A celebración dos Reis Magos, coas súas estrelas, cantos e aguinaldos pecha o ciclo de Nadal. Véspera, noite máxica e día esperado para quen mantén algo de neno. En noite de Magos atravesaron as cancelas do Trasmundo Valle Inclán no 1936, Díaz Pardo no 2012 e neste 2016, Victoria Canedo. Tres magos galegos, agora entre a paz dos mortos de Boisaca.

Victoria era compostelana dende 1924, filla dos propietarios do Hotel la Perla, formada en maxisterio, instrutora de Educación Física, cando na Sección Feminina nun ambiente machista, se servían de tradicións, de imposicións, entre himnos, desfiles e redobre de tambores. A norma: bailar ao son que tocan. Anos difíciles da posguerra para os inquedos mozos creadores do colectivo coruñés Aturuxo, herdeiro de Brétemas e raiolas e polo que ademais de Victoria Canedo pasaron Cajaraville, Juanjo Linares, Berta Tapia... plataforma para colectivos de coros e danzas do futuro.

Xa quixeran outros pobos sumar historias así, no referido a un ballet, ter precursores teóricos como Uxío Montes que no 1923, na revista Nós trataron sobre A estética da Muiñeira, que un par de anos despois inspiraría ao musicólogo lucense Bal y Gay para escribir Hacia el ballet gallego. Ansia era fuxir desa tendencia á estridencia, á parvada, na que algúns emporcallan a cultura de Galiza.

Rei de Viana creou en envólvese na aura do seu propio mito. Cóntase que se fuxe da División Azul, falaba do impacto de Nijinsky e da Paulova, de viaxes e clases de arte en Alemaña... En plena depresión vital e nunha época de golpes de talón coñeceu a Victoria no hospital coruñés do Montiño. Conxugan inquedanzas e abren na coruñesa rúa dos Olmos unha Escola de Danza.

No 1949 nace o primeiro proxecto de Ballet Galego. Nas súas coreografías facíase patente o coñecemento de tradicións, froito de viaxes, consultas con Risco, Xocas, Fraguas, Taboada Chivite... Cos anos sesenta comezan as xeiras. Non había grandes festas en Galicia que non contasen no seu programa co feito especial da actuación do Ballet Galego. E máis alá: no 1964 na Feira Mundial de New York, no 1969 e con todo o éxito no primeiro Festival Céltico de Quimper, nos Países Baixos, Irlanda, Yugoslavia, Liceo de Barcelona... Decorados de José Luis, do mesmo Quessada...Outras agrupacións miraban de reollo.

En xuño de 1971 a Deputación da Coruña faise cargo do Ballet Gallego Rey de Viana, dando todo tipo de facilidades, incluso facilitando vivenda até a mesma morte de calquera dos seus dous creadores. A finais dos oitenta crea para o Ballet un espazo propio no coruñés Pazo Martelo da Rúa da Franxa. A xubilación de Xosé Manuel, os cambios políticos, as negacións a actuacións en mitins, provocan tensións, incluso unha folga de fame de Xosé Manuel, coa conseguinte incerteza do elenco ante o seu futuro e un corte definitivo nas relacións do matrimonio co ente provincial. Parón. Xosé Manuel morre no 1995. É entón cando Fraga, valedor xa do ballet na súa época no Ministerio de Turismo, entra na Xunta de Galicia, retoma o tema e incorpora a Victoria Canedo e a un grupo de bailaríns ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, aínda que limitando as actuacións a desfiles en eventos e algunhas celebracións. O matrimonio mantivo os dereitos sobre as súas coreografías...

Ballet enxalzado por Otero Pedrayo, Torrente Ballester, por Martínez Barbeito, tan exquisito, e por Luis Seoane que xa é dicir, del dixo, en carta a Díaz Pardo, en 3 de novembro de 1967 e despois de velo en Bos Aires."Aquí estivo unha semana ou dez días o Ballet Galego Rei de Viana. Gustou moito. Moi boa crítica e gran impresión no público arxentino alleo á colectividade galega. Dende logo visto nun escenario de teatro, como o do Coliseo de Bos Aires, gaña moitísimo, e superior ao visto na Coruña nunha carpa de urxencia con escenario atroz, onde o vimos xuntos. Coido que con Galaxia e porcelanas do Castro é o máis importante que se fai en Galicia na orde cultural e que as deputacións e os concellos deberían apoialo decididamente. E moi importante para Galicia...". (Díaz, M. América: Luis Seoane, notas ás súas cartas a Díaz Pardo. Ed. do Castro, Sada- 2004, carta n. 37). "O mesmo Seoane xa na metade dos anos cincuenta nos textos elaborados para a radio baixo o título de Galicia Emigrante, insistía na... necesidade de elevar a alta categoría estética todo o inmenso tesouro da música e do folclore popular de Galicia. Había máis de dez anos que os ballets rusos mostraban ao mundo a inmensa forza expansiva e cultural dos ballets". Lembra tamén as tentativas de Castelao na súa obra teatral Os vellos non deben de namorase, conxugando o efecto audiovisual con xéneros, recreando sobre máscaras, traxes, luces... innovando. Conclúe "O actual Ballet Galego da Coruña parece converter en realidade a vella aspiración de Bal y Gay e doutros ilustres galegos. Xosé Manuel Rei de Viana e a súa esposa Victoria Canedo, lograron o mellor que a península Ibérica pode amosar ao mundo neste xénero. Rei de Viana, a súa muller e os corenta bailaríns que reúne ao seu redor, conseguiron en moi poucos anos e logo de épocas moi duras que se prestaban ao fácil desánimo, conseguir premios notables, que lle abriron camiño á popularidade e ao éxito, entre elas o Premio Extraordinario e Medalla de Prata no Festival Hispanoamericano de Folklore celebrado en Cáceres no 1959, e a Grande Placa do León de San Marcos, conquistada en Venecia en competencia con grupos folclóricos de diversos países....". Crítica emocionada, reiterada, como poucas veces se ten escoitado a Seoane, "que honran á Coruña e a Galicia". Remata dicindo "Non contaron nos seus comezos mais que coa adhesión que lle tributaba o pobo coruñés e a prensa da cidade. Estimulando ao Ballet Galego e aos seus directores, estaban amosando, nun momento de mudez xeral en España, a diferenciación do pobo galego". (Escolma de textos da audición radial de Seoane, Galicia Emigrante, edit. Do Castro, Sada 1989 (392-394). Pouco máis se pode dicir e entendémolo, pois sentimos o mesmo. Aínda máis, previa ás actuacións, vimos ao matrimonio director limpar e retocar o escenario, ser máis humildes que os humildes e mesmo tamén máis soberbios cos soberbios, Victoria sempre a pe de obra, nas sombras. Acompañámola ao Entroido de Viana do Bolo, ás Mudacións de Xuvencos... a inspirarse. Acompañáronnos tamén con Amigos dos Museos de Galicia e mesmo Victoria nunha desas viaxes pola Provenza, onde todo se sabe dignificar, na mítica Fonte de Vaucluse tivo unha caída que lle ocasionou secuelas e que sempre me lembrou.

Recreaba o Ballet sobre músicas de Chane, Veiga, Montes, Berea, Faustino del Río, Rodrigo A. De Santiago, Milladoiro e máis novos... sobre as tradicións populares e fidalgas: traxes de faena, corozas e zocos, as meigas na insuperable Gran pandeirada, o pranto das viúvas dos vivos mariñeiros, os canteiros, o afiador, a moza coa sella... Por bailar bailaba até o espantallo... pra rematar a actuación nunha romaría: foguetes, procesións, liorta e as danzas tradicionais, o fandango, a xota e a muiñeira.

Lamentamos que asentada a democracia se destruíran tantas esencias galegas que perviviron co andazo da ditadura, e o peor que a desmemoria inzara como un andazo. No 2003 o Ballet Galego presentou o seu derradeiro espectáculo Ronsel, no que retomaba parte do vello repertorio, anovando tamén. En novembro do 2005 a Consellería de Cultura destitúe a Victoria Canedo do Ballet Galego Rei de Viana "por non responder á idea de danza que ten o novo Goberno Galego". Toca agora, dende as perspectivas, analizar o feito. Vemos, como o seu legado de vestiario, aderezos, atrezo se reparte en espazos non demasiado adecuados dos concellos de Culleredo, Torres de Celas, no Castelo de Vimianzo, empaquetado nos almacéns da Deputación da Coruña, os da última etapa no IGAEM almacenados nunha nave alugada Que esperan? Con mellor sorte algo no Museo das Mariñas en Betanzos, centro ao que Victoria Canedo, hai algúns anos, entregou máis testemuños.

Ao pe destas lembranzas pousaremos unha ramiña verde de carballo e outra de loureiro.