Si home si

Ence: morrer matando

06.02.2016 | 01:02
Ence: morrer matando

Non sei que esperan vostedes dos gobernos. Así en xeral, de calquera. Nacer, naceron en teoría para defendernos, de outros gobernos e de nós mesmos. Máis ou menos como os sistemas de protección eses que ofertaban uns emigrantes, maiormente de Sicilia, aos seus paisanos nalgunhas cidades norteamericanas. Por se pasaba algo. "É que nunca me pasou nada". "Pois pódelle pasar en calquera momento. Sobre todo se non paga". Os señores, os gobernos, os estados, partiron do mesmo principio. Quitábanlle as terras a uns, e por se viñan os antes espoliados ou uns novos espoliadores, uns dixéronlle á maioría que foran traballando que eles mentres velarían por se había que defender, ou atacar aos que non traballaban, segundo o caso. Na actualidade, hai dúas liñas fundamentais de pensamento sobre a función dos gobernos akao Estado: os partidarios de que non estorbe e faga o mínimo (multas de tráfico e pouco máis), chamados liberais, e os partidarios de que, xa que está, que traballe a favor da maioría e que poña os servizos que non son negocio, desde a sanidade á educación, e non soamente a policía e o exército.

Hai unha terceira liña, híbrida o espuria: en teoría reclámase liberal, pero na práctica o que fai é aproveitar o Estado para que interveña a favor da minoría, en concreto na minoría na que eles están. É a liña que está triunfando, e se se preguntan como pode ser que algo que beneficie a unha minoría, e non para igualala, pode triunfar nun réxime democrático, faga o favor de volver ler as primeiras liñas. Cos cartos cómpranse vontades. Sempre houbo pobres. Para que nos imos buscar problemas. Mellor malo coñecido. Todos son iguais. Pero liberais, intervencionistas ou mediopensionistas, os gobernos en funcións deberían ser como os corpos en coma: ocuparse unicamente das funcións vitais. Que se paguen as nóminas dos funcionarios, que saia auga cando se abre unha billa, e pouco máis. Ou, se lles parece moi drástico, igual que os veciños que nos coidan o neno: velar que non se manque, ou que non queime a casa, e darlle a merenda.

Pois acabamos de ir recoller o pequeno e Mariano Rajoy resulta que nolo deu en acollida. Iso si, poderémolo recuperar cando cumpra 18 anos. Iso máis ou menos é o mesmo que renovar ata 2073 a estancia da celulosa de Ence na ría de Pontevedra. Non vou insultar a intelixencia de ninguén explicando por que Ence ten que liberar un recheo ilegal, como fixeron outras empresas. Quen ten que argumentar por que renova unha concesión a punto de extinción, cando xa daba as boqueadas de todo tipo de normas e de presión social é quen o fai. Pero soamente ten dúas explicacións: como sempre penso o mellor de todo o mundo, penso que é un favor de balde. E tamén un uso empresarial habitual. O único que ten que facer unha compañía en España é meter un expresidente, un exministro ou incluso ex alto cargo dos partidos de goberno nos consellos de administración, ou frecuentar o palco do Real Madrid. Algo parecido a cando se gobernaba España desde a corte dos Austrias ou dos Borbóns. Así temos as tarifas de internet máis caras de Europa, as de telefonía móbil e as de enerxía nos postos de cabeza, os transportes, caros e ineficientes. En ningún dos casos, as privatizacións dos sectores supuxeron nin abaratamento de prezos nin mellora na calidade dos servizos. Repasen a lista dos colocados por aí.

Que o regreso a Pontevedra lle sexa leve, ex presidente.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine