Si home si

Pasmen menos, por favor

16.01.2016 | 01:12
Pasmen menos, por favor

Unha vez que fixera un reportaxe televisivo sobre a matanza do porco (ben, de varios porcos), veume ver o produtor, todo preocupado. "Oye, no sé si será procedente emitir todas esas imágenes". As imaxes era a secuencia habitual na que sacaban aos bichos da corte, eran reducidos á obediencia -como se di en linguaxe policial- para deitarse no banco, e alí acoitelados e desangrados, etc. O produtor era un home avezado, que traballara en programas documentais míticos de TVE, pero para a súa sensibilidade do barrio de Salamanca aquelas imaxes eran demasiado duras. Eu argumentei que boa parte da audiencia coñecía presencialmente esas escenas, e que no fondo, eran como as do león que papa á gacela na sabana, pero sen coitelo e sen banco. Ou iguais que as que se emitían na mesma pequena pantalla como espectáculo-bien cultural, nese caso co matachín vestido de ciclista con decoración navideña. A min as reaccións que houbo ante a constitución do Parlamento recordáronme a reacción do produtor sensible.

No Congreso que se constituíu o pasado día 13 non só é a primeira vez que non se sabe a quen vai elixir presidente do Goberno. Tamén del se espera que acometa reformas importantes na Constitución. E a conclusión que sacaron os diarios españois, segundo rezaron as súas portadas, foi a da diferenza entre as dúas principais forzas de esquerdas, PSOE e Podemos, e polo tanto, a probabilidade de que volva gobernar o PP. Para os medios madrileños, impresos e audiovisuais, non. Para eles, o grave, as escenas para non aptas para demócratas sensibles eran a compaña que se trouxo unha deputada. Un bebé, pero polo rebumbio parecía que Carolina Bescansa entrara cun escravo nubio cunha cadea ao pescozo como única vestimenta. Tamén foron moi criticadas as fórmulas coas que outros prometeron o cargo, que chegaran en bicicleta e con acompañamento de banda, e en xeral, a pinta de algúns, que algunha comentarista política cualificou directamente de cheiro. Faga vostede unha carreira para acabar facendo rexoubeos de comadres.

En calquera sociedade normal, se hai que levar o neno a un sitio porque hai que darlle o peito, lévase. O anormal é facer diso unha anomalía, ou un xesto reivindicativo. O protagonista non debería ser a criatura que foi as Cortes na procura do peito nutricio senón, por exemplo, outro ser humano que está alí para gozar doutra teta: a dos privilexios ante unha investigación xudicial (caso do presunto cobrador de comisións ilegais do deputado do PP que xa non é do PP Gómez de la Serna). Non obstante, os que lle dedican as portadas ao neniño Bescansa, logo critican o espectáculo. Igual que a vella do chiste que denuncia ao veciño de enfronte por exhibicionismo e cando o policía lle reprocha que non se ve nada, ela contéstalle: "pero subíndose nesta banqueta, si".

A min tamén me parece que o de ir coas camisetas e o bombo a tomar posesión é unha horterada excursionista, pero o autenticamente impresentable é ter en delegación dos cidadáns -por moito que en última instancia a culpa sexa dos cidadáns- a señorías que durante a campaña non souberon tatexar ningunha proposta para o territorio que ían representar, e cuxa única función vai ser a de premedores de botón, así vistan de Armani e cheiren a Esencia de Loewe.

De facerlles caso aos medios, dá a impresión que Madrid non cambiou demasiado desde a época de Galdós ou Baroja, e que se espantan por todo. Desde que os reis magos leven traxes dos modelo teletubbi ata que aleiten os nenos en público. Pasmen menos, por favor.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine