O doce peso da vida e da morte

25.01.2016 | 00:49
O doce peso da vida e da morte

Aló pola ano 1138, Conrado III de Alemania, sitiou unha praza que pertencía ao duque de Baviera. O sitio foi tan rigoroso e prolongado, que as mulleres da cidade pregaron a Conrado que lles permitise saír da cidade levando únicamente aquilo que puidesen cargar sobre as súas costas. Accedeu o rei e as mulleres saíron en fila levando cada unha en ombros ao seu esposo. Aquelas esposas abandonaron o cerco cargando nas súas costas co doce peso da vida.

-Vede aquí un exemplo de astucia, comentou Conrado, deixando que a fila marchase en paz.

Todos e todas somos conscientes da dureza da vida para as clases populares durante a Idade Media. Podemos imaxinar aquelas guerras de espada, lanza e arcos, onde os combatentes agonizaban entre espantosas dores, e onde a piedade e a xenerosidade non era habitual entre os contendentes. Agás en ocasións como a que relatamos. Tamén é certo que a guerra afectaba máis ao exércitos que aos civís, e que, sacando no sitio de castelos ou cidades, a poboación non sufría nas súas carnes os rigores da espada, máis, si, as súas bocas padecían os rigores da fame e da peste, que en moitas ocasións viaxaba da man da guerra. No século XX o terror da guerra expandiu a súa ignominia sobre a poboación civil e neste século XXI estamos a ver que o principal obxectivo da guerra terrorista e global é a poboación civil, inocente e indefensa, coma sempre, diante da barbarie. Mais, con todo, segue a ver neste planeta sitios de cidades, asedios de vilas, combates nas urbes. Creríanme vostedes se lles digo que nun lugar que todos e todas teñen na cabeza houbo un asedio, non hai moitas semanas, onde un grupo de mulleres pediron ao inimigo que lles permitisen saír da vila levando con elas unicamente o que puidesen cargar ás súas costas, e que este aceptou, e que as mulleres saíron levando aos seus fillos a ombros? Creríanme? Posiblemente, si. O que lles arrepiaría, o que lles produciría noxo, rabia, impotencia, sería saber que o inimigo pasou polas armas ás nais e aos fillos que abandonaron as súas casas confiando na palabra daquelas bestas. Moitas delas, e das súas nenas foron violadas antes de morrer. Conrado III de Alemania, pese á dureza do sitio ao que someteu aos súbditos do duque de Baviera, parécenos un bendito e non o era. Pero todo na vida depende de con que se compare unha cousa, un feito, unha persoa. Creo que non fai falla desvelar en que lugar do planeta ocorreu a salvaxada que acabo de contarlles, nin dicir que os responsables son uns señores que van cun retraso na evolución da humanidade de máis de seiscentos anos. Unha infamia que lles obrigou a estas mulleres, non a cargar nas súas costas co doce peso da vida, senón a levar aos seus ombros aos seus seres queridos cara a morte.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine