Pese á conspiración universal papanoelesca ou santaclaudina, á que este ano se xuntou con sorpresa e aleivosía o conselleiro de Educación poñendo a volta a clase o día 7, os Reis Magos seguen triunfando nunha cousa: na pregunta "que che trouxeron os Reis?" Quero dicir que preguntar polos regalos que viñeron a noite do 5 ao 6 de xaneiro ten moito máis campo de acción que a de "que che trouxo Papá Noel?", que soamente se concibe cun "neno/nena" diante. Aínda que, en realidade, á nosa clase política os Reis este ano viñéronlle moi adiantados.

A Mariano Rajoy, por exemplo, trouxéronlle un Lego para armar gobernos e unhas gafas de realidade virtual. A noite electoral dixo iso de que o PP ganou as eleccións, pero nun sistema parlamentario non presidencialista, quen gana é que consigue os votos para ser elixido presidente, como moi ben soubo Manuel Fraga en 2005, e iso que perdeu por un só deputado (e os que entón ganaron souberon catro anos despois, pese a que soamente perderon un). Pero o gran regalo é que pese a ter en contra varias combinacións parlamentarias posibles, Mariano quizais siga sendo presidente grazas ao seu habitual método de non facer nada. En palabras de Homer Simpson, tentar facer algo é o primeiro paso cara o fracaso, ou como citaba Ambrose Bierce a un militar da guerra de Secesión dos Estados Unidos que se escusaba ante o seu xeneral por facer a carga que lle ordenaran: "Estou seguro de que calquera nova mostra de valor por parte das miñas tropas poñeraas en contacto co inimigo".Claro que para que esa táctica triunfe é preciso o concurso dos demais. Que os outros o fagan moi mal. E estano facendo.

A Pedro Sánchez, por exemplo, veulle de regalo de Nadal non fundirse no abismo, quedar por riba de Podemos e ter a man unha forza -Podemos- que lonxe dos asaltos aos ceos que pretendía nas eleccións europeas, o que pide é o que está, en teoría, nas bases ideolóxicas de calquera formación socialdemócrata. Claro que unha cousa é a teoría e outra a práctica, e se non, que llo digan a Felipe González, que se encargou de mover os seus fíos para que todo estea atado e ben atado. O PSOE dos últimos tempos é como eses nenos que estragan os xoguetes dos irmaos, ou teñen uns pais que llelos quitan das maos en canto os desenvolven para que non os rompan. Despois de ameazar cunha perrencha, Pedro Sánchez conseguiu que Susana Díaz o deixe xogar aos pactos cos outros nenos, pero se merenda todo e está as oito na casa.

E a Pablo Iglesias trouxéronlle a Play 4: ademais de consolidarse como o partido revelación, Podemos asentouse na cómoda postura de por pedir que non quede, sabendo que se dan, ben, e se non, pois tamén ben, porque nunha repetición das eleccións poderían ascender no escalafón e ser quizais segunda forza. E tal como está a cousa en Cataluña, o do dereito a decidir é outro dos dereitos á baixa, e se hai que ceder en algo, xa hai a mao unha liña vermella candidata. En canto a Ciudadanos, Albert Rivera descubriu a amarga verdade: os Reis Magos son os pais.