos Ulloa, que resistiu aos Irmandiños e onde polas noites se pasea unha nostálxica pantasma.

Castelo de San Antón, Coruña. Primeiro lazareto, dende o asedio de Drake complemento defensivo da cidade e sempre prisión, con historias de ilustres presos, torturas e fusilados...

Cemiterio de Santa Mariña Dozo en Cambados, esqueleto dun templo coas arcas sostendo o ceo e baixo as tumbas de mariñeiros, de fidalgos dun filliño de Valle-Inclán, Xoaquín, non lonxe da campa da súa nai, a actriz e sufrida esposa Xosefina Blanco.

O Santuario do Corpiño en Lalín, templo dedicado aos anxos bós, e ós santos que trataron sobre o Demo, San Silvestre, San Gregorio. Santuario de exorcismos.

Colexio dos Xesuitas de Camposancos, centro de misioneiros, sabios e políticos, triste checa na Guerra Civil española. Calabozos, paredóns de silencios.

Ila de San Simón, Redondela, das cantigas de Mendiño, da namorada que agarda polo seu namorado namentres sube o mar. No século XIX lazareto modélico, logo cárcere para vellos republicanos...

Sanatorio de Cesuras, esqueleto dunha inacabada obra Modernista, hoxe entre o rumor dos eucaliptos e a humidade, como orfanato de pantasmiñas esquecidos.

Lugares para gozar e arremedar ao medo. Pero hai outros medos, os de hoxe, que abren á psicose, ao estres, á depresión... por algo na dieta está o uso e abuso de ansiolíticos, antidepresivos... a concorrencia ao psicólogo, ao psiquiatra...e a espiral de que pasa o que pasa.

Tamén existen outros lugares máis concorridos nos que habita a felicidade.