O corazón de Europa está infartado. Bateuse contra a Francia que presume de exportar ideas, modas, glamour e charmais, a que cos símbolos do galo roxo empoleirado e da provocadora Marianne se erixe en modélica república da liberdade, da igualdade e da fraternidade. Petouse contra o París da razón, do existencialismo, contra a popular e multicultural sala Bataclán, na que actuaba o grupo heavy californiano Eagles of death metal, con ese rock deconstructivista, experimental, libre ante todo, entre letras de Peace and love. Outro máis mediático e dramático venres trece de novembro, data que se borra da memoria da Galiza, cando naquel día do ano 2002 ten inicio a catástrofe do Prestige enchapapoteando todo.

Por uns días, até novos nefastos, viraron as tornas, fréanse as cuestións tribais e os medios dedícanse a pormenorizar os efectos, os menos analizar esas causas que se enguedellan nun Oriente Fértil entre aliados duns e dos outros, tribos sometidas polo ditador iraquí linchado agora desmandadas, constantes provocacións xudeas, contestacións palestinas.... Os virtuais xogos bélicos fanse reais e, entre o cinismo campante, por fin un Papa di verdades e clama no deserto: as guerras non traen máis que guerras. Novos xeitos de guerrillas, ataques, batallas xa non tan napoleónicas e cada vez máis sofisticadas, guerras quentes e frías. Deben medirse os feitos, sen entrar no remuíño das provocacións.

Mozos desatendidos, acollidos e nutrindo a un xihadismo á desesperada, extremismo relixioso, feudal, sen peneirar pola crítica da razón pura, inconciliable con ese mundo contemporáneo que pola igualdade e a liberdade ansía aliviar lastres.

O real supera a toda esa virtualidade comercial coa que se maleduca a cada intre en cinismo, no que non todos son enfants de la Patrie, que toca a fillos de inmigrantes leais ás súas tradicións, a mozos que buscan a súa identidade musulmana, que serán refugados e sempre estranxeiros onde queira que vaian. Velaí a causa radical, a educación, a falla de cultura combinada con tantas apócemas, propagandas e promesas desnortadas.

Os novos xihadistas planificaron cando, en qué lugares simbólicos e en quen bater, en tipos como eles, na xuventude que é futuro. A resposta foi contundente, superando ao estilo estadounidense, instintivamente, reafirmando o sentimento francés con bandeiras e un himno que, polos seu contido bélico deixou de ser revolucionario. O revolucionario é o humanismo.

A Historia dun pobo é o que fixo, o que fai e o que seguirá a facer e desfacer. Agora tempos mediáticos, acelerados, de novas tecnoloxías, revolucións, de novas filosofías. Momentos para analizar a Historia de un imperio que foi referencia, de Francia, das súas contradicións.

Francia de tantos inventos defensivos e ofensivos, das cidades muradas, da guillotina, dos fusiles ou das baionetas... pero tamén do París das íconas contemporáneos, do bico dos namorados captado polo fotógrafo Robert Doisneau, das cegoñas e a Torre Eiffel, da moda que pasa de moda, dos perfumes... ante calquera fuxida, sempre quedaba París. Nin iso agora, non se para en razóns, contesta chamando á calma pero acelerando a guerra con portavións e sofisticados cazas Rafaele, Mirage, Embraer... pra demostrar e incentivar o mercado de armas bombardear o feudo xihadista de Al Raqqa, ribeiras do fértil, mítico e arqueolóxico Eufrates, como si de un videoxogo se tratase... En Europa, priman as policías, os antibalas, o estado de sitio. Refórzanse as fronteiras, a normalidade comercial está ferida, mudan as tendencias electorais ...

Fustrigan os arrebatos da Lei Taliónica, enrédase entre os atacantes e os atacados, coa cuestión infantil do quen empezou primeiro. Nin superamos a teoría e a praxe da Revolución Francesa de 1799, do golpe de estado de Napoleón contra os herdos feudais do Antigo Réxime, absolutista e ilustrado, de moita teoría para os cortesáns e pouca praxe na igualdade, e que como paradoxo finalmente rematou o corso autocoroándose emperador e deixando en herdo o poder aos seus... Fracaso tras fracaso así se abre á Contemporaneidade. De pouco valen as filosofías que arrincan do racionalismo de Descartes e seguen por Voltaire, Russeau, Robespierre, Montesquieu, dos sisudos enciclopedistas ilustrados, ansiosos de poñer fin a principios baseados na revelación e no dereito divino, o debate sobre os dereitos e deberes, sobre a Igualdade e a Liberdade. Raiceira das novas declaracións de dereitos humanos, de novas constitucións e leis na procura da soberanía popular. Principios que deron pe a independencias, a fender cuns imperios e a formar outros. Nesa Ilustración noso bieito Pai Sarmiento transmitía aquela reflexión de que "os ignorantes por ser moitos non deixan de ser ignorantes." Máis e mellor educación.

E agora velaí a exame a Marsellesa, dende 1795 institucionalizada como himno nacional de Francia, fervorosamente compartido e revitalizado en momentos de ataque, de resistencia, fronte aos nazis e agora en resposta á outra resposta, a xihadistas. Como todos os himnos enxalzan aos "uns" e aldraxan aos "outros", como facemos nós, "bos e xenerosos" dende os tempos de Pondal fronte aos outros, "imbéciles e escuros". No himno galo adubado con extremo acento bélico e racista, velaí o retrouso: "Aux armes citoyens/formez vous bataillons/marchons, marchons/ qu´un sang impur/abreuve nos sillons..". Así se aprende e así se canta nas escolas francesas, mesmo na Bretaña, na Córcega, no seu País Vasco e na súa Catalogne....E con multas a quen a aldraxe ao símbolo. Música e letra que deu pe a grandes compositores para novas versións, dende Tchicovsky, á Edit Piaf e sobre todo, no 1967 , abrindo a aquel estoupido rebelde de barricadas do maio do 68, o All you need is love de The Beatles, no que se denota a ética e a estética pacifista de John Lennon. Canción retransmitida para cinco continentes dende a BBC por satélite un 25 de xuño do 1967. Tema de amor e paz para a primeira transmisión planetaria, global, un mix que se inicia co son da bélica Marsellesa, recreando logo sobre sons de Bach e sumar estrofas doutros temas de amor do grupo de Liverpool. Medio século despois dámoslle un novo valor a aquelas musicas desmitificadores que parten do mestizaxe para concluír nese principio relixioso e eternamente válido para a convivencia que, todo é posible, que "o que compre é o amor".

A vida de Lennon está marcada por continuas performances e montaxes pacifistas cun sinxelo mensaxe: WAR IS OVER!, converténdose Imagine nun himno mundial da paz, e o circular e triangulado símbolo hippie da paz, ícono no que hoxe se circunscribe a Torre Eiffel.

Houbo outros intentos máis intelectuais, humanistas e pacifistas, ao menos nas formas fronte ás armas, Gandhy, Luter King, Lennon a Revolución dos caraveis... e xa vemos.

Namentres éxodo , fuxidas de supervivencia, buscas da paz, familias enteiras e os mozos sen traballo, atravesando mares, fronteiras, muros, deixando o pelexo, frustrados, a velas vir, arrodeados de cantos de serea, buscan a súa identidade e a radicalidade e topan con quen lla nega e seitas que lla ofrecen con cargos, harén terreal e paraíso celestial.