Contan que nunha ocasión un descoñecido solicitou ser recibido polo escritor Bernard Shaw. Non o conseguiu. Mais aquel descoñecido era un home persistente, e logo de varias tentativas, por fin acadou ser recibido polo afamado dramaturgo. Shaw recibiuno de pé, como sinal da brevidade da entrevista. Pero o visitante, que gozaba dun excelente sentido do humor e dunha capacidade de conversa notable, tomou as cousas con calma, así que o escritor tivo que ir ao gran e preguntarlle claramente o que quería, pois o home non se aclaraba e perdía o tempo con evasivas.

-Déixese vostede de andrómenas e dígame que é o que desexa.

-Somos da mesma familia e é xusto que nos axudemos os uns aos outros.

-Da mesma familia?

-Si, os dous somos descendemos de Adán e Eva.

Shaw, observou con detemento o rostro pícaro do intruso e, con igual bo humor e ironía depositou sobre a man deste un mísero chelín, acompañando o seu xesto da seguinte frase: "Aí vai isto. Oxalá o resto dos membros da nosa extensa familia lle doen outro tanto, se fose así, non dubide vostede que será infinitamente máis rico ca min".

Aínda que Bernard Shaw tiña un carácter singular e a persoa que pretendía pasar por parente seu non era un mendiño, nin un refuxiado de guerra, hai un certo paralelismo entre esta anécdota e unha cruel realidade que se viviu na fronteira danesa, cando un membro das forzas de seguridade decidiu facer o seu peculiar agosto a conta dos refuxiados sirios que queren entrar no país báltico. Si, un garda fronteirizo danés estaba cobrando un euro ou dous -as moedas se parecen- a cada persoa que cruzaba polo seu posto. A miserable acción do individuo foi descuberta mais, como era de esperar, os cartos que lles arrebatou ás súas vítimas nunca apareceron. Oito mil ou dez mil euros en negro, son fáciles de ocultar. El tamén pensou que a súa familia era moi extensa e quixo facerse rico a conta dos máis pobres, aos que considerou membros da mesma. Afortunadamente, sempre hai alguén que se enteira. Neste caso un compañeiro. Un garda honrado. Pobre. Seguro que agora, el, que denunciou a infamia e a extorsión está sufrindo o vacío e os desprezos dos seus camaradas de armas. Acostuma a pasar. Que nos sucede? Os obreiros ven negocio na explotación dos máis desfavorecidos. Porque un policía é un obreiro e un refuxiado un desfavorecido. Un euro por non levar un porrazo? Non demos ideas. E aínda un segue a encontrarse con algúns artistas que lle falan sobre o desconsolo que senten porque o público non entende os seus espectáculos. Definitivamente a egolatría é un mal que se estende perigosamente pola nosa sociedade. Outro día falaremos disto e de cómo os nomes dos oficios mudan eufemisticamente para non chamarlle as profesións polos seus verdadeiro nome e así sentirse máis importantes.