Si home si

Onde está a cámara oculta?

13.02.2016 | 01:13
Onde está a cámara oculta?

Vale, xa fixeron un monte de risas a conta nosa. Como broma pesada estivo ben. Agora que nos digan onde está a cámara oculta e que o dos titiriteiros que pasaron cinco días en prisión e o rebumbio todo que se montou foi iso, unha montaxe. Non a montaxe que é evidente que foi, senón das outras, unha performance mediática, algo como La guerra de los mundos, pero en xudicial. Como que nos invaden os tribunais da Inquisición desafiando o tempo ou os de Pol Pot, rompendo a maiores a distancia. Soamente así se explica o inmenso disparate, que sería cómico se non fose tráxico, de deter, encarcerar e manter a acusación contra os autores dun teatrillo no que saía unha pancarta co texto Gora Alka-Eta.

As siglas ETA, con ou sen Gora, saen en innumerables reportaxes e documentais, e incluso en películas. E hai filmes como El proceso de Burgos (sobre un xuízo inxusto e político a xente que era de ETA ou non), La fuga de Segovia (etarras que se fugaban non da cidade, senón do cárcere de Segovia) ou Operación Ogro (etarras que dinamitaban, sen ser castigados ao final, ao presidente do Goberno de España), cuxa proxección é perfectamente legal, polo menos ata a semana pasada. Da mesma maneira que a creación e exhibición da serie Dexter non quere dicir que Show time exalte o asasinato polo método do esfole e posterior despezamento. Ou Breaking Bad non significa un atentado á dignidade dos profesores de química, nin é un alegato a prol do do it yourself na fabricación e venda ao detalle ou granel de metaanfetamina. Mesmo hai fundadas sospeitas de que en El Gran dictador, Chaplin non pretendía facer unha homenaxe a Hitler, incluso hai teorías que sosteñen -queabsurdo!-que pretendía todo o contrario, facer unha sátira do líder nazi.

En todo caso, como apoloxistas do terrorismo, os titiriteiros granadinos resultaron ser moi ecuménicos, ou partidarios de levar a cociña de fusión ao terreo bombista, no que vindicar "Alka-Eta" é como promocionar "Coca-Pepsi" no mundo dos refrescos. A maiores, se esa fusión é agora unha marca coñecida, ata o punto de ser reproducida no Entroido ourensán e nunhas pintadas nas rúas coruñesas, non é por culpa dos seus inventores, a modesta compañía Títeres de Abajo, que se limitaron a sacar un carteliño de medio folio perante trinta nenos, senón dos necesarios cooperadores: o xuíz Ismael Moreno, o partido no Goberno do Estado e os medios madrileños habituais. Se alguén ten algunha responsabilidade é a pobre ánima que encadrou o espectáculo nun programa para nenos (aínda que non sei onde o encadraron nos concellos do PP onde os contrataron antes). Aos que se poñen a debater a pertinencia ou non dun espectáculo de marionetas nun país no que se botan pola tele en franxas de horario infantil contidos para nada recomendables, empezando porcorridas de touros (algunhas promovidas por concellos, ás que permiten asistir a menores) no Novo Testamento chamábanlle, se non recordo mal, algo da construción... Ah, si!: "Escribas, fariseos e sepulcros branqueados".

É o momento de esixir unha inspección a fondo nos depósitos e rede de tuberías do Canal de Isabel II para detectar algunha máis que probable contaminación na auga da traída á que se lle poda achacar tan alta porcentaxe de condutas disparatadas e mentes retortas como as que se dan na zona da capital onde se coce todo. Incluído o goberno local. Se alguén ten que denunciar algo, señora alcaldesa, sería como moito Alka Setlzer, pero eles están afeitos a calmar tormentas cun vaso de auga.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine