Toda viaxe feita a Lisboa debe encetar como si se tratara dunha nova odisea ou ascese. Dispostos a subir e baixar, virar, a furar entre a súa filigrana, a fiar e desfíar luces e sombras do seu barroco, polas xeometrías clásicas, masónicas, entre o mestizaxe máis puro. Velaí a maxia dunha cidade engaiolante, sempre descoñecida, prendida na neboeira dos periplos, de fracasos imperiais, de terremotos, incendios, de revolucións e caraveis floreando nos canóns.

Comezar a andaina pola Praza do Comercio ou Terreiro do Paço. Converxencia da racionalidade proposta polo ilustrado Marqués de Pombal, como un abrazo portuario aos que arriban pra recibir o bico de Portugal. Dende a estatua ecuestre de Don José I, labrada polo xenio de Machado de Castro, escultor neoclásico natural de Coimbra e dende a que diverxe ese urbanismo masónico. feito a cartabón e compás por mestres canteiros. Colleremos forza no Restaurate Martinho da Arcada, con mesa reservada pra que retorne Pessoa.

A Casa dos Bicos, de ostentosa fachada, deseñada polo renacentista manuelino Francisco de Arruda para a familia dos Albuquerque, todo un símbolo dos pretensiosos conquistadores que pasará a ser saleiro de peixe e hoxe casa de palabra na que se acolle e espallar o legado humanista de Saramago. Foi tamén este o barrio de Santo Antonio, homiño "roubado pola gloriosa morada do Ceu" segundo pon, con certa retranca, nunha cartela sobre o que se di lugar do nacemento do fratello do que se apodera Padua. Espazos sobre os que campa a catedral-fortaleza románica, portas da popular Alfama, rúas que soben á solemne igrexa manierista de Santa Engracia, cuadratura do círculo, cubo e semiesfera que, dende 1916, sirve de Panteón Nacional. Preto o monumental convento agustinián, panteón real da casa de Braganza, S. Vicente de Afora, obra do arquitecto de Felipe II e do seu Escorial, Xoan de Herrera, baldaquino, transparentes... mosteiro con corredores recubertos con fermosos azulexos sobre as fábulas de La Fontaine. Aínda que para adentrarse neso do azulexo convén visitar no barrio das Xabregas o convento de clarisas da Madre de Deus, fundación real do século XV, hoxe Museo Nacional do Azulexo, das mostras máis xenuínas da Arte portuguesa.

A Praza do Rossio é a bisagra, presidida polo clasicismo do Teatro Nacional de Dona Maria II e a historicista Estación do Ferrocarril... cerna do formigueiro humano lisboeta. A subida ao Carmo ten algo de lúdico, pode facerse en decimonónicos trebellos como o elevador de Santa Xusta ou no tranvía, entre o chiar de ferros que lle dan nome ao Chiado; quizais mellor subir camiñando de vagar entre os comercios, cafés, librarías de vello e pastelerías. Barrio rehabilitado por Alvaro Siza despois do voraz incendio do 25 de agosto de 1988... teremos que parar na Rúa Garret, na Librería Bertrand, a que se gaba de ser a máis antiga do mundo, e si non o é, merece selo... na cafetería de A Brasileira lembrar a Pessoa e homenaxear a Camoens erguido en pedestal. Seguir co ritual modernista e tomar unha cervexa na Cervejeria da Trindade, fundada no 1836 seguindo integralmente tradicións masónicas, polo galego Manuel Moreira García, introdutor da bebida celta na cidade e tras si toda unha novela por contar. Furaremos pola nostálxica e inspiradora penumbra do fado e da Rúa das Gaveas. Seguiremos, costa arriba, pola Rúa de Dom Pedro V, entre anticuarios con historias ocultas de obxectos, tabernas, pousaremos no número 91, no Pavilhao Chinés, café-bar de principios do XX, coas paredes e teitos cubertos das máis variadas coleccións, convivindo en democracia, como un retablo contemporáneo desta París Atlántica, provocando os sentidos, atraendo a Maryl Streep a degustar alí un Porto vello. E no alto a Rúa de San Bento co Parlamento neoclásico... no 193 a Casa-Museo onde viviu 40 anos e morreu aquela que coa súa voz e a súa vida foi costureira de tristuras, a fadista Amalia Rodriguez: cuartos de vida e morte tal cal os deixou, a cociña, até hoxe co seu papagaio Chico aínda a picar pipas so cando hai visitantes...

Sobresae no horizonte urbano a grandilocuente basílica barroca da Estrela, homenaxe á deusa dos navegantes. En Campo de Ourique está a derradeira morada de Pessoa, hoxe museo de quen portou a alma e o humanismo de Lisboa... e seguimos cara á Fundación Calouste Gulbenkian, armenio multimillonario que denantes flirteou con Herminia Borell, como unha acomodada e excéntrica Isadora Dunkan coruñesa. Patrimonio, museo e actividade acollida baixo a arquitectura internacional deseñadas polos precursores arquitectos Ruy Athouguia, Pedro Cid, Alberto Pessoa e o paisaxista Ribeiro Telles na conxunción arquitectura-natureza.

Pola Baixa, seguindo a Ribeira, rehabilitada e revitalizada nos seus edificios portuarios para o lecer, seguindo a Avenida da India, vixía e convida a subir o pazo manierista da familia Alvor-Pombal, case con nome de conto ou de fado esperanzado, a Casa das Xanelas Verdes, a que dende 1884 acolle o Museo de Arte Antiga, cos famosos paneis de San Vicente do século XV da autoría de Nuno Gonçalves, mestría nos retratos, na veracidade das telas, veludo, bordados de ouro... e o Tríptico das Tentacións de San Antonio, obra antolóxica do Bosco, no que deterse para abrirnos a un soño de fantasías. Seguiremos entre as coleccións reais con obra de creadores italianos, flamencos, españois que proban esa permanente relación de Lisboa co Atlántico e cun Mundo que tempos houbo quixo facer seu. Non sairemos sen deternos nas salas de ourivería, pra enxergar as obras do Tesouro de Belem, entender a filigrana de ouro como herdo antigo, revitalizado polas colonias de oriente. Sairemos e tempo haberá para recorrer os amplos espazos do novísimo Museo de Carruaxes, da autoría do arquitecto Paulo Mendes Rocha e no que acoller a fantástica colección de carruaxes reais que van do século XVII ao XIX... e sempre o complexo dos Xerónimos, cimo e modelo da arquitectura Manuelina, de Diogo Boytac e dese xenial mestre canteiro trasmerano, o que con cuadrilla de xornaleiros portugueses e galegos deixa tamén a súa pegada en catedrais e mosteiros Galiza, Xoan del Castillo. Na basílica,ao entrar,a unha e outra banda , os sartegos de Vasco da Gama e de Camoés... As antigas dependencias monacais acollen o Museu Nacional de Arqueología, fundado en 1893 por José Leite de Vasconcelos, grande amigo de Murguía. Faise imprescindible a visita para quen busque as esculturas dos guerreiros castrexos coa súa caetra, as sorprendentes xoias dos galaicos... Compre saber dixerir tanta historia, enredada entre tanta trama manuelina. Haberá que pousar, facer unha parada pra tomar un refrixerio e un deses boliños de Belem preñados de dozura. A vista peta cos muros de pedra rosa do Centro Cultural de Belém, obra de de Manuel Salgado e Victtorio Gregotti, aberto no 1993 como un recinto para a cultura que é actividade e comercio... E metida nese mar da Palha a Torre de Belem, deseño de Francisco de Arruda, a que mais que pra meter medo con torres, calabozos e canóns resulta entrañable e inxenuo símbolo.

Sobre as veigas de Alcántara o lanzal Acueduto das Augas Libres, no século XIX escenario de terror do asasino Diogo Alves; non lonxe o Pazo de Queluz, ese Versalles lisboeta, coa xeometría dos seus xardíns e estanques de azulexos, ao que abren salóns de espellos, de audiencias, o cuarto de nacementos e pasamentos reais, ilustrado por pinturas con escenas do Quixote. Aínda que para compartir o pasado dunha fidalguía enxebre compre visitar o Pazo dos Marqueses da Fronteira.

Lisboa é outra Dublín, preñada de fantasías polo océano, de Camoes a Almeida Garret, de Castelo Branco, de Almada Negreiros, de Cardoso Pires. E sempre Pessoa e Saramago... Cidade de cine, onde Roberto Faenza, filma Afirma Pereira canto de cisne de Mastroniani, sobre a novela de Antonio Tabuchi, o italiano que escolle Lisboa para escribir e morrer. Ou a Historia de Lisboa do director alemán Wenders.... onde a nostalxia do fado é canto de serea.