Eu non sei se algún de vostedes mercou algo onte, a maiores da barra de pan de regulamento, inducido polo Black Friday. Non o sei eu nin posiblemente o recorde algún dos que si compraron, tal e como é ese sistema de rebaixas compulsivo, pensado para estimular ao máximo a tendencia humana de máis vale paxaro en man que cento voando, aínda que logo non saiba para que se quería un paxaro (e moito menos cento).

Supóñoos ao tanto de que o Black Friday, ou "venres negro"é un hábito comercial norteamericano de facer rebaixas substanciais e puntuais na data concreta do derradeiro venres de novembro, que é indefectiblemente, a xornada seguinte ao Día de Acción de Gracias, o Thanksgiving, que se celebra o último xoves de novembro. O Thanksgiving ese, o día de comer pavo, non é outra cousas que a universal festa de celebración de que remataron os traballos de apañar as colleitas que facían tanto os indios como os colonos europeos. Logo reconvertérona e revestírona de relixiosidade cristiá, segundo o método clásico e non menos universal de usar as forzas do inimigo para vencelo, como facían desde as igrexas ata Bruce Lee.

Parece lóxico que despois de celebrar que estaban os celeiros e as adegas cheas, se gastaran uns cartos. O costume debeu nacer cos grandes almacéns, pero a denominación non é máis vella que o primeiro álbum dos Beatles. Naceu a comezos dos 60, no argot da policía de Filadelfia, que definía así ese día polos atascos de tráfico que se organizaban pola gran afluencia de compradores. Os comerciantes quixeron cambiar o nome polo de Big Friday, de connotacións menos negativas, pero non foron quen, e entón centraron a campaña de imaxe no significado: inventaron que o nome viña porque as contas das tendas pasaban de estar en números vermellos a estalo en números negros.

A nosa xeración practicamente viu nacer, e en boa parte dos casos, morrer, máis soportes que todas as anteriores xuntas: cassette/disquette/cinta de vídeo /CD/DVD/ HDD/ SDD... Este ano, a sociedade española viu nacer o fenómeno Black Friday, que ata agora era unha desas cousas, como o béisbol ou o fútbol americano que, por moito que formen parte do american way of life que todos mamamos, non daban callado aquí (os comercios do madrileño barrio de Salamanca celebrárano en 2012 e non repetiron). Agora, as grandes superficies, coa inestimable axuda dos medios de comunicación papanatas que non distinguen entre tendencias e noticias (ou si: prefiren as primeiras) puxeron o Black Friday no poleiro. É máis, xuntárono co Ciber Monday (o Black Friday online, que se celebra o luns seguinte) para facer un chamémoslle Ciber Black Weekend. A vehemencia do converso.

O fenómeno dá para facer dúas reflexións. Unha, sobre como a permeabilidade e adaptabilidadedas tradicións depende dos usos previos (neste caso, a ansia de comprar sen case provocación). Outra, sobre o papanatismo, neste caso empresarial. Imaxino que se o fan será porque lles convén, pero ou o Black Friday é un engano como o porto exterior (de grande, quero dicir), ou ten nas compras de Nadal o mesmo efecto que picar antes de comer: quita a fame de mercar. En principio, parecía máis lóxico o de rebaixar en xaneiro, vender máis barato cando xa pasaron as datas de regalar. Pero de momento, o que son os atascos conseguíronos.