O espírito síntese imantado e condúcenos instintivamente a lugares tamén con espírito, nos que habita un xenio ou unha fada engaiolante, eses Montmartre. Acrópoles con vistas, nos que se acumula por estratos a Historia e se abren tabernas pra inspirarse, cantar e contar sobre o divino e o humano. Barrios das cidades que quedaron fora da man de deus por outras innovadoras arrogancias. Lugares que abondan nesta Galicia apelidada "máxica". Referímonos ás Cidades Vellas das urbes, co seu pouso de pasado, fantasmas, trasnos que se moven como negras sombras entre as pedras labradas e luídas polo tempo. Espazos onde a voz comunal das campás dun templo ou dun reloxo, entre os berros salitrosos e aceirudos das gaivotas, conta con teimosía as horas que se van. Cidades noutrora con casas habitadas por entrañable xente que envellecía como ancoras enferruxadas, mariñeiros e mesmo marqueses de pazo urbano... hoxe son habitantes de paso, novos e precarios bohemios, vistos e non vistos, novos ricos tamén, empeñados en facer do lugar unha "Milla de ouro"

A Cidade Vella da Coruña é un deses lugares feiticeiros, Locus Amoenus. Amplamente feminino na cidade con nome de muller, que ten como padroeira a María en todas as súas versións , que tanto é do Rosario como da Estrela ou do Carme. Cidade da rebelde María Pita. Refuxio de inspiración para a Condesa de Pardo Bazán que a elixe para escenificar contos e novelas como a Pedra Angular. Preferida polo polígrafo González Garcés quen dixo case todo e máis deste que foi o seu barrio. Pétrea croa, orixinario castro que lle pon nome á Coruña. Entre un arrecendo a incenso, a sal e guiso, brétemas por medio ou sol radiante, entre as que acougan tantos sonos surrealistas de Urbano Lugris, Hic habitat felicitas dixit: porto no que atracan e amarran como cordas os ronseis de naves de todos os tempos e procedencias, negociantes, aventureiros, misioneiros, conquistadores... exóticas mercancías. Varadoiros con esqueletos de naves repoñéndose ou facéndose, máis arriba espadanas, torres con ergueitos pináculos nos que sempre pousan as gaivotas, rúas estreitas, cambiantes segundo segundo o tempo; pedras e misterios entre os que devalan toas as cores. E o Parrote, ao que abren os mil ollos das galerías, a cuadriculalo todo e do que apenas se gardou memoria a non ser por alguén animado polo espírito creador. As portas do Parrote, do Cravo, de San Miguel ou das Ánimas... con escudos que testemuñan o goberno do imperio, de Galiza e da Cidade, cos epígrafes que tanto contan, maltratados polo tempo e a incultura.

E o gato negro que tras a súa sombra atravesa por Santo Domingo e pasa ao pe do cruceiro das Bárbaras, presidida polo frontal dun sartego sobre o Xuízo Final. A Igrexa de Santa María dos Mareantes aberta a esa praza á que tamén asoma a que foi casa do Ilustrado Xosé Cornide, a Praza da Fariña...o Templo de Santiago e o inicio dun camiño de dous días longos cara Compostela... Cidade meiga, si señora, inspiradora, da que tanto sabe e nos puidera contar ese noso Paco Umbral coruñes, Ezequiel Pérez Montes.

Até nos chegou unha Cidade Vella, máis avellentada, que resistía en tabernas gardadoras de sabias tradicións. Onde resistían artesáns, se abrían portas e se formaron anticuarios de prestixio... Que iso dos anticuarios presupón cultura, sensibilidade por parte do que ofrece e do que demanda e merece capítulo aparte.

Pero son os creadores os que se sinten atraídos por sucedáneos Parnasos para establecer os seus talleres. Non esqueceremos a Pucho Ortiz, formado na cerna deste niño de mareantes nun tempo de incertezas. Intentos por expresar e evadirse a través de fuxidíos xogos de luces, cabalgando sobre versos polo azul Patinir que, na hora do luscofusco escampado, envolve as torres de azulexos metálicos do Consistorio de María Pita.

Os pintores coruñeses semellan seducidos pola tendencia á xeometrizalo todo, ao cubismo. Non é pra menos ba Coruña dos artilleiros, dos mariños, dos ilustrados, dos carpinteiros e das galerías, por aquí todo tende á retícula. Entre aqueles habitantes lembramos a Creo, cos seus intentos cerámicos, murais de mar, naos, treus, redes...e un toque onírico, de Chagall...

Nun día máxico, de resaca de Reis Magos, en terra de Magos, remata de irse, tras o Arco da Vella e pro Ceo que esperaba, José Ramón, amable, positivo, dandi, como a súa Cidade.

José Ramón nace cando remata unha desas guerras que deixan secuelas que non se curan así como así . Formado entre os grandes pintores, aos que aínda debemos homenaxe, mestres herdeiros dos pioneiros que deron clase ao neno Pablo Ruíz, na Escola de Artes e Oficios, que xa é dicir. Unha vida dedicada ao traballo, ao debuxo e á pintura. Seducido pola Cidade Vella na que pon estudo, primeiro na Praza da Fariña, centrada por esa fonte romántica de ferro fundida en París, coroada por unha Venus que ergue ao ceo un facho de luz entre o arrecendo dos magnolios....logo con estudo na Rúa de Santiago 5, onde a súa muller María Teresa Agra Ramirez mantivo as portas abertas da pequena e colorista galería até fai un ano. Nese ir e vir por estas atopabámonos.

Un é o que fai, detrás da estética está a ética, e a obra de José Ramón revela que ama o que fai. Namentres o espectador busca sabiamente ou intuitivamente a autenticidade, síntese atraído e atopa as cores internas das cousas, o ritmo das luces e as sombras de paisaxes e paisanaxes na súa parte positiva, a ledicia de vivir, as grazas á vida, como cantou Violeta Parra.

Na obra de José Ramón non hai improvisación, os trazos son enérxicos, seguros e amables, consolidados nunha longa experiencia. Algo moi de agradecer nestes tempos tan necesitados da mellor medicina que é a autenticidade e as boas noticias. Positivo, xeneroso, a favor da Vella Coruña. Sabémolo ben, pois entrados os anos oitenta ambos sumámonos, il como ilustrador e quen isto escribe como historiador para publicar nun suplemento dominical a serie sobre A Coruña: a súa Cidade Vella da Coruña. Tentamos transmitir o idioma das Sirenum domus.

José Ramón cree no que fai, de vagar, firme entre dúbidas, penas, ledicias, filósofo, minucioso, crítico consigo mesmo, experimentando os coutos da liberdade, controlando o instinto, como un alquimista ou un ourive de xeometrías e cores en equilibrio. Sabe que a obra debe falar por ela mesma e a seu atraveso conducirnos ao universo do seu creador. Non sabía dicir que non, recibiu encargos, probou, fixo retratos oficiais para o Concello da Coruña, para a Academia Galega. Pero ante todo buscador do rostro de Galicia en debuxos, ilustracións, cadros de todos os formatos e mesmo o mural: Pontedeume, Betanzos, Combarro...as xentes, o traballo: pescadores, redeiras, palilleiras, gaiteiros....

Cos anos debilitouse a vista e aínda así recobra a forza máis pura da cor, da xeometría, que expresa en multitudes multicores, guiadas polo espírito, parellas de barcas amarradas no peirao, paraugas baixo a chuvia...a alegría e a filosofía da vida. Ansia de traducir e ofrecer aos demais os versos, a música das cousas. José Ramón, por vida e obra, forma parte da inmortal Cidade Vella da Coruña.