Para atopar esa outra parte do orixinario e orixinal Nós galaico, na Arqueoloxía, na Historia, na Etnografía, en fin, na Cultura, á forza teremos que movernos entre a raia seca da Asturicense, Lucense e Bracarense, e enxergar. Neste tempo de Entroido, cando se lle da renda solta ao instinto singular, faremos parada e fonda nese vértice das tres grandes provincias da Gallaecia antiga e medieval. Fermosas terras trasmontanas de Bragança, de obrigatorio paso no pasado e na contemporaneidade, mesmo de fuxidos da guerra nun camiño de incerteza.

Braganza, esoutra Brigantia e de habitantes brigantinos (tomen nota coruñeses e betanceiros), é cidade nacida arredor dun castro-castelo , hoxe cuns 25.000 habitantes, a que todo galego debe coñecer, mesmo a xestión dos recursos culturais: o castelo, a románica Domus Municipalis e sobre todo os seus museos, o que honra aos seus pioneiros da Arqueoloxía, a Historia e á Etnografía, o Museo do Abade de Baçal, e os de última xeración, como o Museo Ibérico da Máscara e do Traxe e o proxectado polo laureado arquitecto Souto de Moura, o Museo da Cultura Sefardita... oferta sen desperdicio.

O tema da máscara é un universo que enriquece ás culturas que as poñen e as quitan. A máscara presupón a muda, o saber virar, o necesario cambio pra conducirnos a tendencias superiores ou inferiores, interclasistas, da destra e da sinistra, a simular ser deuses ou demos... e sempre arredor a simulación, o teatro, a capacidade creativa. Argumento a aproveitar, a explorar e a explotar na nosa desmedida sociedade do espectáculo, catón elemental da performance, tan en voga hoxe, inevitablemente produto comercial cultural no ilimitado mercado da oferta turística.

Por algures vaise entendendo e demostrando que as tradicións non traizoan, que son atractivos recursos para desestacionalizar a concentración parcelaria festiva no soleado agosto, promover a socialización, a oferta e a demanda, crear positividade ao longo do ano. Pois velaí como se recolle e se prolonga o Entroido antes e máis alá dos tres días, domingo, luns e martes. Velaí como se busca a orixinalidade de cada parte de Galiza, as súas singularidades, as que van máis alá da variedade das máscaras, dos disfraces, do simbolismo, dos ritos, músicas, danzas, todo prolongado arredor de mesas que ofrecen o rico mostrario do receitario gastronómico, presidido pola cachucha do porco, oureolada de restras de chourizos, androllas, o nimbo das filloas, dos freixós, das orellas de frade, aberta a espita dos viños novos.

Poucos países poden ofrecer tanta etnoarqueoloxía, antigos herdos rurais, como a Galiza de portos e encrucilladas, de feiras e romarías, onde se pon a proba ese sincretismo, relacións con outros vellos e novos mundo. Elementos da Prehistoria, do Neolítico, dos Castros, Celtas, Romanos, Cristián, Medievais, Renacentistas, da Ilustración... mesmo incorporacións nun incesante ir e vir en misións e conquistas polas Indias... Color, luz, músicas, cornucopia de inspiración a rebordar, a verter sementeira de alegría e esperanza sobre o fin do tempo gris e chuviñoso de inverno que fecunda os campos e aviva a esperanza.

O Entroido é a festa da mocidade, da entrada na primavera, onde se pon a proba o estado de saúde cultural dun pobo que experimenta como limitar coutos de liberdade. En semellante xeito de esconxuro a máscara cobre a identidade e permite romper a sacra orde establecida e transgredir. A máscara é caricatura da suxestión diabólica, reforzada pola cor vermella, por elementos monstruosos, cobras, salamántigas, complementada por chifres, berros, aturuxos ou o imprescindible son dos chocallos.... Festas en relación coa fecundidade da terra, co ciclo agrario, cando florece a natureza, o oso esperta do seu letargo e retornan os nubeiros de paxariños, asoma o canto do cuco...sumando incorporacións en cada tempo e lugar, modas e creatividade. Tamén tentado a caer no fenómeno de folclorización, no rutineiro evento público, en relación co incremento turístico, o acoso do batallón mediático, os fotógrafos, as cámaras de televisión, os curiosos.

A máscara posibilita a violación das fronteiras naturais, a metamorfose, a superación de identidades en prazas, rúas, espazos comunais. Convida e provoca á catarse colectiva, medindo non caer na agresividade, na capacidade creativa individual e colectiva. Expresa o estado do artesanado local, dos milmañas que seguen o ditado do instinto, da tradición, baleiran e tallan tocos de castiñeiro ou carballo, labran sobre eles engurras monstruosas, abren ollos, nariz, boca e píntanas: o expresionismo orixinario. Outras carautas poden facerse en coiro, en palla, con xuncos trenzados ou de cortiza, modeladas en latón, en cartón....

Hai tamén entre as máscaras xerarquías, o Rei, Mordomos, cubertos de chapeus, cintas, bastóns de mando ou vergallas, distinguidos na rolda de histriónicos coloquios, entre acenos, disputas, loas, improvisacións, na procesión entre ramos floridos e roscóns de pan, en paseos de porta en porta, provocando ás mozas (inicialmente o disfrazo e o Entroido era máis masculino e o asunto préstase a estudo e comentarios). Festa da virilidade, do ostentoso atrevemento, da ousadía... e sempre, ao final, o convite, o xantar, a rosca e o viño. Refórzase así a identidade colectiva, normalízanse as relacións, cúmprese un rito de pasaxe entre a mocidade na tribo aldeán.

Nos arredores de Braganza, nas aldeas de Podence, Santulhao, Vinhais... comprobamos que elementos pagáns, relixiosos, lúdicos súmanse na máscara, nos disfrazo, nos ritos que trunfan no Entroido. Si ben hai outros días con máscaras, os máis xa perdidos, dende o 8 de setembro das vendimas, dedicado á Virxe, ás festividades de Todos os Santos e Defuntos, no Nadal, datas que en Tras os Montes alégranse coa Festa dos Rapaces, do San Estevo, a Festa dos Mozos, o San Bastián... E a longa corentena do Entroido, despois os Maios, o Corpus... Recomendamos pois o Entroido do Sur de Ourense, mesmo o arraiano, dende a Limia a Monterrei, pasando por Maceda e a Viana do Bolo, pra prolongalo a Sanabria e Braganza, onde os herdos prehistóricos do culto aos verró, ao porco teixo, bravo que procede da espesura do bosque se mestura con aportes charros, zamarróns, mesmo das culturas precolombinas, maias, incas destas terras que deron conquistadores, misioneiros e vagamundos... Compre pousar en Bragança, visitar o seu Museu Ibérico da Máscara e do Traje, iniciativa que partiu de exposicións iniciais promovidas por ese motor de cultura brigantina trasmontana que é o Museu do Abade de Baçal, arredor da iniciativa de estudosos como Francisco Manuel Alves, Sebastiao Pessanha ou Benjamim Pereira, este autor de Máscaras Portuguesas (1973) referente neso de estudar, gardar e mostrar a identidade. Modelo pra Galiza de hoxe, onde tanto está por facer máis alá do meritorio traballo do Museo do Pobo Galego, que asume a cuestión, a vertente dos rituais con máscaras e que tenta por a salvo algunhas mostras de traxes, carautas,ritos, músicas e danzas que tamén son filmados. Tratar nesto das orixes é algo máis que Antropoloxía, é recurso orixinal na uniformización global.