A verdade é que xa non recordo por que razón o mundo libre comezamos a considerar inaprazable a democratización de Siria. Obviamente, unha das razóns era que era unha ditadura. Esa é unha condición necesaria nestes tempos, a diferencia de antes, que chegaba que se lle puxera nos fuciños ao secretario de Estado dos Ídem Unidos, como en Chile cando gobernaba Salvador Allende, e noutros tantos casos. É condición necesaria pero non suficiente en primeiro lugar porque hai experiencias bastantes de que o tiro -nunca desgraciadamente mellor dito- saíu pola culata. Nalgunhas (Libia) sen sacar aparentemente un can da experiencia, nin sequera Halliburton, a petroleira do exvicepresidente de Bush Dick Cheney. E en segundo lugar, porque na zona non é que falten ditaduras para escoller. Botes para onde botes un mísil, cae nunha.

Postos a supoñer, podemos supoñer que escolleron Siria porque limita con Irak e xa pillaba todo a man, e tamén era unha fronteira ameazante cos nosos aliados tradicionais Israel e incluso Turquía. E tanto o sirio Basharal-Asad como o iraquí Sadam Hussein eran do Partido do Rexurdimento Árabe Socialista (Baaz) e tiñan bigote. Pode haber xente retorta que considere que ser, a maiores dun país produtor de petróleo, un lugar de paso de oleodutos que transportan o petróleo doutros países (e polo tanto, cobran e controlan ese paso) é ter case a totalidade das rifas para que te democraticen polas boas ou polas malas, pero quizais lles tocou aos sirios porque o botaron ao chinchimonis. Nunca se sabe. En cuestión de política exterior non se sabe se é peor a maldade ou a torpeza.

Sexa por unha cousa ou por outra, o que se conseguiu dándolle azos á oposición armada ao Bigote II (e cartos a parte do seu exército para igualar a cousa) foi o habitual. Os que desexan un mundo mellor, e tamén todos aqueles cun carisma por estrear ou que consideran desaproveitado, ou os que están moimosqueados cos veciños porque lle levaban o gando a mexar río arriba, montan o seu grupo rebelde, escollen un nome que mete medo e hala, a poñer a man, e a mazarse co exército e entre si. E como pasa sempre, os máis animais son os que levan as de ganar. O Estado Islámico, coa axuda decisiva de exmilitares e exmilicianos do exército e do Baaz iraquís que as forzas de ocupación norteamericana deixaron no paro, ocupa a terceira parte de Irak e dúas de Siria, apoiados segundo se dicía por Arabia Saudita e outras monarquías do Golfo. Contra eles loitaron os libaneses de Hezbolá, proiranianos, mentres o Exército Libre de Siria e os kurdos facíano a dúas mans, contra uns e contra outros, segundo lles cadre.

Agora todo o mundo mete a culler. A Garda Revolucionaria de Irán substituíu a Hezbolá, Rusia meteuse a bombardear en axuda do goberno sirio e Francia e Estados Unidos en contra do Estado Islámico (o que non quere dicir que a favor do goberno). Turquía tamén bombardea aos kurdos que están en Siria e aproveitando o rebumbio mata a man aos que teñen dentro das súas propias fronteiras. A consecuencia de todo isto é que quen quere vivir en paz, que é a inmensa maioría da xente, millóns de persoas, se poden escapa de aí, preferiblemente cara aquí. Se a democracia é tan boa, o lóxico, dirán, é ir onde a fabrican.