Obviamente, era unha esperanza idiota pensar que o paso de 2015 a 2016 fose traer un cambio nos modos políticos, ou máis exactamente, que o cambio que experimenta a política afectase tamén a aspectos tan necesitados de renovación como a relación entre os medios de comunicación e os partidos e os mecanismos de funcionamento internos das propias formacións políticas, sobre todo o PSOE. Non é que agardase nestes ámbitos ruptura abrupta ningunha, nin sequera unha transición decidida. Pero tampouco esperaba este deixarse estar como se non pasase nada, ou o que é peor, este aquí non vai pasar nada e diso ímonos encargar nós.

Non me ganaría o salario se me limitara a repetir o xa sabido de que a campaña, e precampaña e os resultados, estiveron fortemente influídos, cando non determinados, pola televisión (como se algunha vez non o estivesen e a loita electoral fose equitativa, xusta, e se librase arredor dos programas e das propostas). Máis o papel dos medios -neste caso nunca mellor dito, porque me refiro á prensa, en concreto á de Madrid- foi o de usar as enquisas para preparar o terreo, da mesma forma que os exércitos bombardean previamente o territorio a conquistar, e logo lanzar os tanques dos editoriais e as portadas, e a infantería lixeira dos articulistas. Todo para dicirlle primeiro ao electorado o que lle convén, e logo reiterarllo aos designados polo electorado.

O chamado cuarto poder leva tempo facéndolle ao primeiro ofertas que non debería rexeitar. Neste momento, o PSOE está punto de descubrir na cama unha cabeza de cabalo como suxestión de que goberno debe permitir que se forme. E non estou falando das lexítimas liñas editoriais ou ideolóxicas. Refírome ao gusto por xestionar poder e non información, que foi a actitude que en boa parte os levou á actual situación na que nin xestionan poder nin información, senón que tramitan as ordes que lles dan os seus propietarios directos, os bancos.

No caso de Pedro Sánchez, eu non sei que faría de atoparme todas as mañás cunha metafórica cabeza de cabalo como compañeira de cama. Non teño con el (con Pedro Sánchez) especial empatía, como non a teño conningún dos políticos que aparecen da nada, e non me gustou nada a maneira que tivo de sepultar ao seu antigo rival Eduardo Madina nas listas de Madrid, como se o PSOE (e máis en Madrid) estivese sobrado de xente cunhas mínimas referencias. Pero calquera con dous dedos de fronte sabe que para os socialistas pactar co PP ou permitir que o PP goberne é exactamente o mesmo que regalarlle a metade dos seus apoios electorais a Podemos, un cuarto á abstención e se conserva o cuarto restante é pola mesma razón que hai xente que sempre compra o mesmo número de lotería, aínda que xa tocara hai 50 anos. Entendo que Susana Díaz -e quen espere medrar á súa sombra- antepoña os seus intereses persoais aos do seu partido -e non hai máis que vela para saber que non lle cabe a máis mínima dúbida-, pero que pretendan convencer a alguén de que cambiar de candidato socialista se se repiten as eleccións é unha idea a ter en conta é un delirio. Unicamente que teñan convencido para que se presente a alguén como os expresidentes Pepe Mújica ou Lula da Silva. E aínda que aceptasen, non estou moi seguro da reacción dos "barones".