Ter palabra

15.02.2016 | 00:46
Ter palabra

O grande orador Cristino Martos, tiña que intervir como avogado defensor nun caso. Por circunstancias debidas ás súas multiples ocupacións, de todos é sabida a frenética actividade que Martos desempeñaba no seu tempo, chegou á Audiencia precipitadamente cando só faltaban uns minutos para o comezo da vista.

Coas presas confundiu o seu cometido, e no lugar de defender ao reo, converteuse no seu acusador. No curso da súa brillante intervención, recibiu un papel que dicía: "Trabúcase vostede lamentablemente. Ten que actuar como defensor". Cando o leu, o orador, sen alterarse, e con gran dominio da situación proseguiu: "Canto acabades de oír sería o que diría un fiscal, pero eu, o defensor, vou rebater punto por punto as afirmacións que supostamente acaban de se facer".

E a continuación pronunciou unha magnífica defensa do acusado, tan boa, que logrou a súa absolución. O dito "donde dije digo, digo Diego", non vale para todo.

Hai que darlle un valor ao discurso do noso pensamento. O poder da palabra e o poder de ter palabra. De respectar a palabra dada. Somos un país complexo, contraditorio. A OTAN non, pero acabamos metidos na OTAN por aqueles que antes berraban que non.

E os que nos meteron nunca tiveron a valentía de explicarlle á cidadanía a verdade. Que non era outra que si non entrábamos na OTAN, non poderíamos formar parte da nova Europa que se estaba a crear.

E a España lle conviña estar, entre outras cousas, para acabar co ruído de sables dunha vez. Depender dun mando europeo en materia militar mudou moito a vida externa do noso exército, porque a interna segue sendo, en moitos aspectos, un misterio.

Unha vez máis pensaron que a opinión pública española non estaba preparada para esta explicación. É dicir, coma sempre, tomáronnos polo que non somos: uns nenos.

Coa política con respecto ao Sahara, pasou outro tanto. Cambiouse a palabra dada, pasouse de apoiar ao pobo saharauí a rirlle as grazas aos monarcas marroquís.

E así, coa subida dos impostos, o estado de benestar e os desaucios, etc. Sempre se da unha palabra desde a oposición e durante as campañas electorais que logo non se cumpre. Nos merecemos algo máis que brillantes oratorias, claro que os políticos que temos tampouco é que sexan moi brillantes na súa oratoria.

Pero o importante é a palabra. Non defender hoxe unha cousa e mañá outra, Esta é a moralexa do caso de Cristino Martos. A súa anécdota é extraordinaria aplicada ao seu oficio e no contexto en que sucede, pero non pode ser trasladada ao mundo da política. E, desgraciadamente, o dito "donde dije digo, digo Diego", cada día é máis frecuente no comportamento dos nosos administradores. Os nosos maiores selaban a venda dun animal, dunha leira ou dunha casa, estreitándose a man.

A súa palabra tiña un poder. Non deixemos que estes falabaratos nos quiten a honradez que habita no corazón do ser humano.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine