O gran pintor renacentista Rafael Sanzio, un dos artistas máis xeniais de todos os tempos, pintou por encargo do Vaticano A Transfiguración, un dos seus últimos cadros e un dos de maior tamaño de todas as súas obras. Dous cardeais viron o cadro xa rematado e criticaron algún detalle. A Rafael non lle gustaba que os profanos en arte criticaran a súa pintura, así que cando un dos cardeais sentenciou: "Os rostros de San Pedro e dalgúns outros santos son demasiado vermellos", non tardou nin un segundo en retrucar: "É que son así". "Como que son así, onde?"-preguntou indignado o cardeal, ao que Rafael, sereno e certeiro respostou: "No ceo! Vermellos de vergonza de que a Igrexa teña cardeais tan pouco entendidos en pintura". Pois, amigo Francesco, algo avergoñados deben andar algúns dos seus cardeais, porque iso de tapar espidos de Venus e Afroditas e madonnas para que Rohani o iranio non se sinta molesto porque as súas crenzas lle impiden contemplar a arte dos nosos antepasados, non parece algo do que un poda sentirse moi orgulloso. E, presidente Renzi, outro tanto dos seus conselleiros e ministros. O Renacemento non é tal sen Italia, e Italia non é tal sen o Renacemento. E ao Renacemento se lle quitas os espidos, pois lle quitas case un trinta por cento do seu poderío e riqueza. Hollande, tivo algo máis de orgullo. Cando o iranio anunciou que non quería que se servise viño na comida que ía compartir co mandatario galo porque os preceptos da súa relixión llo impiden, o presidente francés mudou a comida por un té. E é que todo ten un límite. Hai anos, nunha recepción a unha autoridade irania, á que fun invitado, non dubidei en negarlle a man ao noso convidado. E non pensen que fun un maleducado. Explícome. É que el, antes de ofrecerme a súa man a min, negoulla a unha política galega, polo feito de ser muller. El non estreitaba a man dunha muller porque consideraba que non debían exercer a política. De acordo que foi hai anos. E que as cousas puideron cambiar moito nese país, pero todo ten un límite. E eu, naquel momento, crin que debía negarlle a miña man. Dito isto. Irán é necesario? Si. A calquera prezo? Non. Uns radicais pensarán: pero "por que é necesario Irán para Occidente?" Pois porque dentro de Irán hai iranios. E todos os pobos do mundo son necesarios para que exista o planeta Terra. Outros radicais pensarán: "como que a calquera prezo, non?". Pois porque Occidente precisa de Irán, pero Irán e os iranios precisan de Occidente. Porque ofrecemos a nosa cultura aos demais desinteresadamente e só a cambio de respecto. E porque posuímos unha disciplina da cultura que moitas outras culturas non posúen: a pintura. Rembrant, Velázquez, Picasso, Magritte, Mondrian, Dalí, Seoane, Colmeiro, son a nosa tarxeta de presentación contra a intolerancia. E non me negarán que é unha tarxeta moi rica en cores, e a cor sempre é vida.