Ía eu ao volante tan tranquilo, cando desde unha farola, a media altura e en posición sofá, vexo que Mariano (Rajoy, pero como imos ter un trato intenso nos próximos quince días quedémonos en Mariano) me advertía: "Vamos a seguir subiendo las pensiones". Como dicía Philip Marlowe dun cartel que poñía Aquí véndese whisky escocés auténtico de antes da guerra, xa ía pola metade da frase e descubrira dúas mentiras. Eu non tiña a máis remota idea de que subiran as pensións, quitado que fose unha suba como eses champús ao elemento X que o que teñen de elemento X é a partícula infinitesimal ou que vagamente pasaba por alí de elemento X para que legalmente poda figurar o elemento X na etiqueta. E aínda que así fose, que garantía había de que Mariano o seguise facendo, se pasou a súa primeira lexislatura facendo o contrario do que dixo que ía facer? Que foi porque non podía facer outra cousa, e foi polo ben de España, que está chea de españois? Ben, pero non sería moito exacto dicir "Vamos a seguir subiendo las pensiones, o no", ou "Créanme si les digo que vamos a seguir subiendo las pensiones, si las hemos subido, pero a lo mejor no pudimos, ni vamos a poder, o sí, quién sabe".

Pero a cousa é que o di desde un sofá. E desde un sofá calquera argumentación é crible, quitado que vostede sexa unha persoa do sexo oposto (ou do sexo que lle guste) ao do orador/a e o que pretenda conquistar non sexa precisamente o seu intelecto. Mariano demostrouna na casa -e no sofá- de Bertín Osborne, que está cumprindo con respecto á política e á clase dirixente española o papel de oráculo de Delfos que o confesionario de Gran Hermano viña cumprindo con creces con respecto ás inquedanzas e á formación das novas xeracións de españois. Desde o sofá, o sofá platónico e incorpóreo pendurado da farola, ou o específico do atrezzo da casa-plató de Bertín, Mariano debulla o programa do PP, a súa cosmovisión da España en serio. A seriedade como un traxe dos de antes, sufrido e para toda a vida: "Señores, seamos serios. Seré soso, pero fiable, y los demás unos chisgarabís". A empanada da sogra, caseira, de fiar (as dúas, a empanada e a sogra). O albariño, excelente, conseguido grazas aos contactos, non comprado nunha viñoteca. O pai, recollido na casa, con achaques, pero aínda un exemplo. (Vale, pagamos todos os gastos derivados dese cariño filial, e que? Tamén pagariamos se tivese familia numerosa especial, non?).

Isto é o que hai, e a quen non lle guste, xa sabe. Aquí o que podes facer é cambiar de programa, non político, senón de televisión. Nuns canais está un, noutros está outro, uns van dun a outro como os merlos e algúns non están en ningún. Podes cambiar de canal, pero non zafar do sofá. En todos hai un. E se non ves a televisión, cólgano nas farolas de xeito que os podas ver desde o coche. O sofá é o símbolo destas elección e desta sociedade. Séntate e mira o que che contan. En serio. Como dicía a copla de Rafael de León, "toíto nos lo consienten / menos faltarle al sofá / que a un sofá no se le encuentra / y a ti te encontré en la calle".