Feliz Ano e que os Reis Magos lles traian moitos regalos e temperanza. Ímola necesitar. Eu quero facerlles un agasallo neste artigo. Quero que sexa menos político e máis eterno, menos serio e máis humorístico. E para falar de eternidade e de humor quen mellor que Einstein e quen mellor que Chaplin. En fin, imos co anecdotario. Disque unha muller lle preguntou a Einstein se tiña algunha opinión concreta sobre a eternidade, ao que o inventor da teoría da relatividade respostou: "Si, señora, moi concreta. A eternidade é o tempo que tardaría vostede en comprender as miñas teorías se eu tentara explicarllas". O tempo dedicado por Einstein ao estudo e á divulgación dos seus resultados foi proporcional, así que o físico alemán axiña acadou unha sona mundial, como nunca ata entón acadara ningún científico en vida. Cóntase que nunha ocasión coincidiron nunha mesma reunión Einstein e Chaplin. O diálogo entre ambos foi tal que así:

-Goza vostede dunha envexable popularidade en todo o mundo e comprendo que sexa así, porque todos, todos enténdeno con facilidade.

-Pois a min, profesor, paréceme máis envexable a popularidade da que goza vostede: todo o mundo o admira e ninguén o entende.

Por unha vez, a mente áxil e certeira de Einstein dera cun rival digno da súa brillantez verbal. Claro que Chaplin foi un actor moi peculiar. O seu personaxe de Charlot, universalmente coñecido, espertou no seu momento verdadeiras paixóns. En todos os currunchos do planeta tiñan lugar concursos de imitadores de Charlot. Nunha das súas xiras polos Estados Unidos, Chaplin, chegou a unha cidade onde tiña lugar un destes concursos. Desexoso de ver as parodias, acabou por presentarse el mesmo ao certame. O curioso é que o seu Charlot quedou segundo, máis o cómico británico foi onde o ganador e felicitouno efusivamente: "Noraboa, faino vostede mellor que o propio Charlot". E non nos alonxemos do cine, nin da ciencia. Einstein atopouse nunha cea con Marilyn Monroe. Á fermosísima diva da pantalla ocorréuselle dicir ao científico a célebre frase: "Profesor, vostede é máis eu deberíamos ter un bebé, imaxine un neno coa súa intelixencia e co meu físico". Ao que Einstein retruncou: "O terrible sería que nacese coa súa intelixencia e o meu físico". Pero non deixemos en mal lugar a Einstein, el non coñecía o dato de que a actriz norteamericana tiña un coeficiente intelectual superior ao seu. Ademais, a resposta de Einstein non era na súa totalidade unha ocorrencia orixinal da súa mente. Don Alberte lera na súa mocidade unha anécdota do Premio Nobel español Jacinto Benavente, na que contestara de igual xeito a unha belísima dama da alta burguesía madrileña. En moitas ocasións atribúense a personaxes históricos frases ditas con anterioridade por outros. Este é un dos casos. Todo o mundo lembra o encontro de Einstien con Monroe, e case ninguén o de Benavente coa guapa castiza de recio abolengo. E logo deste agasallo en forma de anecdotario, prégolles que sexan felices a carón dos seus. A próxima semana teremos tempo, como dirían Tip e Coll, para falar do goberno, ou da incapacidade de formar goberno, creo.