A única campaña electoral na que me vin inmerso no estranxeiro foi nunha hai unha chea de tempo en Holanda. Non sei como serán alí agora, pero teño visto guerras de comunicados sindicais máis cruentas en taboleiros de organismos públicas que aquela campaña, e iso que estaba no medio e medio da praza Dam de Ámsterdam. Que non se notaba apenas, vamos. Esta tampouco se nota demasiado. Estas son a rara avis dentro do ecosistema electoral: unhas eleccións decisivas pero anódinas, ou viceversa. En realidade todas o son (decisivas), pero en bastantes casos, ou en bastante proporción, son máis ben decisivas para quen se presenta e para os intereses directos dos que ganen. Nestas definirase, entre outras cousas e polo menos, iso que lle chaman encaixe territorial. E como se nada.

Non digo que a campaña sexa aburrida. Hai debates. Mellorables, con ausencias, pero hainos. Non sei se lembran que houbo anos nos que os candidatos só se poñían cara a cara cando se pechaban as páxinas dos periódicos. E nestes debates dinse cousas. Ás veces atinadas, non o discuto. Pero díganme algunha, sen mirar outra páxina. Se se fixan, as tres cousas máis memorables (ou máis memorizadas) das últimas horas foron, por exemplo, a revelación da identidade do anxo da garda do ministro do Interior, que como ten escolta (o ministro) que xa o libra de males maiores, o anxo ocúpase de miudezas que xa veñen de serie nos coches de gama alta, como aparcar. Ou a non tan sorprendente opinión de/en Marta Rivera de la Cruz de que iso da violencia de xénero está sobrevalorado penalmente (non como escribir en castelán en Galicia, que está castigadísimo). Ou a outra revelación riverense, neste caso de Albert, que nunha suba repentina de camaleonina, arengou ao público dun mitin en Granada co berro de "¡Sí se puede!". Esta campaña, como tal campaña, temo que non vai pasar á historia, nin á historia da teoría política, nin á historia da teoría comunicativa, nin sequera á historia da televisión.

E danse todos os elementos para que si pase algo. En eslogan podemo-riverense, "sí se puede". Hai catro candidatos dos que, quedémonos de momento no superficial, tres son claramente agraciados e un fai gracia (a min e Antón Losada si, que lle imos facer, a súa política é outra cousa). Indo un pouco ao fondo, é a primeira vez que se cuestiona frontalmente o bipartidismo e a alternancia, e dous dos protagonistas, pasarán de cero escanos a ducias deles. E posiblemente, será primeira vez que saia un parlamento formado de tal xeito que quizais resulte un goberno de coalición. E que vai ter que reformar as regras do xogo, chámese reforma da Constitución ou non vale furar. Aquí hai máis novidades que nunha teleserie na que todos os actores pediran aumentos de soldo ao rematar a tempada. Nunca tal se viu.

E mentres os partidos botando unha pachanguita, e os medios, e a cidadanía consentíndollo, admitindo que haxa deputados con todas as papeletas para selo que non participen nos debates, ou non contesten preguntas, e partidos que, como toda resposta a un problema digan "lo estudiaremos", como se a outra opción sería que o botasen ao chinchimonis. Nunca entendín por que para conducir un coche fai falta un carné e para ser deputado non. Ao cabo, a diferenza é que o condutor tamén pode ser perigoso para si mesmo.