Viaxar de balde

08.02.2016 | 00:44
Viaxar de balde

É que a ver se agora se van poñer de acordo os que pensan diferente?". Curioso comentario en ton de reproche que escoitei o outro día nun autobús da nosa cidade. A frase ten moita miga, moita. Podemos dividila en tres partes: "agora", "poñer de acordo" e "os que pensan diferente". Imos de atrás para adiante. "Os que pensan diferente?". Claro, comentarista, os que pensan igual non teñen que pactar sobre nada. Os que pensan igual acostuman a militar ou votar ao partido que pensa coma eles. O pacto é entre dous e non con un mesmo. É entre distintos, senón non sería un pacto, sería un acto onanista. Eu pacto comigo mesmo! Como me gusta pactarme! Pero, non, o pacto existe para lograr goberno entre xentes que pensan diferente. "poñer de acordo". Pois claro, comentarista, se se pretende facer un executivo de garantías terán que poñerse de acordo nunha morea de puntos nos que non o están. Diso se trata. Chegar acordos, "agora". Claro, comentarista, ten que ser agora. Non pode ser dentro dun mes, que xa levamos moito tempo perdido. A non ser que queiramos que repitan as eleccións. Que puidera ser e non pasaría nada. Xa comprobamos que despois dun mes e medio no que o presidente en funcións estivo desaparecido, o país seguiu funcionando. Ao mellor é que o de Rajoy é gobernar en funcións. Pode ser, ou ao mellor é que estaba moi atento ás fichaxes do mercado de inverno futbolístico. Quen sabe? O que parece obvio, é que se el tivese dado un paso ao lado, como Artur Mas, o PP estaría gobernando con Ciudadanos. E agora a pelota está no tellado de Pedro Sánchez. Un individuo que quere ser presidente como sexa. Incluso foi quen de suprimirse un par de letras do seu apelido por marketing, e venderse ao votante como Snchz. Se cadra, Snchz, parecíalle máis xermánico. Nunca se sabe. A pregunta non é se Pedro Sánchez ten cintura para negociar. Está claro que si, e pode ter máis se se lle pide. A pregunta é se sabe cara onde quere ir logo de chegar a bo porto nas negociacións e acadar un pacto. Como está de moda citar a Chrchill, eu, non quero ser menos. Como saberán, Churchill, pertencía ao partido conservador. E, polo tanto, era adversario dos laboristas. Un reporteiro durante nunha entrevista referiuse á antigüidade do partido laborista. Churchill atallouno de inmediato: "Son moito máis antigos do que eles mesmos supoñen. Teña en conta que o primeiro laborista foi Colón". O xornalista ficou pampo e quixo saber que quería dicir Churchill, polo que este, axiña, saciou a súa curiosidade: "Verá, Colón foi o primeiro en non saber adonde ía e non saber adonde chegaba, nunha viaxe que lle pagaban os demais". E isto é o realmente importante. Nesta aventura dos pactos, os que cheguen a acordos teñen que ter claro cara onde van, e non perder nunca de vista que lles pagamos nós. Porque en política sempre se está viaxando cara algures, pero é moi doado facelo, porque, os políticos de hoxe, sempre o fan de balde, e viaxar de balde é tan bonito. E si, se non queremos novas eleccións, "agora terán que poñerse de acordo os que pensan diferente". Aínda que algúns, o que desexan, precisamente, é ir cara unhas novas eleccións. E nótaselles. E xa están en campaña.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine